A CUP ábrense a unha Catalunya fóra da UE, mentres o PSC veta o termo soberanía

Continúan as negociacións entre as distintas forzas políticas catalás arredor da Declaración de Soberanía pactada por CiU e ERC. A pouco máis de 24 horas de que se debata no Pleno do Parlament, a Declaración de CiU-ERC só contaría co apoio explícito de ICV-Els Verds.

A CUP dubida entre a abstención e o si crítico ao texto pactado por Mas e Junqueras. Sexa como for, esta formación política presentará o seu propio texto, en que advogan abertamente pola desobediencia civil para desbordar o actual marco político e conquistar así á independencia.

Os independentistas de esquerda queren desligar o exercicio do dereito de autodeterminación do pobo catalán de calquer compromiso de vinculación de Catalunya con ningunha entidade supranacional. Dito doutro xeito, a CUP formula abertamente a hipótese dunha Catalunya independente e non membro da Unión Europea, na liña do artigo publicado esta semana polo director de Vilaweb.

Belixerantes contra a soberanía

As discrepancias do PSC co texto pactado por converxentes e republicanos son moi outras. Para o partido xémeo do PSOE, a Declaración de Soberanía non é máis que unha declaración de independencia fronte á cal o PSC, afirman, será belixerante. Os socialistas cataláns din estar a favor do dereito a decidir, mas en ningún caso a prol dunha Catalunya independente.

A incógnita principal radica pois no sentido de voto dos tres deputad@s da CUP, dado que obviamente non fica nengunha dúbida sobre que votarán os parlamentares de PP e Ciutadans.

O pleno do Parlament de Catalunya que submeterá a votación a Declaración de Soberanía vaise realizar o vindeiro mércores apartir das 10 horas.

Máis en Països Catalans
Comentarios