Catalunya prepara a 'Diada' da Independencia

A Assemblea Nacional Catalana (ANC) xestionou mil autocarros para a concentración pola independencia do 11 de setembro. Entre @s participantes confirmaron a súa presenza membros de ICV-EUiA e dirixentes do PSC. As redes sociais mobilizáronse na preparación e difusión da edición deste ano.

'O independentismo está maduro', aseguraba a Sermos Galiza Ferran Civit i Martí, membro do Comité Executivo da Assemblea Nacional Catalana (ANC), nunha entrevista publicada en exclusiva ao semanario. Os últimos datos chegados da convocatoria unitaria, despois de moitos anos con convocatorias divididas, danlle a razón. Máis de mil autocarros chegarán a Barcelona este once de setembro polo que a previsión d@s organizador@s e dos medios de comunicación aseguran que a asistencia superará o millón de persoas. Ninguén quere quedar fóra desta celebración reivindicativa e ademais das formacións políticas independentistas acudirán outras que até uns días non participaban desa idea, como é o caso de ICV-EUiA e dirixentes do PSC. Por esta última formación confirmaron a súa asistencia os exconselleiros socialistas Marina Geli, Ernest Maragall e Montserrat Tura, así como o alcalde de Lleida Àngel Ros.

Ademais das formacións políticas independentistas acudirán outras ICV-EUiA e dirixentes do PSC

'Diada' e redes sociais
Parte da difusión nacional e internacional que ten a 'Diada' de Catalunya ten moito a ver coa intensa actividade que están a ter na rede @s internautas e as diferentes iniciativas dixitais. A ANC presentou hai uns días a paxina web 11s2012.cat desde a que se realiza un seguimento en tempo real sobre as diferentes achegas e novas d@s internautas a través dos 'hashtags' #11s2012 e #11sCAT9estat. Conta coa posbilidade de recoller fotografías de Instagram e ten a versión en inglés coa cal difunden o 'hashtag' #CataloniaSaysYEStoIndependence.

O propio goberno catalán apuntouse ás redes sociais este 11 de setembro e creou un perfil de Twitter, @seguretat11s, onde informan sobre loxística e seguridade para o 11 de setembro.

Para aquelas persoas que non podan asistir en persoa aos diferentes actos previstos ese día a plataforma Catalansalmon.com, unha rede mundial de páxinas webs que pon en contacto cataláns que viven no resto do mundo, abriu unha páxina especial. Sinalando a situación onde un se atopa nun directorio queda feita a adhesión á manifestación independentista de xeito virtual nun mapa do mundo.
En relación coas redes sociais realizouse un chamamento, o día 10 de setembro ás 22 horas, para que twitter difunda a mensaxe en inglés de que a independencia é necesaria. O 'hashtag' proposto, #FreedomForCatalonia, non conseguiu ser TT e nas redes apuntouse a posibilidade dunha manipulación.

Imaxe: ANC 

Máis en Països Catalans
Comentarios