As enquisas apuntan unha vitoria de CiU o 25N mais non aseguran a maioría absoluta

Máis de 5,2 millóns de catalás e cataláns, segundo o último censo electoral, teñen a posibilidade de votar o vindeiro 25-N. As dúas enquisas publicadas, unha da Generalitat e outra do goberno español, coinciden na vitoria de Artur Mas e difiren na súa maioría absoluta. As CUP acadarían representación no Parlament.
Mas no Parlamento Catalán
photo_camera Mas no Parlamento Catalán

Será o Parlamento da X lexislatura. En total concorren 62 candidaturas, 16 por Barcelona, Lleida e Tarragona, e 14 por Girona. A poucas horas de comezar a campaña electoral en Catalunya dúas enquisas tentan achegar cal é o sentimento do pobo catalán e a súa intención de voto de cara as eleccións do 25-N. 

O Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) dependente do Ministerio de Presidencia do Estado español asegura que CiU aínda non ten a maioría absoluta, que en Catalunya está nos 68 escanos. A formación que lidera Artur Mas conseguiría entre 63 e 65 escanos mentras que o PSC caería dos 28 aos 19 escanos, mantendo a súa posición como segunda forza política, e ERC tería un espectacular aumento de 10 a 17 deputad@s. O PP reduciría a súa presenza no Parlamento catalán de 18 a 16-17 deputad@s e Ciutadans subiría en representación de 3 a 7. ICV acadaría 11 escanos, un máis que na actualidade, e Solidaritat reduciría a súa presenza de 4 a 1.

Segundo os datos facilitados polo CEO o 69,8 por cento propón un cambio de relación co Estado español

O Centre d'Estudis d'Opinió (CEO) da Generalitat de Catalunya dalle a maioría absoluta a CiU con 69-71 escanos, seguido do PP con 18-19 e o PSC con 15. ERC conseguiría 14 deputad@s e ICV repitiría o resultado das anteriores con 10. Ciutadans subiría a 6 e as CUP entrarían por primeira vez no Parlamento catalán coa posibilidade de chegar a ter 3 deputad@s.

Independencia si ou non

A enquisa do CEO tamén pregunta sobre a definición da poboación de cara a un hipotético referendo pola independencia. Segundo os datos facilitados por ese centro o 69,8 por cento propón un cambio de relación co Estado español, chegando a declararse independentistas un 44,3 por cento e un 25,5 asegura ser federalista. Só un 19,1 por cento mantén o seu apoio a ser unha comunidade autónoma. O independentismo gaña seguidor@s posto que hoxe votarían "si" un á independencia de Catalunya un 57 por cento fronte ao 45,4 de hai un ano.

Como curiosidade a enquisa sostén que os votos partidarios da independencia virian de SI (98,8%), ERC (96,3%), CiU (69%), ICV-EUiA (66,3%), PSC (35,2%), PP (13,3%) e C's (3,2%).

Máis en Països Catalans
Comentarios