Artur Mas desbota a 'terceira vía' de Unió e mantén o referendo en 2014

O president da Generalitat asegurou en sesión parlamentar que a 'terceira vía' está esgotada por "cen anos de decepcións". O líder de ERC, Oriol Junqueras, demandou a "necesidade urxente" de se independizaren e forneceren o pobo catalán de "ferramentas de estado" para superar a crise.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

O Parlament de Catalunya acolle o debate sobre política xeral desde a pasada cuarta feira. O proceso soberanista e a siuación económica e social centran as intervencións d@s líderes das formacións que compoñen o hemiciclo. O president da Generalitat, Artur Mas, e o portavoz do partido maioritario na oposición (ERC) coincidiron en sinalar que a independencia de Catalunya é unha necesidade para superar a crise económica. 

A Generalitat desbota a 'terceira vía' proposta por Duran i Lleida
O mandatario catalán rexeitou apoiar a 'terceira vía' defendida polo líder de Unió, Duran i Lleida, porque dixo, "xa a probamos e non funcionou". O portavoz de UDC nas Cortes españolas propuxo demandar ao Estado un pacto fiscal e competencias exclusivas en materia de lingua, cultura e edución. Neste senso, para @s socia@s de coligación de Convergència a consulta determinaría o apoio ou non a este novo estatus para Catalunya mais non constituiría un referendo de autodeterminación como demanda a maioría social catalá. 

UDC defende mudar o referendo de autodeterminación por unha consulta arredor dun novo estatus para Catalunya que garanta o pacto fiscal

Artur Mas descartou esta posibilidade e repasou no seu discurso as propostas desenvolvidas desde 2005 polo Govern catalán a prol dun "encaixe" entre Catalunya e o Estado español mais a todas luces fracasado. "Que é a terceira vía?", se preguntou o president desde a tribuna. "Era o estatut, promulgado polo Parlament, aprovado polas cortes, aprovado polo pobo de Catalunya. Non é unha terceira vía iso?", insistiu o president da Generalitat ao tempo que lembrou o freo imposto polo goberno español e o Tribunal Constitucional a esta posibilidade. 

"o famoso encaixe de Catalunya no Estado non é posíbel", recuncou o líder de CDC, sempre e cando o pobo catalán non renuncie ao seu proxecto colectivo e a ser un suxeito político propio --como defende o unionismo. Algo que a sociedade catalá rexeita a estas alturas como reflicten as masivas mobilizacións decorridas en 2012 e 2013. 

Artur Mas desbota a terceira via porque di xa foi promovida e fracasou co Estatut d'Autonomia

A folla de rota do Govern 
O president da Generalitat lembrou á Cámara a folla de rota acordada pola maioría do Parlament de Catalunya --o 80% d@s representantes-- e que ten por obxectivo fixar a data de celebración do referendo para o vindeiro 2014. Após fixar a data, a maioría da Cámara determinará o contido da consulta.

Neste senso, Mas asegurou que procurará un acordo co Estado para que se respecte a decisión do pobo catalán ou, cando menos, para que o referendo se desenvolva "coa mínima tolerancia". No entanto, apuntou, de non ser así o líder de CDC amosouse disposto a empregar "todos os instrumentos democráticos e legais" para que o pobo catalán poida decidir libremente o seu futuro, mesmo a través dunhas eleccións anticipadas de carácter plebiscitario --como xa anunciara con anterioridade. 

Oriol Junqueras (ERC): "Temos a necesidade urxente da independencia"

ERC urxe "ferramentas de Estado" para saír da crise

O líder da oposición, Oriol Junqueras, urxiu na súa intervención a convocatoria da consulta e a independencia de Catalunya como ferramenta para superar a actual crise económica. "Temos a necesidade urxente da independencia", indicou Junqueras, das "ferramentas de Estado" que permitan decidir á sociedade catalá sobre o seu futuro. 

O president de ERC amosou o seu apoio á folla de rota do Govern mais exixiu fixar a data de celebración do referendo sen demora. 

Máis en Països Catalans
Comentarios