Catalunya quere decidir o seu futuro (crónica doutra Diada histórica)

O Pobo catalán falou na rúa. Cuase 2 millóns de persoas -1,8 segundo a Guardia Urbana- exixen ao Goberno español ter dereito a decidir, ao tempo que demandan a Artur Mas que "poña as urnas".

V
photo_camera Foto: Nació Digital.


 

Catalunya voltou a expresar o seu desexo de votar ser un estado independente o vindeiro 9 de novembro. Nin os escándalos económicos dun dos seus símbolos da transición e a súa historia máis cercana, o ex- presidente Jordi Pujol, nin os ataques mediáticos recibidos pola Assemblea Nacional Catalana (ANC), algúns mesmo traspasando calquera ética xornalística, detiveron a vontade cidadá de saír á rúa e berrar que queren ter o dereito democrático de decidir o seu futuro.

Días antes do 11 de setembro, o día ou Diada nacional catalá, certo espírito pesimista encheu follas de xornais e minutos nas televisión do país. Haberá unha resposta social semellante a de edicións anteriores? A campaña deste ano, organizada pola ANC e Òmnium Cultural, tiña os mesmo alicerces que as anteriores: unha moi boa organización e unha forte axuda do voluntariado propio con experiencia en actividades anteriores. A guerra oculta do unionismo, entre correos chamando á desmobilización por supostos incidentes ou a presenza de fascistas nunha manifestación horas antes, serviu de ben pouco. Logo das 16 horas, milleiros de persoas de todas as idades comezaban a desprazarse en transporte público e privado por toda Barcelona para ocupar o seu lugar na simbólica V.

Aínda resoan as palabras da presidenta da ANC pouco antes de remataren a concentración: “Presidente, poña as urnas”.

Camisolas vermellas e amarelas, segundo a sección do tramo a ocupar, enchían as dúas rúas máis grandes da cidade. Non eran catalás e cataláns, eran cidadáns de Catalunya. Bandeiras e símbolos de moitos países convivían coa maioritaria “estelada”. Crianzas, mozas, vellos, xente de todas as idades seguían as indicacións da organización sen deixar de ollar de esguello o helicóptero que recollía as imaxes aéreas da concentración. Grandes pantallas informaban do que acontecía noutros puntos da V e unificaban momentos importantes do acto como os discursos de Carme Forcadell, presidenta da ANC, e Muriel Casals, presidenta de Òmnium Cultural. Ledicia ao chegaren ás 17:14 h., lembrando a data da perda das liberdades para Catalunya, e peche da grande concentración cunha homenaxe a Peret (“Catalunya ten moito poder”) e co canto do seu himno nacional, “Els Segadors”.

Tempo de avaliación

Nos vindeiros días, se cadra horas, pasarán moitas cousas que decidirán parte do futuro do proceso soberanista catalán. Aínda resoan as palabras da presidenta da ANC pouco antes de remataren a concentración: “Presidente, poña as urnas”. O grande interrogante, a decisión de Mas arredor do día 9 de novembro, ten diante a proba expresa de todo un pobo.  Deste 11 de setembro quedarán moitas anécdotas, unha delas foi a campaña de difusión por Twitter co 'hashtag' que propuxo a ANC e que co seu #CatalansVote9Nt foi  'trending topic mundial', con máis de 25.000 chíos en 10 minutos, mais o importante é a sensación que levou cada participante nunha xornada histórica, outra máis, a menos de dous meses dunha consulta popular que agora semella imparábel.

Máis en Països Catalans
Comentarios