200 persoas acampan en Praça Catalunya mentres as forzas soberanistas se reúnen na Generalitat

Os movementos sociais independentistas --xunto con ERC e a CUP-- presionan o Govern para continuar adiante cos preparativos da consulta. 

Acampada_Jordi Borrás _ Nació Digital
photo_camera [Imaxe Jordi Borrás // Nació Digital]

Após a suspensión "cautelar" e "temporal" da lei de consultas e do decreto de convocatoria do 9N por parte do Tribunal Constitucional, o president da Generalitat, Artur Mas, convocou as forzas independentistas (ERC-CUP-CiU) e ICV-EUiA nunha xuntanza que decorre esta sexta feira (3 de outubro) no Palau da Generalitat. O obxectivo deste encontro é fixar a folla de rota que seguirá o Govern nos vindeiros días. 

A reunión, iniciada por volta das 11.00 horas, visa trazar o camiño a seguir logo de que o Govern da Generalitat paralizase a campaña institucional do 9-N. Un feito que tensou a relación con ERC e CUP. Ambas as dúas forzas políticas farán fronte común para presionaren a Mas e continuar adiante cos preparativos da consulta, segundo informa o diario Ara. 

ERC e CUP farán fronte común na xuntanza para presionaren a Mas e continuar adiante cos preparativos da consulta

Así as cousas, na xornada de onte, o president da Generalitat asinou o decreto polo que se fai efectivo o nomeamento [email protected] integrantes da Comisión de control das consultas populares non referendarias. Un feito que supuxo o primeiro acto de desobediencia e que será presentado --segundo avanzou Pere Calbó, membro da mesa do Parlament-- perante a Fiscalía de mans do Partido Popular.

Unha acampada clama pola desobediencia 

Pola súa banda, diversos movementos sociais cataláns manteñen desde a cuarta feira unha acampada na Praça Catalunya en apoio á convocatoria e en resposta ao chamamento lanzado pola plataforma independentista Desobeïm. 

O 96% dos concellos apoia o 9-N

As declaracións e accións que instan o Govern e o Parlament a continuar cos preparativos do 9 de Novembro sucédense día a día. Así, a Assemblea Nacional Catalana e Òmnium reclamaron que a cimeira soberanista manteña o "9-N como elemento de consenso" e instan as forzas políticas a continuar adiante. 

Aliás, a Asociación de Municipios pola Independencia (AMI) e a Asociación Catalá de Municipios (ACM) avanzaron na cuarta feira que farán entrega no Parlament de 947 mocións favorábeis á consulta aprobadas polo 96% dos concellos de Catalunya. 

Máis en Països Catalans
comentarios