“Os servizos de intelixencia querían que xogadores do Barça falasen a prol da unidade de España”

'Horizonte después' era o plan secreto do Centro Nacional de Inteligencia (CNI) para combater o proceso soberanista aberto en Catalunya. Un informe de máis de 500 páxinas no que se propón investir 10 millóns de euros nun operativo no que se contempla desde pagar tertulianos e xornalistas até filtrar infomacións 'cociñadas' e prexudiciais para políticos independentistas

Barça

“O CNI fai moitas cousas en Catalunya. E o que máis preocupa agora aos servizos de intelixencia españois é Catalunya”. Así se manifesta o subdirector do semanario Interviú, Luis Rendueles, un dos responsábeis da reportaxe que esta semana publica o CNI sobre un plan para frear a independencia catalán, nunha entrevista na radio RAC1. Segundo se recolle en Vilaweb, este plan, denominado Horizonte Después, estaría dotado con dez millóns de euros do Estado e poñeríase en marcha após as eleccións do 25-N.

O informe, de 500 páxinas, gárdase “baixo chave nunha das cámaras acorazadas do CNI” e foi elaborado por un coronel da Garda Civil destinado en Barcelona. As informacións e 'pesquisas' remitíallas a un xeneral do instituto armado en, como non, Madrid.

“Visca Barça, Visca....Espanya”

“Que xogadores do Barça se pronuncien a favor da unidade de España”. Esta era, segundo o xornalista Rendueles, unha das previsións coas que traballaban neste plan unionista elaborado polo CNI. Si, o CNI, non a TIA. Trataríase de “procurar xente importante e influínte en Catalunya que se pronuncien a prol de continuar en España”. E nesa estratexia, nada máis impactante que xogadores cataláns do Barça a facer manifesta fé de españolidade. Nin ao Doutor Bacterio se lle tería ocurrido tal xenialidade, vamos.

Unha das fases do plan contemplaba empregar información acumulada durante anos de persoalidades nacionalistas para filtrala, descontextualizada e maquillada, para enlamar o proceso soberanista

Pagar xornalistas e tertulianos para apoiar o unionismo

O plan tería tres fases, tal e como lembra Vilaweb. A primeira centraríase en financiar e potenciar a presenza de terlulianos e periodistas en medios de comunicacións cataláns para defender o unionismo, “a conveniencia de manter Catalunya dentro do Estado español”.

A segunda, complementaria da primeira, pasaría por inxectar enxurradas de cartos nos medios de comunicación españolistas que se publican en Catalunya. “Teñen unha difusión minoritaria. Mais...a Generalitat leva anos asulagando de subvencións e medios afíns. Trataríase, logo, de facer o mesmo”.

A terceira pata entraría xa de cheo nunha guerra suxa empregando a información que durante anos foi acumulando CNI e forzas de seguridade sobre dirixentes e políticos e personalidades nacionalistas cataláns. Trataríase de filtrar e empregar esa información, mesmo descontextualizada e maquillada, para prexudicar o proceso soberanista. Aliás, son informacións que, como os supostos negocios da familia Pujol, non poden ser contrastadas pois nunca foron xudicializadas.


 

Máis en Països Catalans
Comentarios