As forzas soberanistas catalás poderían ir nunha listaxe conxunta ás europeas 2014

Sectores de Convergència Democrática de Catalunya, o partido de Artur Mas, defenden abertamente un acordo con Esquerra Republicana de Catalunya para concorreren ás eleccións ao Parlamento europeu

Continúan os movementos no taboleiro catalán. Conxurada a ameaza dun acordo con Rajoy que fixera descarrilar o referendo soberanista, sectores de Convergència Democrática de Catalunya, o partido de Artur Mas, defenden abertamente un acordo con Esquerra Republicana de Catalunya para concorreren ás eleccións ao Parlamento europeu do 25 de Maio de 2014. 

A xogada non é só ir cos independentistas de Junqueras, mas tamén desfacerse da compañía de Unió Democrática, o partido de Duran i Lleida que non ve con bos ollos a aposta de Mas na criación dun Estado catalán propio.

A tensión entre converxentes e democrata-cristianos non cesa no seo de CiU. As diferenzas non teñen a ver coas políticas sociais -quer Mas quer Duran 
i Lleida partillan, con matices, o mesmo credo neoliberal-, mais si coa cuestión nacional. Duran i Lleida defende a inserción de Catalunya nun Estado plurinacional e non fecha as portas a un acordo con Madrid, gobernar a dereita do PP ou a socialdemocracia do PSOE. 

Mas, en troca, ve esgotada a vía do pactismo estatutario e advoga por Catalunya rumar cara á independencia. ERC tamén aloumiña a hipótese dunha candidatura conxunta dos soberanistas. De feito xa en 2009 Oriol Junqueras -daquela candidato a Europa, hoxe presidente do partido- defendía abertamente un acordo que incluíse CiU, ERC e tamén Iniciativa per Catalunya [finalmente non foi posíbel e ERC foi en coligación con BNG e Aralar]. 

Agora, o secretario xeral adxunto da formación republicana, Lluis Salvadó, postula unha coligación das forzas “partidarias da independencia e contrarias ás políticas da austeridade”.

Salvadó enfatiza o valor da unidade soberanista tendo en conta que as europeas se realizan o mesmo ano en que a Generalitat ten previsto convocar o 
referendo que permita ao pobo catalán pronunciarse a prol de se quer ou non dotarse dun Estado propio.

De asinarse este acordo, ficaría fanada a hipótese de as forzas soberanistas de esquerda de Euskal Herria, Catalunya e Galiza concorreren xuntos nos que son os próximos comicios en se realizaren, dentro xustamente dun ano. 

Información tirada do número 45 de Sermos Galiza

Máis en Països Catalans
Comentarios