Catalunya comeza a campaña electoral máis importante da súa historia

Independencia, federalismo, unionismo e saída da crise son as ideas básicas que centrarán estes días a campaña electoral do 25N. As principais forzas políticas escolleron Barcelona ou concellos da súa área de influencia para presentar @s candidat@s. Un vídeo chama á participación lembrando a caída do Muro de Berlín.
Inicio de campaña de ERC
photo_camera Inicio de campaña de ERC

As formacións políticas que se presentan a estes comicios comezaron a campaña electoral cando o reloxo mudaba de quinta a sexta feira, esta mesma madrugada. A tradicional pegada de cartaces inicia de xeito formal a petición de voto e os candidatos e candidatas dan as primeiras ideas que logo desenvolverán até o mesmo día de peche o vindeiro 23 de novembro.

CIU e o seu candidato, Artur Mas, pediron unha "maioría excepcional" para que "tomen en serio a Catalunya". Foi nun dos pavillóns da Fira de Barcelona, habilitado para a ocasión, nun acto presidido pola proposta de convocatoria de referendo pola independencia. "Precisamos facer o traxecto non con remos, cando eles levan motores de alta velocidade". Mas chegou a pedir o voto "prestado por un tempo" para cumprir o mandato do Parlamento de Catalunya.

Terrassa acolleu o inicio de campaña do PSC e o seu candidato, Pere Navarro, repetiu o guión federalista cun chamamento ao "orgullo" socialista de cara a estas eleccións. Acompañado de Núria Parlon, alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet, e de Jordi Ballart, alcalde de Terrassa, Navarro falou de "fractura" de España e atacou as políticas económicas estes últimos meses por parte de CiU.

ERC decidiuse por comezar a campaña nun dos "feudos" socialistas, o barrio de Can Ros de Barcelona. O seu candidato, Oriol Junqueras, fixo un chamamento a poñer o futuro Estado catalán "ao servizo dos cidadáns". Apelou ao seu pasado como alcalde de Sant Vicenç dels Horts e ao seu traballo nese municipio para pedir que "sexa unha realidade a igualdade de oportunidades".

Para o PP de Catalunya esta campaña ten algo de "xeral". Se cadra por este motivo comezouna onde Rajoy obtivo a súa última maioría absoluta: Castelldefels. A Candidata, Alicia Sánchez-Camacho, estivo acompañada polo ministro do Interior español, Jorge Fernández Díaz e polo alcalde dese municipio, Manuel Reyes. O seu discurso evitou falar de propostas económicas e podería resumirso co lema que escolleron: "Catalunya sí, España, también".

Joan Herrera, candidato de ICV-EUiA, comezou a súa campaña electoral en Cornellà del Llobregat empregando a mesma táctica que Artur Mas e pediu "o voto prestado". Entende que é un momento de "emerxencia nacional" e el@s son a única formación política que defenderá os intereses da xente contra os recortes de CiU.

Solidaritat Catalana (SI) escolleron os cines Lauren de Barcelona para o inicio de campaña. Alfons López Tena, o seu candidato, asegurou que son a "única garantía para conseguir a independencia" fronte ao que denominou "cobardía" de CiU.

A CUP-Alternativa d'Esquerres, formación que se presenta por primeira vez a unhas eleccións ao Parlamento catalán, iniciaron esta campaña electoral no barrio de Gràcia de Barcelona. O candidato, David Fernàndez, reuniu a unha parte do sector cultural catalán no acto celebrado do "Centre Artesà Tradicionarius". Reivindicou que a decisión destas eleccións non está "entre a loita social e nacional dos Països Catalans". A pegada de cartaces comezou no exterior dunha oficina de "La Caixa". 

Albert Rivera, candidato de Ciutadans, iniciou a campaña nun céntrico hotel de Barcelona. Con música de Pink Floyd e referencias ao aniversario da caída do muro de Berlín, presentou o seu cartaz electoral co lema "Mejor unidos".

"Cauen els murs"

Miquel Calçada, xornalista e co-fundador do grupo Flaix, Salvador Cardús, economista e profesor de Sociologia a la UAB, Vicent Partal, xornalista e director de Vilaweb, e Ramon M. Piqué, guionista e realizador, fixeron un chamamento á participación da cidadanía nestas eleccións a través dun video que leva por nome "Cauen els murs" (Caen os muros). Nel identifican a histórica caída do muro de Berlín, coincidindo co seu aniversario, co que significarán estes comicios para o pobo catalán.

Máis en Països Catalans
Comentarios