A forza do independentismo enche o Camp Nou no "Concert de la llibertat"

Arredor de 90.000 persoas fixeron do Camp Nou unha postal de forza independentista no “Concert de la llibertat”. Música e mensaxes para reivindicar o dereito a decidir nun concerto histórico no que o galego se sentiu na voz de Mercedes Peón. 

Concert de la Llibertat
photo_camera Concert de la Llibertat

O escenario xa de por si impresionante que é o Camp Nou deu lugar a escenas inesquecíbeis, das que quedarán na memoria das arredor de 90.000 persoas que se xuntaron para sumar voces na demanda da independencia e na esixencia do referendum que permita ao pobo catalán decidir. 

O “Venim del nord, venin del sud” na voz de Lluis Llach protagonizou un dos momentos estelares da noite, na voz de quen ía ser, sen dúbida algunha, unha das persoas máis aclamadas do concerto co repertorio máis presente na noite, que chegaba non só da súa man senón tamén doutros artistas convidados. 

De Llach foi tamén o himno do concerto, o ‘Tossudament alçats’  que o cantautor de Girona escribira no 2006 e que na noite do sábado cantou cos máis de sesenta grupos e artistas que interviron no histórico concerto do Camp Nou. 

“No século XXI ninguén pode prohibir un referéndum democrático” dixo a presidenta de Ömnium Cultural, Muriel Casals na lectura do manifesto no que se reclamou unha democracia sen barreiras. “A causa da independencia de Catalunya non é contra nada nin contra ninguén. É a favor dunha vida mellor para todos” sinalou no discurso a presidenta da entidade organizadora do concerto.

Diango, Paco Ibáñez e Perez ou María del Mar Bonet abriron a primeira parte das actuacións musicais que remataron cun gran mosaico pola independencia con banda sonora de Els Segadors. Após, o agardado “Venim del nord, venim del sud” de Lluis Llach constituíu un dos momentos estelares, cando o concerto se abría paso á revisión dun repertorio no que a independencia catalana se tornaba motivo reivindicativo tamén na música. Unha hora máis tarde do agardado, por volta das dúas da madrugada, o conxunto dos artistas en pé cantando “Tossudament alçats”  coreada por noventa mil persoas que reclamaban conxuntamente o dereito a decidir do seu pobo constituían unha nova imaxe para a historia catalana. 

Máis en Països Catalans
Comentarios