Vitiza. O fin da monarquía visigoda na Gallaecia

Co progresivo sometemento do reino de Gallaecia desde o ano 585, a monarquía visigoda con capital en Toledo sumou o territorio galego aos seus dominios no sur da Galia (Septimania) e na Hispania. Considerados, xa que logo, reis de Hispania, Gallaecia e Septimania, desde o ano 585 os sucesivos reis visigodos mantiveron o goberno −ás veces fráxil− sobre o territorio galaico a través da figura dun dux, un aristócrata con amplísimas funcións que gobernaba en nome dos reis visigodos de Toledo.
A catedral de Tui (comarca do Baixo Miño) (Foto: Nós Diario).
photo_camera A catedral de Tui (comarca do Baixo Miño), cidade desde a que reinou Vitiza para toda a Gallaecia. (Foto: Nós Diario)

*Preme aquí para escoitar o podcast de Nós Diario sobre os reis e as raíñas da Galiza. No capítulo de hoxe falamos do fin da monarquía visigoda na Gallaecia

Caracterizada polas constantes loitas polo poder e un sistema hereditario que alternaba entre a elección e a sucesión dinástica, a segunda metade do século VII supuxo un momento especialmente convulso para os monarcas visigodos. Após o longo reinado de Recesvinto (649-672) a conflitividade aumentou entre alta nobreza visigoda, dividida polas constantes disputas polo trono.

Tal foi o caso do rei Éxica, quen após asumir o trono no 687 axiña quixo garantir a súa liñaxe, situando o seu fillo Vitiza como herdeiro do trono visigodo e reducindo o poder do clero. As decisións, especialmente impopulares no seo da Igrexa toledana e na alta aristocracia visigoda axiña derivaron nunha revolta contra o propio rei. O líder desta rebelión foi un poderoso aristócrata chamado Suniefredo, apoiado por unha parte importante da nobreza visigoda e aínda pola máxima autoridade eclesiástica no Estado visigodo, o bispo Sisberto, metropolitano de Toledo.

Suniefredo foi finalmente derrocado por Éxica, quen recuperou a coroa no ano 693

Malia se facer co trono toledano entre os anos 692 e 693, e mesmo emitir moeda no seu nome, Suniefredo foi finalmente derrocado por Éxica, quen recuperou a coroa no ano 693. A volta de Éxica permitiulle recobrar os seus plans e asociar o seu fillo Vitiza ao trono, encargándolle de inmediato o goberno da Gallaecia coa máxima autonomía, tal e como a tiveran os suevos, segundo as crónicas posteriores. Un goberno que Vitiza desenvolveu, segundo as mesmas crónicas, desde a antiga cidade, e sé episcopal, de Tude (actual Tui).

A corte tudense de Vitiza

O investigador Martín Fernández Calo, sinala no seu estudo Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia (2018), como o envío de Vitiza ao territorio galaico puido estar motivado por algún tipo de insurrección aristocrática. A este respecto, resulta controvertido o encargo de Éxica pois a administración da Gallaecia correspondía, como era costume, a un dux con residencia en Lugo. O envío de Vitiza a Tui, así como o seu labor de gobernante da Gallaecia, permiten albiscar, tal e como apunta o propio experto, unha confrontación entre o príncipe e o dux, un nobre que as crónicas posteriores identificaron co nome de Fáfila, un nobre galaico-visigodo de orixe incerta.

A pesar de a información do reinado de Vitiza na Gallaecia ser escasa e tardía, todo indica que en efecto, a co-rexencia entre Éxica e o seu fillo foi, certamente, real. Así o testemuñan diferentes exemplares de moedas (tremises) atopadas por toda a xeografía ibérica no que se aprecian as lendas IN DEI NOMINE EGICA REX e IN DEI NOMINE VITTIZA REX co busto de ambos os dous reis.

Moeda emitida por Éxica e Vitiza. (Foto: Museo arqueolóxico de Palencia)
Moeda emitida por Éxica e Vitiza. (Foto: Museo arqueolóxico de Palencia)

Coa morte de Éxica entre os anos 702 e 703, Vitiza converteuse finalmente no único soberano de Hispania, Septimania e Gallaecia, territorio este último onde o rei debeu contar cunha importante rede clientelar herdada da súa etapa de goberno en Tui. A pesar de que as accións de goberno de Vitiza son pouco coñecidas, existe un consenso no mundo académico arredor dalgunhas das súas medidas, especialmente aquelas destinadas a acabar coa corrupción da Igrexa e unha maior permisividade co celibato eclesiástico, dando a posibilidade a que os sacerdotes puideran contraer matrimonio. Para alén destas reformas, Vitiza decidiu perdoar os sublevados durante a revolta de Suniefredo, restaurando aos rebeldes as súas propiedades confiscadas e estabelecendo a concordia cos disidentes. Con todo, as adversas circunstancias non propiciaron un escenario de fácil goberno, convulsionado, ademais, por un período de secas entre os anos 707 e 709, así como un novo e devastador surto de peste.

Sen que exista consenso no mundo académico nin nas crónicas escritas apenas unhas décadas despois, todo apunta a que a morte de Vitiza debeu de suceder entre os anos 710 e 711. Perante a falta de documentación, resulta imposíbel afirmar se a morte Vitiza foi natural ou se esta derivou dunha conxura de palacio. Do que non hai dúbida é de que no momento da súa morte, a monarquía visigoda atravesaba unha difícil conxuntura política, marcada polo axitamento social e as decisións en materia eclesiástica. Todo indica que as causas da morte de Vitiza foron ocultadas e que esta estivo directamente relacionada Golpe de Estado que o rei sufriu no final do seu reinado. De calquera xeito, as circunstancias que acompañan o falecemento de Vitiza son aínda hoxe un misterio. Após a morte de Vitiza, cobrou especial protagonismo unha figura vinculada á corte real, un nobre chamado Rodrigo do que se especula puido ser dux na Bética. A este respecto, é a propia Crónica Mozárabe a que non deixa lugar a dúbidas en como Rodrigo foi o líder que encabezou a conxura contra Vitiza e que, dun xeito violento, acabou co seu reinado.

Rodrigo, un monarca cuestionado na Galiza

No entanto, a usurpación −e posíbel asasinato de Vitiza− perpetrada por Rodrigo non só non conseguiu restituír a paz política no Estado visigodo, senón que esta acabou por precipitar a monarquía nunha profunda guerra polo trono de Toledo. Fronte aos partidarios de Rodrigo, situouse a parentela e aliados de Vitiza; entre eles atopábase Oppa, irmán ou medio-irmán de Vitiza ao que a investigación actual sitúa como posíbel sucesor de Vitiza. Unha figura á que se suma outro aristócrata identificado como un posíbel fillo de Vitiza, un nobre chamado Akhila que logrou reinar sobre a parte nororiental do Estado visigodo. Un basto territorio no que se incluían urbes como Zaragoza, Barcelona, Narbona ou Tarragona, tal e como así o testemuñan as moedas acuñadas por este monarca nesta área xeográfica.

Non resulta improbábel que a lexitimidade de Rodrigo, ao igual que na Tarraconense e Septimania, tamén fose seriamente cuestionada na Gallaecia, cando non directamente combatida

Este feito evidencia como a autoridade de Rodrigo non só non foi acatada en gran parte dos dominios visigodos senón que algúns destes mesmo se puxeron baixo o goberno dun monarca alternativo. O mesmo desafecto por Rodrigo puido ser experimentado tamén na Gallaecia, onde Vitiza exercera como rei durante anos e onde este dispoñía dunha rede de fidelidades da que carecería Rodrigo. Se ben non hai información documental precisa, non resulta improbábel que a lexitimidade de Rodrigo, ao igual que na Tarraconense e Septimania, tamén fose seriamente cuestionada na Gallaecia, cando non directamente combatida. Algo que podería explicar a falta de moedas acuñadas en nome de Rodrigo en territorio galaico. Mais para alén destas áreas, outra zona enfrontada á autoridade de Rodrigo localizouse na zona vasco-cantábrica, onde este emprendera unha campaña militar de castigo para sufocar unha rebelión no ano 711.

Para alén da guerra sucesoria entre a aristocracia visigoda, en realidade o goberno de Rodrigo atravesaba a súa maior ameaza lonxe do norte peninsular, nos territorios meridionais máis próximos a África. Alí, xa no ano 710, a cidade hispano-visigoda de Iulia Traducta (actual Alxeciras) fora saqueada por unha expedición liderada por Abu Zara Tarif; un caudillo musulmán que cruzara o estreito desde a zona de Septem Fratres (actual Ceuta). O ataque de Abu Zara Tarif representaba, en realidade, unha peza máis do avance que desde o século VII experimentaba o califato islámico de Damasco por todo o Mediterráneo sur e que posibelmente foi ordenado polo entón gobernador de Ifriquiya, Musa ibn Nusair.

O fragmentado Estado visigodo converteuse no obxectivo do gobernador de Ifriquiya

É a propia Crónica Mozárabe, escrita no ano 754, a que reafirma a idea dun progresivo avance musulmán  sobre a península ibérica. Un contexto de expansión que xa se albisca en datas próximas ao ano 700, cando os exércitos do califato se fixeran con prazas norteafricanas tan importantes como Tánxer (705) ou a propia Ceuta (709), talvez en mans bizantinas. Envolto nunha contenda civil entre Rodrigo, Akhila e os partidarios de Vitiza, o fragmentado Estado visigodo converteuse no obxectivo do gobernador de Ifriquiya. Dispostos a derrocar o goberno de Rodrigo, dono do sur peninsular, Musa e o califato de Damasco axiña atoparon nos vitizanos un potencial aliado na loita contra Rodrigo.

A pesar de que apenas se coñecen os posíbeis acordos entre o gobernador Musa e os afíns a Vitiza, expertos como Anselmo López Carreira sinalan a posibilidade de que a coincidencia, ao menos parcial, dos intereses do califato e dos vitizianos derivase nun tipo de pacto entre estes opositores a Rodrigo: os primeiros, desexosos de espallar a autoridade do califato e o Islam; os segundos por acabar coa usurpación de Rodrigo. Así, con ou sen cooperación dos vitizanos, a toma de Septa (Ceuta) permitiu ás tropas musulmanas controlar o estreito de Xibraltar e organizar durante os meses seguintes unha incursión na península ibérica co obxectivo de derrocar a Rodrigo.

A relación de Gallaecia e o Califato

Gallaecia no mapa do mundo do anónimo de Rávena do século VII reconstruído por Konrad Miller.
Gallaecia no mapa do mundo do anónimo de Rávena do século VII reconstruído por Konrad Miller.

A expedición, comandada por Tariq ibn Ziyad, arribou ás costas da Bética no ano 711, iniciando o seu avance cara ao norte. Informado do desembarco dun continxente, Rodrigo, rival aínda de Akhila e da familia de Vitiza, saíu ao paso dos exércitos de Tariq e, talvez, dos seus aliados. O encontro entre ambos exércitos tivo lugar nas inmediacións do río  Guadalete, na ruta entre Tarifa e Hispalis (actual Sevilla).

A batalla resultou un completo fracaso para Rodrigo e os seus homes, até o punto do líder visigodo morrer no percurso da propia batalla. A vitoria de Tariq na Bética alentou, só uns meses despois, que o gobernador de Ifriquiya organizase unha nova expedición de conquista de proporcións maiores coa que, finalmente, tomou Toledo. A través das acuñacións de moeda de Akhila no territorio tarraconense, parte do mundo académico supón que o mantemento do goberno de Akhila tras a batalla de Guadalete podería revelar un pacto de non agresión, ao menos inicialmente, coas tropas do Califato.

Unha boa parte dos señores e algúns duces visigodos pactaron a súa capitulación para conservar o seu patrimonio, así como os seus privilexios sobre o territorio

Con todo, derrocado Rodrigo, os plans de Musa para someter todo o Estado visigodo coa mínima intervención armada pasaron por unha estratexia destinada a lexitimar o dominio das novas autoridades sobre a aristocracia visigoda. Así se desprende do intento de entroncar ás autoridades musulmás coa realeza toledana a través do casamento de Abd al-Aziz, fillo de Musa, coa raíña visigoda Exilona, viúva de Rodrigo. Un movemento político extremadamente audaz que levantou non poucas suspicacias en Damasco e que finalmente acabaría apartando a Musa do poder e do cargo gobernativo.

As ambicións das autoridades musulmás, do propio Musa e dos seus sucesores, así como a falta de poder efectivo da familia de Vitiza e mesmo de Akhila, acabarían por levar os exércitos a avanzar no dominio de Hispania. A pesar de que as crónicas musulmás fan especial fincapé sobre as primeiras vitorias militares nas grandes urbes hispano-visigodas, tales como a capitulación de Sevilla ou o asedio de Mérida, o certo é que unha boa parte dos señores e algúns duces visigodos pactaron a súa capitulación para conservar o seu patrimonio, así como os seus privilexios sobre o territorio. Este tipo de capitulacións son coñecidas a través dun documento excepcional, o chamado “Pacto de Tudmir”. Nel plásmase o acordo entre un nobre visigodo chamado Tudmir, con amplas posesións na antiga provincia da Carthaginensis, e o entón valí de Al-Ándalus, Abd al-Aziz, casado coa raíña visigoda Exilona. Con el, o novo valí garantía a Tudmir os seus privilexios mentres que este se comprometese a ser fiel ás autoridades musulmás. Un acordo que ademais permitía exercer a liberdade de credo aos habitantes baixo a xurisdición de Tudmir, coa única condición de pagar un tributo por dito privilexio.

A diferenza do sur e leste peninsular, na Gallaecia resultan escasamente coñecidas as relacións entre a nobreza galega e a musulmá

Mais para alén do caso de Tudmir, os pactos de submisión ou conversión da aristocracia visigoda foron frecuentes e numerosos entre as máis altas esferas políticas. Así o demostra a propia conversión da familia dun coñecido nobre visigodo de nome Casius, islamizado e convertido no líder dunha saga de terratenentes do val do Ebro coñecida posteriormente como a Familia Banu-Qasi (“os fillos de Casius”). A diferenza do sur e leste peninsular, na Gallaecia resultan escasamente coñecidas as relacións entre a nobreza galega e a musulmá. Porén a propia afinidade do territorio con Vitiza puido repercutir nun trato especialmente vantaxoso que permitiu á aristocracia escapar do control directo das autoridades musulmás e posteriormente andalusís. A localización da Gallaecia fóra da zona de expansión do Califato, así como a vinculación co partido vitizano posibilitou o mantemento da estrutura territorial galega, herdada de séculos anteriores, así como a actividade eclesiástica sen interrupción, tal e como sucedeu en bispados como Iria.

Aínda que a figura de Vitiza foi especialmente maltratada pola posterior tradición cronística, máis favorábel a Rodrigo, é López Carreira quen lembra como a memoria de Vitiza na Gallaecia permite observar a adhesión desta a este rei. Unha posición favorábel, tamén visíbel na Crónica Mozárabe, que non deixou de considerar a Vitiza como un rei reformador dos seus tempos.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios