As eleccións catalás deixan un Parlament máis soberanista e de esquerdas

Os resultados electorais en Catalunya deixan ver a desfeita do PSC e a tendencia á alza do soberanismo de esquerdas. As eleccións contaron co maior índice de participación desde 1980, cun 70% de votantes que acudiron ás urnas.
Estelada, bandeira pola independencia de Catalunya

Artur Mas foi o derrotado nos comicios do 25N. Após unha campaña electoral en que asegurou que CiU pulaba por unha maioría reforzada que reflectise o apoio popular á nova etapa que se abre en Catalunya, o candidato á presidencia da Generalitat sufriu o maior descenso desde 2006 en que a súa formación iniciara un repunte electoral. Porén, Mas non se amosou derrotado na súa tradicional intervención no Passeig de Gràcia e asegurou que "nas peores condicións de goberno, gañamos" e acrecetaba "obtendo 2,5 veces máis deputados que a seguinte formación política". Así procuraba o president en funcións tornar máis doce os amargos resultados conseguidos en que, para moitas persoas, foron uns comicios históricos.

CiU perde apoios entrementres ERC consegue o segundo mellor resultado da súa historia
Porén, en CiU avanzaron que o líder da formación xa comezara, após coñecérense os resultados, a cavilar nas posíbeis fórmulas de goberno. Neste sentido, Artur Mas aseveraba desde o balcón do Hotel Majestic "buscaremos a maioría no novo Parlament". Nas súas primeiras declaracións, o candidato de CiU xa lanzara unha primeira advertencia ás forzas soberanistas --maioritarias no arco parlamentar-- afirmando que malia que CiU gobernará, dixo, "de maneira obrigada" acrecentaba "non podemos facernos os únicos responsábeis da gobernabilidade do país". Deste xeito, Mas deixaba a porta aberta a posíbeis pactos de goberno --nomeadamente a ERC, que será a segunda forza política con 21 escanos.

Artur Mas (CiU): "Buscaremos a maioría no novo Parlament"

Sen dúbida, foi esta formación a gran gañadora da noite, xunto coas CUP que conseguían a entrada no Parlament con 3 deputad@s. O partido liderado por Oriol Junqueras recuperaba os escanos de 2006 após dúas convocatorias electorais en descenso --e obtiña o segundo mellor resultado da historia para a súa formación. O seu candidato á presidencia da Generalitat aseguraba pouco despois de se coñeceren os resultados que ERC procuraría as fórmulas "máis acaídas" para "tirar cara a adiante" nun momento difícil para moitas persoas verbo da política de recortes desenvolvida durante o seu mandato polo líder de CiU. Aliás, Oriol Junqueras defendeu a necesidade de acumularen forzas perante a situación actual do país e estabelecer fortes relacións "coas forzas sindicais, empresariais, universitarias, cívicas e sociais". Porén, Junqueras salientou a aposta de ERC por continuar avanzando no proceso soberanista iniciado en Catalunya após a masiva mobilización da Diada. "Poñemos o noso resultado ao servizo do país e ao servizo da independencia de Catalunya", aseverou na súa intervención.
Os resultados obtidos por ERC, reforzan a posición do bloque soberanista e de esquerdas que contará nesta lexislatura con 3 deputad@s máis froito da entrada das CUP.

Oriol Junqueras (ERC): "Poñemos o noso resultado ao servizo do país e ao servizo da independencia de Catalunya"

A gran sorpresa
Malia que os primeiros inquéritos non reflectían a entrada das CUP no Parlament de Catalunya, as enquisas realizadas a pé de urna durante a xornada electoral amosaban un importante apoio para a formación, nomeadamente en Barcelona, onde conseguen tres representantes parlamentares. Segundo o seu candidato por esta circunscrición, David Fernández, a formación converterase "no cabalo de Troia das clases populares" e traballará a prol dunha "democracia real", asegurou en conferencia de imprensa, que conte "coas propostas da sociedade". Desde as eleccións municipais de 2003 en que a formación concorría por vez primeira --e de maneira conxunta-- a uns comicios, a Candidatura d'Unitat Popular obtivo un aumento do 300% no apoio amosado polo electorado. As tres persoas que agora pasarán a tomar parte do arco parlamentar uniranse aos máis de noventa concellos en que posúen a alcaldía.

O PSC continúa derrubándose
Seguindo coa tendencia da formación nos comicios españois, galegos e vascos, o PSC sofre unha importante caída a respecto das pasadas eleccións e continúa en caída desde que en 1999 obtivera os seus mellores resultados (50 representantes). O candidato á presidencia, Pere Navarro, amosaba a decepción da formación após o remate do escrutinio asegurando "non é o que queríamos" mais retrucaba que finalmente obtiveran maior representación da cal amosaban os inquéritos. Aliás, aproveitou a súa intervención para interpelar o president en funcións, Artur Mas e sinalar que este "fracasou" ao non conseguir o apoio maioritario que demandaba. Cuestión que tamén subliñou a candidata 'popular' Alicia Sánchez Camacho. O PP de Catalunya convértese na cuarta forza parlamentar e asegurou que @ deputad@ obtido pola súa formación a respecto dos comicios de 2010 "demostra que os cidadáns cren que a prioridade é saír da crise e crear emprego". Para Sánchez Camacho, os resultados de CiU amosan "o fracaso de Mas" e o descrédito, dixo, "do seu proxecto de separación", malia que o soberanismo de esquerdas saiu fortemente reforzado dos comicios.

Máis en Països Catalans
Comentarios