xoves 02/12/21
PRIMEIRO DÍA DE CAMPAÑA

Após un acto de irmandade galego-catalá en Barcelona, o BNG participa na Diada 

“Dá comezo unha campaña con carácter plebiscitario e nós agardamos que Catalunya aposte pola soberanía”, indicou Xavier Vence está mañá, 11 de Setembro, tras a tradicional homenaxe das organizacións catalás a Rafael Casanova. A manifestación xigante da Diada, pistolada de saída da campaña, está prevista para esta tarde (16 horas).

BNG Galiza con Catalunya
Oferenda floral da Diada [Foto: R.P]

 

“Catalunya neste intre é a vangarda da loita democrática dos pobos pola súa liberdade. Un pobo que non está disposto a aceptar este proceso de recentralización do Estado español”, engadiu o portavoz nacional do BNG, quen acudiu á cita canda unha ducia de militantes da organización galega en Catalunya así coma Ana Miranda, secretaria de política internacional e portavoz en Bruxelas, e Bieito Lobeira, secretario de organización.

Malia a chuvia coa que amenceu este 11 de setembro, os actos da Diada deron comezo cunha agardada participación masiva, non só por parte de todas as organizacións políticas a prol do procés, senón tamén por un feixe de entidades culturais catalás que se achegaron a depositar flores perante a estatua de Casanova, conseller en Cap de Barcelona no século XVIII e símbolo da defensa das institucións catalás fronte aos Borbóns na Guerra de Secesión. 

Ao día nacional de Catalunya precedeulle unha xornada festiva de confraternización galego-catalá coorganizada polo BNG mais a Assemblea Nacional Catalana (ANC) e Súmate –entidade que aglutina cidadanía a prol da independencia nada fóra de Catalunya–. Baixo o lema Adiante Catalunya! Galiza pola independencia, na barcelonesa plaça Sóller déronse cita tanto as cabezas visíbeis das candidaturas pola independencia, coma líderes sociais e veciñais a prol da soberanía, así coma representantes de entidades galegas en Catalunya. É o caso de Isabel Vallet, deputada das Candidatures d’Unitat Popular (CUP) no Parlament, quen fixo fincapé que “cómpre que o pobo catalán se desligue dun estado que empurra a cidadanía á miseria social”. “A independencia é un proceso para mellorar a calidade de vida da clase traballadora”, indicou Vallet. 

“Tanques? Que os traian! Tanto nos queren quitar que até nos quitan o medo”

Pola súa banda a activista da ANC e escritora estadounidense afincada en Catalunya, Liz Castro, afirmou que “queremos unha votación vinculante e por iso o 11 de setembro insistiremos na Meridiana –avenida de máis de sete quilómetros de longo onde está prevista a manifestación– no dereito a votar, porque é a democracia”. “España fará todo o que poida para que teñamos medo até a independencia”, aclarou Castro. Eduardo Reyes, presidente de Súmate, ironizou sobre o que consideran o discurso do medo por parte do goberno do Estado: “Tanques? Que os traian! Tanto nos queren quitar que até nos quitan o medo”. “A independencia é unha causa xusta, xa que supón escoller libremente o noso destino”, apuntou Reyes.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

BNG Galiza con CatalunyaPor parte do BNG, Xavier Vence insistiu no esgotamento do modelo autonómico e da necesidade de soberanía para que nacións coma Catalunya e Galiza poida garantir o seu progreso e o respecto a cuestións coma as súas linguas propias. Ana Miranda destacou que a independencia é tamén a ferramenta “do feminismo, do ecoloxismo e de moitas das reivindicacións sociais necesarias”. Bieito Lobeira non se quixo esquecer das tractoradas polos prezos xustos do leite que teñen lugar arestora en Galiza: “non somos expertos en cadeas humanas pero si en tractoradas. O que quedou claro é que hai un intento de calar a mobilización social no noso país”.

Inscritas casi medio millón de persoas

No evento estiveron presentes cun posto entidades coma a Asemblea Cultural Galega de Barcelona. O activista cultural galego afincado en Catalunya Anxo Baranga realizou en vivo o mural En construción. A xornada foi conducida por Suso Mon, presidente de Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGAC).

O BNG participará no tramo inicial na Via lliure, a manifestación composta por 135 tramos que terá lugar a partir das 16h. en Barcelona na que se agarda sexa masiva coma os derradeiros anos: a través da web oficial inscribíronse 485.000 persoas.  

Após un acto de irmandade galego-catalá en Barcelona, o BNG participa na Diada 
comentarios