ASíNANA CANDIDATOS DE JUNTS PEL SI

“Aos españois”, a resposta á carta aberta de Felipe González

Candidatos e candidatas de Junts Pel Si publican hoxe en El País unha tribuna que responde á carta publicada o pasado domingo por Felipe González na que o ex presidente do Goberno español comparaba o proceso soberanista co fascismo e co nazismo.

romeva Catalunya
photo_camera romeva Catalunya

“Para despacharse evocando o peor que sacudiu Europa, equiparando soberanismo a nazismo… hai que ser moi pouco responsábel”, sinala a tribuna publicada por El País e asinada por Raúl Römeva, Carme Forcadell, Muriel Casal, Artur Mas, Oriol Junqueras, Lluis Llach, Gema Bel e Josep María Forné, en alusión á carta de Felipe González publicada polo diario español o pasado domingo, unha carta que cualifican de “libelo incendiario”.

As persoas asinantes advirten no texto do “máis preocupante da situación: os principais partidos españois comparten discurso e estratexia para con Cataluña. A mesma receita, a de sempre, sen tapuxos”. “Cataluña amou España e séguea amando. Cataluña amou a solidariedade e a fraternidade con España e con Europa. E no caso de España fíxoo malia a ausencia de reciprocidade (…)”, continúan, para lembrar que “Cataluña hai séculos que busca un encaixe co resto de España”.

Así non se podía seguir, polo ben de todos. Por iso eclosionou en Cataluña un anhelo de esperanza”, recolle o texto, que alude á sentenza sobre o Estatut e ás ofensas perpetradas polo Goberno central. “Cataluña é e vai seguir sendo unha sociedade democrática, que respecta a vontade dos seus cidadáns”, expón a tribuna, que exemplifica con casos a tradición democrática do país.

A base do acordo "é unha relación entre iguais, o respecto mutuo"

Os membros da candidatura de Junts Pel Si insisten en que a base do acordo “é unha relación entre iguais, o respecto mutuo”. “Só cabe emprazar todos os demócratas a ser consecuentes e asumir o mandato popular. Diso vai o 27 de setembro, de decidir se queremos forxar unha Cataluña que se asemelle a Holanda ou Suecia, que rexa o seu destino con plena capacidade, ou seguir polos mesmos derroteiros”, engade.

“Neste novo país que queremos poderase vivir como español sen ningún problema, mentres que agora é case imposíbel ser catalán no Estado español. O problema non é España, é o estado español que nos trata como súbditos”, conclúe a tribuna, que pide democracia e respecto pola dignidade.

El País publica un editorial crítico coa carta dos cataláns

Xunto á carta, El País publica un editorial no que verte profundas críticas contra o texto asinado por candidatos e candidatas de Junts Pel Si. El País lembra que pon como límite das colaboracións de opinións tanto o respecto polos demais como a calidade do texto e sinala que “ningunha das dúas condicións se dan” na carta que publica. Tamén apunta o diario que a tribuna non aguanta “a máis lixeira análise razoada nin a máis benévola crítica literaria”. Engade que decidiu publicar o texto por “renderlle tributo á pluralidade que sempre practicamos” e polo “indubidábel interese político da misiva”.

Máis en Països Catalans
Comentarios