A ANC aproba a folla de rota cara á independencia e o acto que marcará a Diada'14

Unha grande 'V' unirá a Gran Via e a Diagonal de Barcelona. Ese será o acto da Diada 2014. Así o acordou a Asemblea xeral da ANC onde tamén se aprobou a "folla de rota para os homes e mulleres libres". 

Vilaweb(2)
photo_camera [Imaxes: Villaweb]

A Assemblea Nacional Catalana desenvolveu este sábado (5 de abril) en Tarragona a súa asemblea xeral. Nela, @s integrantes do movemento soberanista catalán acordaron a folla de rota a seguir até a declaración de independencia, que fixan para o 23 de abril de 2015. Un "horizonte plausíbel e mesmo desexábel" afirman desde a ANC. 

Neste senso, o documento aprobado por unanimidade describr os escenarios posíbeis en que se puider desenvolver a declaración de independencia. Escenarios que estarán marcados polo posicionamento adoptado en Madrid. "Debemos prepararnos por se non se puider celebrar a consulta o 9 de novembro, non é o escenario desexado mais quizais o teñamos que facer por outras vías democráticas", apuntou Jaume Marfany, membro do secretariado da ANC desde a tribuna. 

Catro escenarios para declarar a independencia

Así é que o documento acordado prevé catro hipóteses: (1) que se faga a consulta de maneira máis ou menos tolerada por Madrid e nun clima político que garanta estabilidade e fiabilidade suficientes. (2) que se desenvolva o referendo coa oposición frontal do Estado español. (3) que a Generalitat considere que non se pode levar a cabo a consulta porque a situación política e social non o permitan ou (3) que non se realice porque a Generalitat estea intervida política e xuridicamente polo goberno español --de acordo co estabelecido pola Constitución de 1978. 

Partindo destes supostos a ANC aprobou por unanimidade que de non se celebrar a consulta popular, tanto se se convocan eleccións ao Parlament con carácter plebiscitario ou non, a ANC promoverá a creación dunha asemblea de cargos eleitos (deputad@s catalás e nas Cortes españolas e o Parlamento europeo) "que procedan á declaración de independencia dos representantes do pobo catalán". 

Iniciar un proceso constituínte

A "folla de rota dos homes e mulleres libres", como se define o texto, insta tamén o Parlament de Catalunya a aprobar un calendario electoral face a constitución da república catalana. A comezar pola creación dunha ponencia de redacción da futura constitución catalá. O obxectivo que se fixa a Assemblea Nacional Catalana é que o 23 de abril de 2015, Día de Saint Jordi, dea comezo "o proceso popular para pór as bases dun novo estado". Un proceso que apuntaría cara ao 11 de setembro de 2015 como posíbel data para levar a cabo a votación en referendo da nova constitución. 

Desta maneira o movemento civil visa pular non só pola declaración de independencia --mesmo unilateral-- senón que chama a iniciar un proceso constituínte de base popular que remate co referendo da Constitución da república catalá. 

Diada 2014

Asemade, a asemblea xeral da ANC aprobou o acto que conmemorará a Diada 2014 após o éxito das manifestacións en 2012 e da Via Catalana en 2013. Nesta ocasión a Assemblea chama a unir as céntricas rúas de Gran Via e a Diagonal de Barcelona nunha grande V que poida visibilizarse desde o ar. Un proxecto cobizoso mais non imposíbel perante o suceso recollido en anteriores convocatorias. 

Máis en Països Catalans
Comentarios