O BOE publica os recursos e suspende calquera acto vinculado ao 9-N

Coa súa publicación prohíbense os "actos" e "resolucións" vinculados á consulta. Organizacións políticas e sociais chaman á desobediencia.

#mutsialagabia
photo_camera #mutsialagabia

Após o Pleno do TC tomar en consideración o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno español en relación ao referendo de autodeterminación convocado pola Generalitat para o vindeiro 9 de Novembro, o BOE efectiviza a suspensión cautelar e impugnación do mesmo facéndoa extensíbel "a terceiros" e a todos os "actos" ou "resolucións" convocados con motivo desta data. 

Así o recolle o Boletín Oficial do Estado en senllas disposicións xerais que suspenden tamén a Lei de consultas aprobada por ampla maioría (106 votos) no Parlament de Catalunya o 19 de setembro. Nos documentos, sinálase que a máxima instancia conta cun prazo "non superior a cinco meses" para "ratificar ou levantar" a devandita suspensión. Unha medida que se extende a "cantos actos ou resolucións" puideran ter sido ditados en aplicación dos mesmos. 

Suspéndense os actos e campañas vencellados ao 9-N

Destarte, fica anulada a campaña institucional promovida pola Generalitat para difundir a data da consulta e as preguntas que se formularán ao electorado. Da mesma maneira, suspéndense as "actuacións de preparación para a convocatoria da devandita consulta" e calquera outra actuación "vinculada a ela". 

A Generalitat retira de maneira "cautelar" e "temporal" a campaña institucional do 9-N

A axilidade coa que respondeu o Tribunal Constitucional ao recurso presentado polo executivo de Mariano Rajoy --apenas unha hora e media-- visa frear calquera posibilidade de convocatoria da consulta. Neste senso, o Govern de Catalunya anunciou que retira a campaña institucional de maneira "cautelar" e "temporal". No entanto, o vicepresident da Generalitat, Francesc Homs, asegurou que "onte non rematou nada" e que o "proceso continúa". 

Segundo Homs, a decisión do TC suspende o decreto de convocatoria da consulta mais, dixo, "non está anulado". Iso si, acrecentou, "temos que actuar en consecuencia". 

Folga estudantil e desobediencia

Pola súa banda, as organizacións políticas e sociais independentistas iniciron xa as accións de denuncia perante a impugnación e suspensión ditada polo Constitucional. Entre elas #mutsialagabia, unha campaña viral que fixo ferver as redes sociais mais cuxo sitio web foi suprimido. 

Algunhas das organizacións mesmo chaman á "desobediencia" e a dar continuidade aos preparativos da consulta. Desde os sindicatos estudantís xa convocaron unha folga para os vindeiros 7 e 8 de outubro, baixo o lema 'Buidem les aules, Omplim les urnes' coa que exixen "ás autoridades catalás a convocatoria da consulta, desobedecendo a suspensión cautelar do TC se for preciso", afirman. 

Máis en Països Catalans
Comentarios