A defensa da lingua e a crise centrarán as reivindicacións da Diada en Valencia

Esta ano a manifestación, organizada por Acció Cultural del País Valencià, será o 28 de abril. Numerosas formacións políticas e colectivos xa confirmaron a súa presenza
Cartaz da manifestación
photo_camera Cartaz da manifestación

O pobo valenciano celebra a súa festa nacional lembrando a derrota na batalla de Almansa e a ocupación das tropas borbónicas que tivo lugar o 25 de abril de 1707. A edición deste ano terá lugar o sábado 28 de abril e as previsións dos organizadores, Acció Cultural del País Valencià (ACPV), son optimistas. Na memoria recente están as manifestacións da xuventude valenciana e as mobilizacións polo peche do sinal de TV3.

As reivindicacións deste ano terán como protagonistas a política económica e social do Governo de Alberto Fabra, os recortes que segundo publica a ACPV na súa web “provocaron que o País Valencià sexa a autonomía que estea en peores condicións para afrontar a crise e os efectos sociais desta”, os recortes e o esquecemento do Arco Mediterráneo, impostos desde Madrid, o peche das emisións de TV3 e a  política lingüística da Generalitat co seu decreto de trilingüísmo.

Trinta e catro anos de activismo cultural
A ACPV  creouse en Valencia en 1978 coa arela da defensa e o estudo do patrimonio cultural e lingüístico do País Valenciano. O seu primeiro presidente foi Joan Fuster, logo vieron Joan Francesc Mira e Vicent Martínez Sancho. Na actualidade o presidente é Eliseu Climent. Na súa sede do Octubre Centre de Cultura Contemporánea, en Valencia, hai unha ampla oferta con cursos, exposicións, edición de libros, conferencias, etc. Entre as últimas denuncias que realizou a  ACPV está o rexeitamento ao decreto do trilingüísmo, un sistema semellante ao aplicado polo goberno Feijoo na Galiza.

Máis en Països Catalans