sábado 19/09/20
Só 434 MILITANTES DUN TOTAL DE 1.200, A PROL DE INVESTIR O LíDER DE CONVERGèNCIA

As bases da CUP votan contra Mas

O agardado Debate Nacional da CUP -unha sorte de congreso extraordinario da formación independentista e anti-capitalista- saldouse este domingo cunha ratificación da liña anti-Mas.

Foto: Vilaweb
Foto: Vilaweb

Por volta de 1.200 militantes da CUP resolveron este domingo a cuestión chave que desde o 27 de setembro, a data de realización das eleccións ao Parlament, condiciona todo o procés: o apoio ou non á candidatura de Artur Mas á presidencia da Generalitat.

As bases da CUP referendaron a posición maioritaria da dirección, contraria á aceitación de Mas como candidato. Para a CUP, Mas simboliza o neoliberalismo e a corrupción. Junts pel Sí consideran, en troca, que o líder de Convergència, partido que vai camiño da disolución para dar paso a unha nova forza política, é un activo porque garante o apoio de segmentos sociais significativos -basicamente dun sector da burguesía- ao proceso independentista.

Para a CUP, Mas simboliza o neoliberalismo e a corrupción

Neste Debate Nacional submetíanse a análise e votación catro opcións distintas. A número 1 -continuar a negociar con Junts pel Sí visando a consecución dun plano de choque social e a abertura dun proceso constituínte, mais sen aceitar Mas como candidato- foi a máis votada, con 823 apoios. En segunda praza ficou a número 4, que tamén desbotaba a investidura de Mas, e que xa abría a marxe a ir a eleccións antecipadas. Conseguiu 574 votos.

Votou alguén a opción de investir Mas? Si, esa hipótese era a número 2 -fechar un acordo constituínte e rupturista con Junts pel Sí e aceitar a Mas como candidato- e colleitou 434 sufraxios. A opción 3 -agardar ao resultado do 20D e abrir un escenario de diálogo con Catalunya si que es Pot- apañou 129 votos.

comentarios