venres 17.01.2020
A MENOS DE 24H DE QUE REMATE O PRAZO

200 persoas concéntrase para pedir un acordo entre Junts pel Si e a CUP

Cando restan pouco máis de 24 horas para que remate o prazo para lograr a investidura e evitar unhas novas eleccións, arredor de 200 persoas concentráronse na praza de Sant Jaume para pedir un acordo de última hora entre Junts pel Si e a CUP.

[Imaxe: @silvia_gutier]
[Imaxe: @silvia_gutier]

Cando apenas ficaban 36 horas para que Artur Mas, como president en funcións, teña que asinar unha nova de convocatoria de eleccións, arredor de 200 persoas saíron á rúa para se concentrar na praza de Sant Jaume e así presionar Junts pel Si e a CUP co fin de que cheguen a un acordo. “Non se pode deixar de intentalo até o derradeiro minuto”, sinalaron as organizacións independentistas convocantes nun comunicado aos medios.

As persoas concentradas berraron, amais de “Independencia”, “Non queremos traidores, somos 72” ou “Somos soberanos”, e leron un manifesto no que instaron a Junts pel Si e a CUP a teren “sentido común” e a non desaproveitaren a representación independentista que ambas as candidaturas conseguiron no Parlament. Tamén criticaron as “actitudes partidistas” de que non fan posíbel a investidura.

Tardà: “Se Mas dese un paso ao lado, a súa figura crecería”

Tardà critica a "mirada curta" de Mas e da CUP

O deputado de ERC no Congreso Joan Tardà sinalou este sábado en declaracións a Rac1 que “se Mas dese un paso ao lado, a súa figura crecería moito máis do que xa creceu”. Criticou, ademais, a “mirada curta” de Mas e da CUP e advertiu de que se pode estar perdendo “unha oportunidade de ouro”.

Diante dunhas eventuais eleccións, Tardà avisou de que Esquerra, que “nestes momentos non dispón da ferramenta para dar un paso adiante", loitará contra o abstencionismo, pois teme que haxa persoas que non queiran ir votar porque están “feridas”.

Tamén sobre unhas posíbeis eleccións, Muriel Casals, deputada de Junts pel Si, e ex presidenta de Ómnium Cultural, sinalou este sábado en declaracións a Catalunya Ràdio que gostaría da reedición da fórmula Junts pel Si, aínda que recoñeceu que “non é seguro que se faga”. Se non se reedita, considerou, os independentes terán menor peso.

comentarios