Un columnista de La Razón escribe que "por algo semellante, as tropas da República entraron en Barcelona"

A imprensa de Madrid considera “ilegal” a votación democrática da institución catalá e salienta a división no PSC. Feijóo respondeu a preguntas d@s xornalistas que "o único suxeito de soberanía é o conxunto do pobo español"
Reacción da imprensa española á Declaración de Soberanía
photo_camera Reacción da imprensa española á Declaración de Soberanía


Os tres medios de comunicación máis belixerantes para co proceso polo dereito a decidir do pobo catalán, saíron co mesmo discurso que, horas antes, defendían PP e C's no Parlament. La Razón, El Mundo e ABC botaron man de titulares agresivos na súas respectivas capas e algo menos violentos para o interior. Os tres, aliás, quixeron achegar a súa propia análise do texto feita por especialistas.

La Razón abriu cun expresivo titular “Ao fío da ley” e no interior con “Cataluña declárase suxeito político e xurídico soberano”. Para este xornal o Parlament “dá o seu primeiro paso para exercer autodeterminación” no medio “dun debate que instalou a tensión na cámara catalá”. Na análise do texto da Declaración de Soberanía aprobado, Jorge Urosa deixa a súa propia visión do documento con frases como a de que “por algo semellante ao de hoxe as tropas da República entraron en Barcelona”.

A xornalista Victoria Prego asegura que “a do parlamento catalán é unha declaración inutil” posto que “non poden ir materialmente máis alá”

El Mundo leva á capa o titular de “85 diputados catalanes usurpan un dereito de todos os españois” e no interior “Catalunya avanza cara á consulta”. No artigo interior a xornalista Victoria Prego asegura que “esta do parlamento catalán é unha declaración inutil” posto que “non poden ir materialmente máis alá”. Na análise de Casimiro García-Abadillo copia os argumentos do goberno que aseguran, entre outras cousas, que “o dereito de autodeterminación non é aplicábel a Catalunya posto que non se encadra nun proceso descolonizador”. Para o xornal de Francisco Marhuenda, o maís importante do Pleno foi a intervención de Ciutadans e á división no PSC.

No ABC resumen na capa o que opinan da Declaración en tres palabras: “Ilegal, inconstitucional e absurda”. No interior, baixo a idea de que “CiU y ERC dan o primeiro paso cara á soberanía e fracturan os socaialistas” salientan a división no PSC e as palabras de Sánchez-Camacho contra os líderes de CiU. As chaves da declaración, segundo este xornal madrileño, son absurdas.

Feijóo ataca o Parlament

Após a reunión do Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo entrou a analizar a votación da Declaración de Soberanía aprobada por unha grande maioría no Parlament de Catalunya.  "O único suxeito de soberanía é o conxunto do pobo español", asegurou nun ataque directo á institución catalá. Para Feijóo o goberno catalán "busca inimigos exteriores" para agachar o que considera a súa "incapacidade para xestionar".

Máis en Països Catalans
Comentarios