750.000 sinaturas demandan a independencia de Catalunya

A Assemblea Nacional Catalana entregou no Parlament milleiros de sinaturas coas que demandan a convocatoria da consulta o 9 de novembro ou, no seu defecto, unha declaración unilateral de independencia. 

Assemblea Nacional Catalana
photo_camera [Imaxe Assemblea Nacional Catalana]

Através da campaña 'Asina un voto pola independencia', a Assemblea Nacional Catalana recompilou 750.000 sinaturas de apoio ao referendo de autodeterminación que o Parlament de Catalunya acordou convocar o vindeiro 9 de novembro. 

No concreto, os apoios acadados pola ANC demandan que as formas políticas con representación parlamentar fagan todo o posíbel por desenvolver "todas as iniciativas políticas para que se poida celebrar a consulta" por vías democráticas e, de non ser posíbel porque o Estado español o impida, sinalan, que leven a cabo unha declaración unilateral de independencia. 

As sinaturas, recollidas en caixas de cartón, foron entregadas esta segunda feira no Parlament coincidindo co inicio do debate sobre política xeral que acolle a Cámara. No acto de rexistro, Carme Forcadell, presidenta da ANC, lembrou que a súa organización "non dará nen un paso atrás até conseguir a independencia de Catalunya". 

E a súa demanda é firme. Neste senso, a iniciativa foi elevada através do dereito de petición, unha figura xurídica con recoñecemento no Dereito Internacional, a Constitución de 1978 e o Estatut de Catalunya. 

Máis en Països Catalans
Comentarios