As reaccións da oposición en Catalunya inician a precampaña

ERC, Solidaritat e Joan Laporta cren positiva a convocatoria e ICV-IU pon por diante o “modelo de país”. O PSC asegura que levará unha postura federalista e o PP de Catalunya anuncia unha posición unionista nas eleccións como Ciutadans que fala de que Mas “nos leva ao abismo”.

Jaume Collboni, voceiro do PSC, afirmou que o discurso do presidente da Generalitat foi “o seu primeiro acto de campaña”. Para @s socialistas de Catalunya Mas “tería que falar dos problemas da xente como faremos nós”. Collboni criticou que fixera un discurso “fóra da realidade” e “instalado na ambigüidade”. Sobre a postura do seu partido asegurou que “o PSC non se afastará do debate mais tampouco queremos un frontismo branco contra negro, nin xogar coa estratexia da ruptura”. Collboni rematou afirmando que a proposta do PSC é “ter unha relación federal que antes terá que pasar por unha consulta aos cidadáns”.

Oriol Junqueras, presidente de ERC, afirmou en relación ao discurso e convocatoria de eleccións de Mas que “millóns de cidadáns de Catalunya poñen parte das súas esperanzas no que pasará nos vindeiros meses”. Para Junqueras “o presidente Mas tiña a maioría parlamentaria para avanzar na dirección que quere o país, mais se non o viu claro respectamos a convocatoria de eleccións”. Sobre a resolución conxunta que Mas presentou no Parlamento Junqueras dixo que quixeran “que recollera o que pedía a xente o 11 de setembro: que fale de Catalunya como un novo Estado de Europa mais non romperemos a unidade”.

A presidenta do PP de Catalunya, Alicia Sánchez-Camacho, asegurou que “pasaron cousas graves no Parlamento” e cualificou o discurso de Mas de “desafio” ao Estado español posto que “iniciou un camiño con resultado incerto”. Sobre os motivos de Mas para convocar as eleccións asegurou que Rajoy transmitiulle no seu momento que na reunión que tiveron na Moncloa “o que non quixo negociar foi Mas posto que Rajoy propúxolle modificar en 2013 o reparto fiscal das comunidades autónomas e negouse”. Sobre a hipotética situación dun parlamento con maioría independentista asgurou que “o PP aceptará o resultado das urnas” posto que “somos un partido democrático”.

Joan Herrera, de ICV-IU, afirmou que Mas “fixo o seu primeiro acto electoral”. Para Herrera o presidente da Generalitat “leva moitos días facendo de candidato e hai días que tiña este cálculo electoral”. Segundo a súa opinión os motivos terían que ser “os fracasos do seu goberno” e non os que formulou. Herrera lembra que Mas prometeu a cohesión social, o pacto fiscal e eliminar o paro, “cousas que non fixo”. Asegurou que “un pais maduro e democrático ten que encarar todos os debates” e puxo os exemplos de Quebec e Escocia. “Abrimos un debate polo dereito a decidir”, sinalou o lider de ICV-IU, “e Catalunya é un país maduro e democrático”. En clave electoral asegurou que a súa formación política falará “do modelo de país que queremos”.

Albert Ribera, voceiro de Ciutadans, aproveitou a conferencia de prensa posterior para falar das liñas do seu partido de cara as eleccións que se convocaron no Parlamento. “Chegou a hora da verdade posto que CiU apostou pola separación de España”. Para Ribera “Mas lévanos cara ao abismo e a fractura social” e “a boa noticia é que Mas marcha e nós estamos convencidos de que non voltará”. O lider de Ciutadans asegura que Mas “decidiu partir en dous a Catalunya” polo que “hai que reformar Catalunya e estaremos cos cidadáns que queren seguir sendo cataláns e españois”
Por último asegurou que a situación en Catalunya non é “só un problema catalán senón tamén é un problema español”.

Por parte de Solidaritat falaron Alfons Lopez Tena e Uriel Bertran. “Estamos satisfeitos” aseguraron ambos. Para López Tena “son as eleccións da Catalunya independente, as que serán clave do si ou non da independencia”. Solidaritat quixo deixar claro que a petición do pobo é pola independencia “ e non “pola autodeterminación que é algo ambiguo”. Polo seu lado Uriel Bertan amosou a “ilusión diante destas eleccións co horizonte da independencia”. Sinalou que “as eleccións son un xeito de adiantar a independencia, agora é o pobo catalán quen ten o poder”. Rematou a súa intervención asegurando que “o 25-N será un referendo pola independencia, un voto de confianza, un voto de optimismo”

Joan Laporta, de Democracia Catalana, felicitou a Artur Mas polo seu discurso, “xeneroso e espléndido” e propuxo “unha coalición de partidos de cara a unha proposta conxunta pola independencia”. Laporta pensa que “hoxe é un día histórico porque CiU incorporou a súa axenda a proposta independentista”.

Máis en Països Catalans
Comentarios