Eleccións xerais

BComú condiciona unha candidatura conxunta con Podemos á formación dun grupo parlamentar propio

A formación de Ada Colau vén de aprobar o impulso dunha candidatura catalá para as eleccións xerais. Barcelona En Comú condiciona á formación dun grupo parlamentar propio unha posíbel candidatura conxunta con Podemos e con ICV.

ada colau
photo_camera ada colau

O consello plenario de Barcelona En Comú decidiu na tarde de onte impulsar unha candidatura catalá para as eleccións xerais. Fica agora negociar e debater de maneira interna se se presenta de maneira conxunta con Podemos e ICV. A plataforma da que Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, é a súa cara visíbel condiciona a candidatura conxunta con Podemos e ICV á formación dun grupo parlamentar propio.

Os requirimentos aos que alude BComú nun comunicado de prensa son que a candidatura “actuará como un proxecto político soberano” e que “o obxectivo é conseguir un grupo parlamentar propio no Congreso”. Tamén indica que “a campaña electoral e a orientación política desta forza electoral estará dirixida con criterios propios de soberanía catalá”.

Barcelona En Comú esixirá un referendo vinculante sobre o futuro político de Catalunya

A organización da que forma parte Colau salienta que o programa se artellará ao redor da “radicalización democrática mediante o dereito a decidir”. Esixirá “un referendo vinculante sobre o futuro político de Catalunya no que todas as opcións poidan expresarse libremente con todas as garantías. O programa político tamén se erixirá en defensa do “municipalismo cidadán, que xa está demostrando que se pode gobernar doutra maneira”.

Non será unha simple suma de siglas”, sinala a formación na nota de prensa, na que se sinala que a listaxe electoral terá unha “natureza eminentemente cidadanista”.

Tamén ICV puxo de manifesto no día de onte que traballa por configurar unha coalición con Podemos, Equo e Barcelona En Comú co fin de que a candidatura consiga “voz propia” un marcado acento catalanista no Congreso.

Máis en Països Catalans
Comentarios