ENQUISA PUBLICADA POR 'PúBLICO'

As candidaturas independentistas obterán a maioría absoluta o 27S

A sondaxe concede 60 deputad@s de 135 a 'Junts pel Si' e 13 a CUP, que sumarían 73 escanos, 5 por riba da metade máis un. Ciutadans, segunda forza (21) e 'Catalunya si que es pot' tería 16.

Manifestación pola independencia en Catalunya
photo_camera Manifestación pola independencia en Catalunya

De se celebrar agora as eleccións cataláns o Parlamento resultante tería maioría absoluta de deputad@s independentistas. Son os resultados da enquisa do Observatorio permanente de JM&A para o diario español 'Público'. O inquérito sinala que as forzas independentistas atinxirían o 49% dos sufraxios.

A coligazón 'Junts pel Si' (articulada sobre CDC, ERC e independentes) sería a que obtería un maior apoio nas urnas, obtendo 60 escanos. Na actualidade a suma de Convergència (50) e ERC (21) é de 71 escanos. Ciutadans sería a segunda forza no Parlament, con entre 20 e 21 deputad@s, duplicando a súa representación actual (9) e posicionándose como a principal foza unionista en Catalunya. A plataforma 'Catalunya si que es Pot' -nucleada en torno a Icv, Podemos e EuiA- obtería 16 escanos. Un resultado 'modesto' se temos en conta que na actual cámara Icv e EuiA -sen Podemos- ten 13 parlamentares.

Outra das formacións que experimenta un aumento electoral considerábel é a CUP, que tería segundo esta sondaxe 13 deputad@s (agora ten 3) e desputaría ao PSC (13 escanos na enquisa, 20 na actualidade) a cuarta praza na Cámara catalá. O PP caería dos 19 que ten agora até 11/12; e a Unió de Durán i Lleida moveríase nun arco de entre 0 e 2 parlamentares.

Este inquérito prevé que a participación supere o 71%, todo un récord nos comicios autonómicos en Catalunya. A alta participación non prexudica o independentismo, como se vén mantendo desde as formacións estatais e medios de comunicación.

Máis en Països Catalans
Comentarios