Catalunya, aínda máis lonxe de España

Após coñecerse a data e contido da pregunta que se formulará ao pobo catalán no referendo de autodeterminación, Irmandade TV viaxou a Catalunya para coñecer de primeira man a reacción social mais tamén a das principais forzas políticas. Aurélio Lópes cóntanos o que está a acontecer nun país que se prepara para tomar as rendas do seu futuro.

Sabíase que sería antes de fin de ano cando o goberno da Generalitat xunto cos partidos que apoian o dereito a decidir, anunciarían a pregunta e a data para a consulta. Francesc Homs, portavoz do goberno de Artur Mas afirmara que entre o 27 e o 31 de decembro sería anunciada a consulta soberanista. Por iso case ninguén o agardaba cando foi anunciada o pasado xoves. A recta final da negociación (entre martes e mércores) foi reducida a un pequeno grupo de dirixentes de cada partido coa fin de manter a máxima discreción nun momento de especial importancia para o proceso independentista en Catalunya. A foto da escenificación visibilizou un pacto que vai desde o independentismo anticapitalista das CUP, pasando polo federalismo de ICV, ou o nacionalismo conservador de Unió. E con CDC e ERC; Mas e Junqueras como grandes protagonistas do pacto, do presente e do futuro político mais inmediato en Catalunya.

A reacción dos partidos políticos españois e nomeadamente de PP e PSOE, de Rajoy e Rubalcaba, foi a agardada pola meirande parte das forzas políticas catalanas: é imposible de facer, non cabe na constitución, referendo ilegal... Unha ladaíña coa que boa parte da sociedade catalana xa se acostomou hai un tempo a convivir. Esa música de fondo, presente mais lonxana, real nas institucións do estado mais marxinal na realidade social catalana. Oriol Junqueras, líder de ERC, non puido ser máis explícito ao referirse á torpeza constante do nacionalismo español. Nun acto multitudinario este sábado, dous días despois do anuncio da consulta, ante máis de 4.000 militantes e simpatizantes afirmou “dar as grazas ao goberno español por ser unha fábrica de independentistas”.

Aínda persite unha mensaxe nalgúns medios estatais que constantemente atribúen o momento político e social que vive Catalunya a unha fuxida cara adiante do president Artur Mas ou de certa clase política que viría a empurrar ao povo catalán ao proceso independentista. Para Vicent Partal, director do diario dixital Vilaweb, “Artur Mas tivo unha capacidade de liderado moi alta, pero evidentemente o proceso non é Artur Mas”.

Vicent Partal, director de Vilaweb: “Artur Mas tivo unha capacidade de liderado moi alta, pero evidentemente o proceso non é Artur Mas”

Para Partal, a garantía do proceso independentista catalán é que se trata dun “proceso popular, non é un proceso dirixido polos partidos políticos”. Neste sentido as consultas soberanistas que comezaran 4 anos atrás en Arenys de Munt; o traballo da ANC, a Assemblea Nacional Catalana, a organización que dinamiza o proceso independentista; a AMI, Assemblea de Municipis per la Independència; ou o Òmnium Cultural son varias das organizacións que están na engranaxe da Catalunya que se move. Vicent Partal explicita: “houbo 2 millóns de persoas na Vía Catalana sobre un censo de 5 millóns. Practicamente a xente que precisamos para gañar, a temos en fila india”.

MADRID RESPONDE AOS VOTOS CON NEGACIÓN

A reacción inmediata do PP e do PSOE foi calificar a consulta como imposíbel de realizar. Rajoy aseverou que non se vai celebrar nen negociar nada e Rubalcaba posicionouse “contra o dereito de autodeterminación”. Determinados sectores da dereita, cos seus correspondentes altofalantes mediáticos, reclaman en liñas de xornais e tertulias de televisión, medidas como a suspensión da autonomía de Catalunya cando haxa unha resolución oficial e institucional de convocatoria da consulta.

Para Vicent Partal, unha hipotética suspensión da autonomía “sería a propia declaración de independencia. O president non vai marchar, nen os deputados do Parlament, nen os xornalistas deixar de saír ás rúas...”. Considera que a solución para “o estado español só tería un xeito de frear o proceso, que é convocar o referendo e que gañe o non”. De todos os xeitos, afirma convencido que “o golpe en España será tremendo. Será a derrota de España”.

Na sucesión de acontecementos, fica para o contraste, o tremendismo na linguaxe de Madrid e a normalidade democrática que se respira en Catalunya. O apoio á que se poida realizar a consulta é amplísimo: segundo a enquisa de “El Periódico” realizada despois do anuncio da consulta, un 74 % da poboación demanda a autorización da consulta ao executivo central. Entre eles, un de cada catro votantes do PP e o 44% dos votantes do unionismo rexeneracionista de Ciutadans.

“O estado español dille á xente que non pode votar e nós que si pode votar, que é o que queren. Convirten a palabra independencia en sinónimo da palabra democracia. Nós preferemos ir a un debate de independencia si ou non e que poda haber un debate con argumentos” afirma Oriol Amoros, vicesecretari general de ERC.

Oriol Amoros (ERC): "O Estado español converte a palabra independencia en sinónimo de democracia"

No que si existe certo escepticismo é sobre se na data do 9 de Novembro serán definitivamente chamados a votar. Neste sentido, algúns como Duran i Lleida, teñen falado de eleccións “plebiscitarias” no caso de que o referendo puidera ser declarado ilegal. Para Alfons López Tena, ex-vogal do CGPJ e ex-deputado de Solidaritat, sería un camiño “que non existe. As eleccións son a representantes. Aquí a xente quere votar pola independencia e ese é o compromiso afirmado por Artur Mas e por ERC no Parlament”. Para Vicent Partal: “de se prohibir o referendo, o seguinte paso é convocar eleccións, e no caso de gañar as forzas que leven a declaración unilateral de independencia no seu programa, materializala a través do Parlament”. Para Oriol Amoros, de ERC “o único que hai por parte do goberno español é a ameaza. Están dicindo: se vostedes deciden facerse independentes imos facer todo o posíbel por facerlles a vida imposíbel.

A RELACIÓN COA UE

Definitivamente, outro dos terreos nos que existe constante cruces de informacións é sobre a relación do futuro Estado de Catalunya con Europa ou a UE. Neste sentido habería que diferenciar segundo López Tena entre moeda, economía, servizos e persoas; e institucións: “non habería problema en funcionar co euro. No eido económico e de dereitos das persoas e servizos só se pode revocar co acordo dos 28 estados membros, é dicir, por unanimidade; finalmente tería que haber unanimidade para formar parte das institucións; comisión europea, funcionarios, xuíces... chegaría co veto dun só estado para ficar fóra”  Partal pensa que a sociedade chegou “a un punto no que á xente lle da igual se lle ameazan con ficar fóra da UE. Vale! Igual é mellor... Está a medrar o sector que di directamente que non queremos estar. Eu penso que a UE vai ter un problema serio nesta cuestión...”. 

VOTAR ES DEMOCRACIA. TOTS PER UN NOU PAIS

O sábado, ERC, convocou un acto baixo a lexenda “Votar és democràcia. Tots per un nou Pais” no Forum de Barcelona, onde coincidiron cadros e militantes da formación. O actor Juanjo Puigcercós,  o xuíz Santiago Vidal ou o próximo candidadato ás eleccións europeas Terracabras, participaron no acto como oradores. Un acto baixo un formato moi distanciado do clásico. Cun Oriol Junqueras falando entre o público e sen papeis, intervencións musicais, pequenas intervencións de destacados profesionais e intelectuais, actuacións musicais ou materiais audiovisuais.

Con data e pregunta fixada, parte da mensaxe centrouse en destacar as novas alianzas. Junqueras, líder de ERC, afirmou que “a pregunta que aprobamos é mellor que a que propuña ERC. Agora somos moitos, e iso supón unha forza extraordinaria”. Sobre o resto de partidos que están no pacto afirmou que “non son adversarios, son os nosos compañeiros e amigos”.

A saída do acto, nunha das entrevistas que serán emitidas en Irmandade TV, Oriol Amorós, de ERC analizaba que “o único que hai por parte do goberno español é a ameaza. Están dicindo: se vostedes deciden facerse independentes imos facer todo o posíbel por facerlles a vida imposíbel”.

As CUP subscribiron a data e pregunta mais consideran que a pregunta formulada está “orientada a facilitar unha negociación e pacto co estado”. Con todo anuncian que traballarán pola “celebración, con autorización ou sen ela e pola victoria do si” no referendo.

"Non sabemos como será exactamente, mais se algo hoxe fica claro en Catalunya, é que veñen de dar un novo paso dun camiño xa trazado"

ICV-EUiA apoia a consulta. O seu voceiro, Joan Herrera afirmou que “a España das autonomías rematou” e apoiarán o estado propio cara unha formulación federal. 

Pola súa banda, Unió non se pronunciou sobre a segunda pregunta, á diferenza de ERC, CDC ou CUP que xa adiantaron o dobre sí. Con todo, Duran i Lleida ten expresado a súa posición contraria á independencia. Non entanto, o seu partido de coalición, CDC, aliás de anunciar campaña polo si desenvolverá tamén a nivel internacional outra baixo a lexenda “Let us vote”.

No PSC, despois de anunciar un xiro federalista na súa proposta de deseño constitucional, finalmente desmarcouse da consulta, aliñándose co PSOE. Dirixentes críticos como Fabián Mohedano, da corrente Avancem, ou Ernest Maragall estiveron presentes no acto de ERC este sábado.

O PP e Ciutadans posiciónanse en contra da consulta e demandan o impedimento da súa celebración.

CATALUNYA VAISE

Moitas son as incógnitas que fican por despexar nos 11 intensos meses que quedan por diante até a data de consulta. Non sabemos como será exactamente, mais se algo hoxe está claro en Catalunya é que veñen de dar un novo paso dun camiño xa trazado. Administrativamente son estado español, mentalmente xa racharon con 1978. A democracia en Catalunya está coa consulta.

Máis en Països Catalans
Comentarios