As entidades sociais catalás están en perigo por non poderen afrontar os pagamentos

A Generalitat de Catalunya confirmou non ter liquidez para pagar os custos de xullo nas entidades sociais en que posúe prazas concertadas.

A consellaría de Economía da Generalitat de Catalunya di non poder pagar os gastos do mes de xullo ás entidades sociais onde posúe prazas concertadas, tales como xeriátricos, residencias para persoas con capacidades especiais ou psiquiátricos. O conselleiro Josep Lluís Cleries asegura que se trata dunha cuestión "conxuntural" e que o mes de agosto poderán realizar os pagamentos de maneira normalizada. Con todo, o goberno de Artur Mas confirmaba a pasada semana que Catalunya sería un dos territorios --xunto con Murcia e a Comunitat Valenciá-- que se acollerían ao fondo de rescate europeo. 

A falta de liquidez da Generalitat súmase aos recortes levados a cabo desde o comezo da lexislatura, tanto por parte do goberno catalá, como polo goberno español a través da súa política de axustes. A Asociación catalá de de director@s de centros de atención á dependencia xerontolóxica asegura que a situación é "crítica", especialmente para as persoas de gran dependencia debido á falta dunha equipa humana e recursos materiais suficientes. Así mesmo a asociación informou que esta terza, presentaría unha denuncia formal para determinar se a Generalitat abandonou os dependentes. 

Máis en Països Catalans
Comentarios