O barrio de Sants en pé de guerra contra o derrubo do CSO Can Vies

O edificio, propiedade de Transportes Metropolitanos de Barcelona, foi despexado e derrubado após 14 anos ocupado en réxime de auto-xestión. As cargas policiais desembocaron nunha batalla campal en defensa do CSO Can Vies. Vídeo no interior. 

Can vies 2
photo_camera [Imaxe Plataforma de Suport a Can Vies]

Os barrios de Sants e Grácia, en Barcelona, espertaron esta cuarta feira (28 de maio) remexidos polos inicidentes que decorreron durante a madrugada. Após o derrubo do Centro Social Ocupado Can Vies --sito nun edificio titularidade de Transportes Metropolitanos de Barcelona-- moitas foron as persoas que respostaron ás accións dos Mossos d'Esquadra. Os axentes cargaron contra @s manifestantes que rexeitaban o despexo e derrubamento do CSO Can Vies. Porén, finalmente a orde xudicial foi executada o que orixinou unha batalla polas rúas de Sants. 

Baixo o lema 'Non pasarán. Somos Can Vies' arredor de 500 persoas apuparon as forzas policiais despregadas e amosaron a súa solidariedade coas ocupantes do edificio que unha a unha eran despexadas para proceder á destrución do vello edificio.

A Plataforma de apoio a Can Vies foi a organización convocante da mobilización que contou tamén co apoio de representantes da CUP, ERC, ICV-EUiA e a Federación de asociacións veciñais de Barcelona que se sumaron ás demandas do centro social e exixiron a retirada da orde de despexo, unha decisión que non apoiou o Concello. 

O derrubo dun "espazo de contrapoder"

Após sete anos de loita nos xulgados, @s ocupantes e o Ajuntament de Barcelona racharon as negociacións perante a negativa da administración local a retirar a petición de despexo que finalmente foi ratificada pola xustiza. Logo de 17 anos de ocupación e auto-xestión, o CSO Can Vies foi derrubado poñendo fin a un espazo que visaba desenvolver un outro modelo social. 

"Temos claro que a decisión de tirar e desaloxar [o centro social] é puramente política e ten como obxectivo dinamitar un espazo de contrapoder completamente auto-xestionado e que fuxe da tutela institucional", explicaron desde a Plataforma de apoio a Can Vies. Neste senso, a resposta social foi contundente face o derrubamento e, de madrugada, converteu o barrio de Sants e as rúas paralelas nunha batalla campal entre un grupo de manifestantes e os Mossos. 

Barricadas, queima de contedores e mesmo da maquinaria empregada para o derrubo do edificio precederon á confrontación directa entre @s axentes e @s manifestantes. 

Máis en Països Catalans
Comentarios