Catalunya, a cen días da consulta soberanista

A cen días da consulta, o clima político en Catalunya non baixa a garda e apura os pouco máis de tres meses que restan para o referendo. A mobilización do 11 de setembro será a data chave antes da cita do 9 de novembro. 

Diada
photo_camera Diada

Apenas cen días faltan para a consulta soberanista e a tensión política é o clima habitual en Catalunya, incrementado polo resultado da recente xuntanza entre Rajoy e Mas e a crise provocada pola confesión de evasión de capitais do expresidente Jordi Pujol. 

Até o vindeiro 9 de novembro, o calendario intensifícase coas miras postas na consulta pola independencia e cunha cita chave: as mobilizacións do 11 de setembro nas que se agarda que arredor de dous millóns de persoas saian á rúa para facer ver a forza social do proceso soberanista. 

Antes do referendo o proceso soberanista ten unha cita chave: a Diada na que se agardan participen por volta de 2 millóns de persoas

Dúas xuntanzas do goberno catalán presidido por Artur Mas servirán para mostrar o pulso da situación e a decisión da Generalitat de levar adiante o referendo, unha vez confirmada a negativa do goberno central de dar o visto bo á consulta. Serán o 5 e o 26 de agosto cando o executivo catalán se xunte co referendo como tema central das reunións. En setembro é probábel que Jordi Pujol compadeza no Parlament para explicar o caso que revolucionou a política catalá, coa confesión das súas contas millonarias en paraísos fiscais, parello a súa renuncia a calquera dereito vinculado a súa condición de expresidente como despacho, coche oficial, honorarios e mesmo a condición de “honorábel”. 

Maior forza mesmo que os anos anteriores se agarda que teña a mobilización da quinta feira 11 de setembro, cando, a só dous meses da consulta é posíbel que dous millóns de cidadáns de Catalunya mostren a solidez da demanda social e respalden activamente a vontade de levar adiante o referendo. 

Catalunya estará tamén atenta aos resultados do referendo de Escocia que se desenvolverá o 18 de setembro, arredor de mes e medio antes da súa propia cita electoral. A reacción da Unión Europea con respecto aos resultados de gañar a independencia de Escocia será crucial para Catalunya. 

Catalunya está atenta aos resultados so referendo de Escocia, o 18 de setembro

As pedras españolas no camiño

En setembro o proceso iniciará o seu trámite parlamentar coa aprobación da lei de consultas e a posterior convocatoria, que terá que estar asinada antes do 9 de outubro, data a partir da que se abrirá o proceso de inscrición para participar na consulta. O referendo non terá día de reflexión e a campaña desenvolverase até o propio 8 de novembro, véspera da votación que será organizada só polo Goberno catalán a través de dous mil puntos en todo o territorio. 

Segundo informa o xornal dixital Vilaweb, a partir do 10 de xaneiro procederase a decidir a maneira de facer efectivo o proceso constituínte, de trunfar as teses soberanistas na convocatoria. Adianta a posibilidade de redactar unha constitución provisional e eleccións parlamentarias encamiñadas á elaboración da primeira Constitución da República. A incógnita está nas pedras que o goberno español pode introducir no camiño da soberanía catalá. 

Máis en Països Catalans
Comentarios