PUIGDEMONT, PRESIDENT DA GENERALITAT

Catalunya inicia o camiño cara á independencia

[ACTUALIZADA ÁS 22.57H] Na súa intervención no pleno de investidura, Carles Puigdemont, afirmou que “abrimos un período de post autonomía e pre independencia”.

NACIODIGITAL
photo_camera [Imaxe: NacioDigital]

Carles Puigdemont salientou no seu discurso de investidura a importancia que representa o acordo entre Junts pel Si e a CUP porque supón “abrir un período de post autonomía e pre independencia”. Aproveitou para pedirlles perdón aos cataláns e catalás por chegar ao acordo cando apenas ficaban horas para esgotar o prazo.

Desde o hemiciclo, Puigdemont dedicoulle unhas palabras de agradecemento a Artur Mas, que ao renunciar á Presidencia, facilitou o acordo entre Junts pel Si e a CUP. Sinalou, ao respecto, que Mas “tiña todo o dereito a presidir este país nun momento excepcional. Débolle un agradecemento fondo ao 129 president da Generalitat. Por moitas cousas”.

Respecto da decisión adoptada por Mas, Puigdemont apuntou que “hai que pensar primeiro no país e nas persoas e non nos partidos”. Engadiu que “salvar a investidura, mais non salvar a lexislatura non tería servido”.

Camiñar á luz da declaración do 9N

No seu discurso, Puigdemont apostou en "camiñar á luz do que o Parlament aprobou na declaración do 9 de novembro" e que se basea en iniciar o proces para construír o estado independente, en que as decisións do Parlament son soberanas, en abrir un proceso constituínte e en ofrecer vontade de diálogo permanente co Estado español, a UE e a comunidade internacional. Neste sentido, comprometeuse a traballar por unha constitución propia, por unha facenda propia, un banco central e unha seguridade social de Catalunya.

Entre as prioridades do seu goberno citou como principal que Catalunya sexa un país máis xusto, máis equitativo e máis saudábel. En segundo lugar, defendeu que Catalunya ofreza máis traballo, sexa máis creativa e máis aberta. E, finalmente, marcouse como prioridade que o país sexa máis transparente e exemplo de boas prácticas.

Sobre o programa de goberno, advertiu de que é “o mesmo” que o presentado por Mas durante o debate de investidura do mes de decembro, “o candidato non é o mesmo pero o programa si”. Sinalou que deixa a Alcaldía de Girona con tristeza.

As reaccións das forzas políticas no Parlament

Inés Arrimadas (C's) xustificou o voto en contra da súa formación "non só por discrepancia política, senón porque non se pode estar de acordo cos que queren saltarse as leis, a democracia e a xustiza". Comprometeuse a traballar respectando as leis, as resolucións xudiciais e todos os cataláns, incluídos os que non pensan como Ciudadanos.

Miquel Iceta, líder do PSC, avisou os independentistas de que as decisións do Parlament son lexítimas e democráticas sempre que se amparen na legalidade vixente. Expresou que espera que o novo Govern non basee a súa praxe en dividir Catalunya entre bos e malos patriotas e que a actuación parlamentar do bloque soberanista non marxine o resto dos partidos.

Lluís Rabell, portavoz de Catalunya Si que Es Pot, insistiu no seu discurso que a ruptura co resto do Estado "non é lexítima nin legal". "O plebiscito non se gañou. Obtiveron un mandato para formar goberno pero non para facer unha secesión unilateral. Non haberá ningunha desconexión, porque non hai lexitimidade para o facer", engadiu.

Xavier García Albiol, portavoz do PP no Parlament, dirixiuse a Puigdemont para lle dicir que "nin vostede nin ninguén iniciará ningún tipo de proceso de ruptura de Catalunya co resto do Estado. Téñao moi claro".

Anna Gabriel, deputada da CUP, avanzou os votos dos parlamentares desta formación política: oito deles votarán a favor e haberá dúas abstencións para manifestar as diferentes sensibilidades da CUP. Explicou que decidiron apoiar a investidura porque estamos diante dunha lexislatura "de marcado carácter excepcional". Expresou o desexo de que esta sexa a lexislatura "da ruptura, dos cambios, das transformacións e dos retos".

Rajoy: "Ao Estado non lle faltará firmeza para defender a unidade"

O presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, xa lle advertiu ao novo Govern que "o Estado funciona sempre" e alertou de que non deixará pasar nin unha soa actuación que vaia contra a lei. "Non lle faltará firmeza para defender a Constitución, a unidade e a soberanía nacional", dixo respecto do Estado.

Nunha comparecencia desde a Moncloa, Rajoy criticou que Puigdemont baseara o seu discurso de investidura na "ilegalidade xa constatada" polo Tribunal Constitucional, en alusión ao proces soberanista.

Resultado da investidura

Finalmente, Carles Puigdemont foi investido president da Generalitat número 130 cos votos a favor dos 62 deputados e deputadas de Junts pel Si e oito da CUP -os outros dous parlamentares, Gabriela Serra e Josep Manel Busqueta, abstivéronse-. Votaron en contra C's, PSC, PP e tamén Catalunya Si que es Pot.

Após a  presidenta do Parlament, Carme Forcadell, anunciara o resultado da votación, Puigdemont recibiu unha sonora ovación da parte esquerda do hemiciclo, ocupada polos parlamentares de Junts pel Si e da CUP. A parte dereita, onde se sitúan C's, PSC, PP e Catalunya Si que es Pot, gardaron silencio. A primeira reacción de Puigdemont foi abrazar Mas e estreitarlle a man a Anna Gabriel, Jordi Turull, Oriol Junqueras, Marta Rovira, Raul Romeva e Eduardo Reyes. "Visca Catalunya Lliure" foron as palabras que elixiu Puigdemont para fechar o pleno que o investiu president. 

Forcadell xa lle solicitou audiencia ao rei para que nomee Puigdemont president da Generalitat. Na segunda feira, Puigdemont, que deberá tomar posesión do seu novo cargo nun máximo de cinco días, deixará a Alcaldía de Girona.

Máis en Països Catalans
Comentarios