Vermudo III. Un rei galego de principio a fin

Vermudo III foi un monarca galego de vida breve pero intensa. Tocoulle suceder moi novo ao seu pai no trono e rematou convertido nos seus primeiros tempos nun refén do partido castelán e navarro, liderado na corte pola segunda esposa de seu pai, a infanta navarra Urraca Garcés. Os seus maiores apoios estiveron sempre na Galiza nuclear, onde pasou a súa infancia e recibiu educación na liña do acontecido cos seus antecesores. Morreu con 20 anos no campo de batalla, loitando nas proximidades de Burgos contra unha coalición de tropas castelás e navarras. Porén, o seu proxecto político, o do partido galego, tivo continuidade na súa irmá, a raíña Sancha, filla de Afonso V e de Elvira Mendes.
Vermudo III, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)
photo_camera Vermudo III, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)
A morte de Afonso V puxo remate a un período de desenvolvemento e benestar do Reino da Galiza. A un tempo, retornou a inestabilidade interna, como consecuencia dos choques entre as faccións representativas das diversas realidades territoriais da coroa, e paralizouse o proceso de reforma administrativa e reforzo da institucionalidade comezado con Vermudo II e consolidado polo seu fillo. Asemade, a alianza do partido castelán coa monarquía navarra, convertida nunha sorte de árbitro da situación peninsular, tentou dobregar a hexemonía galega no espazo cristián peninsular.

Os fillos de Afonso V souberon da morte do seu pai na Galiza nuclear. Mentres a súa filla Sancha se criaba na parroquia betanceira de Piadela, a carón de Fronilde Gundemáriz, filla do antigo aio de Vermudo II, Sueiro Gundemáriz, curmá de Rodrigo Romáriz, o seu primoxénito e herdeiro, Vermudo, era educado na área galega portuguesa, probabelmente por algún dos parentes da súa nai, Elvira Mendes. Neste sentido, o núcleo familiar do novo monarca foi o clan dos Goterres, co que estivo emparentado por liña paterna e materna.

Un rei galego

Vermudo III (1017-1037) foi un rei galego de comezo a fin. A maiores das súas ligazóns coa Galiza nuclear, onde residiu boa parte da súa vida, o seu círculo de confianza conformárono os cabezaleiros das principais familias da oligarquía galega. Nesta dirección, ocuparon as responsabilidades mais importantes no seu reinado Rodrigo Romáriz, Paio Mendes e Nuno Mendes, irmáns da súa nai, a raíña Elvira Mendes, ou Froila Mendes, neto de Mendo Gonzales. Asemade, xogaron un papel importante as autoridades relixiosas, como aconteceu nun primeiro momento co bispo compostelán Vistriario.

O reinado de Vermudo III estivo cheo de complicacións

O ensaísta Francisco Rodríguez lembra no primeiro tomo da súa obra Unha etapa estelar e conflitiva da Galiza como o historiador castelán-leonés José María Fernández del Pozo sinala deste monarca que “até a subida ao trono, Vermudo pasou a súa vida na Galiza e no norte de Portugal. Dentro do reino astur-leonés non hai dúbida de que esta rexión tiña unha personalidade tan forte que os seus magnates chegan a protagonizar rebelións dun alcance que quitan e poñen reis. Vermudo é un produto dos nobres galegos e, porén, cando subiu ao trono, estes mesmos magnates creáronlle innumerábeis problemas ao ver que os seus intereses particulares non eran debidamente defendidos”.

O reinado de Vermudo III estivo cheo de complicacións. Após acceder ao trono en 1028, a rexencia ocupouna a segunda esposa do seu pai, a infanta navarra Urraca Garcés, filla do rei pirenaico García Sánchez II e da súa muller, a nobre castelá Jimena Fernández, filla do conde de Cea, Fernando Vermúdez, e neta do conde de Saldaña, Diego Muñoz, outro nome dos Banu Gómez. Neste sentido, actuou como un instrumento dos intereses de Nafarroa e Castela na corte leonesa, entregando o control da xestión do reino galego ao seu irmán, Sancho Garcés III.

Sancho Garcés III chegou a intitularse en diversa documentación como rei de León ou de Astorga. A este respecto, unha parte da historiografía chegou a formular que durante estes primeiros tempos a área galega portuguesa, canda a asturiana, ficou baixo o control de Vermudo e o resto do reino galego, en mans do monarca navarro. Malia que a historiografía españolista e leonesista negan a existencia dun conflito armado entre o rei galego e o navarro, a documentación galega contemporánea dá conta de diversos enfrontamentos, como acontecido en Castro Labio (Lugo) en 1032. Sexa como for, Sancho Garcés III aproveitouse das circunstancias do rei galego para gañar influencia no espazo ibérico.

O control efectivo de todo o reino

Vermudo III non conseguiu o control efectivo da totalidade dos territorios do reino galego até 1034. Neste momento, desapareceu calquera referencia a Sancho Garcés III como rei galego, sendo o único monarca citado como tal pola chancelería real Vermudo III. Asemade, as terras entre o Cea e o Pisuerga, cuxo condado herdara o rei navarro, pasaron a recoñecer a autoridade real do galego, que en febreiro de 1035 casara con Jimenez Sánchez, filla de Sancho Garcés III e da súa esposa, a condesa castelá Mumadona. Vermudo III e Jimena Sánchez foron pais dun neno, Afonso, excluído da liña de sucesión do trono tras a coroación da súa tía Sancha.

O asasinato en 1029 do conde de Castela representou un duro golpe para a táctica galega

A tensión entre Galiza e Castela volveu pairar durante todo o reinado de Vermudo III. A este respecto, as tentativas de achegamento promovidas polo rei galego pola vía matrimonial non tiveron os resultados agardados. Neste sentido, o asasinato en 1029 do conde de Castela, García Sánchez, cando se atopaba en León para contraer matrimonio coa irmá do monarca, a futura raíña Sancha, representou un duro golpe para a táctica galega. A situación complicouse aínda máis tras herdar o condado castelán a irmá do defunto, a raíña navarra Mumadona, pasando a dirixir este territorio o propio Sancho Garcés III.

A altura de 1029, o rei navarro reparte as súas posesións entre os seus fillos. Así, o condado de Aragón pasou a mans de Ramiro, froito dunha relación extramatrimonial con Sancha de Aibar. O reino de Nafarroa herdouno García, primoxénito do seu matrimonio con Mumadona, coroado co nome de García Sánchez III. As terras de Sobrarbe e Ribagorza quedaron para o outro descendente, Gonzalo, ficando para o seu irmán Fernando o revoltoso condado de Castela, que conformaba a área máis oriental do reino galego. Precisamente, Sancha, a irmá de Vermudo III, rematou casando con este conde en 1032, nun matrimonio impulsado e aprobado polo rei galego.

A historiografía españolista tentou situar neste momento o nacemento do reino de Castela. A isto contribuíu de modo fundamental a revisión do pasado nunha chave galegófoba comezada polo arcebispo de Toledo e chanceler de Fernando III, Jiménez de Rada e continuada até hoxe pola tradición maioritaria no conxunto estatal. Neste sentido, o punto de partida para esta tese xorde dun texto do arcebispo, onde afirma que “após o rei Sancho ter o condado de Castela, ensanchou tanto o condado de Burgos que de alí en adiante non lle chamaban ‘condado’ senón reino, con todas as da lei”.

O nacemento do Reino de Castela

A documentación contemporánea desmente a posición enunciada por De Rada e seguida até a actualidade. Nesta liña, o investigador leonés Ricardo Chao lembra que “Fernando rubrica a documentación de San Millán da Cogolla, de San Juan de la Peña, San Pedro de Cardeña ou do Infantazgo de Covarrubias como conde baixo a autoridade de Vermudo III”. Ao tempo, destaca que “a realidade é que Fernando só gobernaba unha cuarta parte do antigo condado castelán, porque o núcleo Castella Vetula correspondéralle a García, o primoxénito, así como Araba, a Bureba, a Trasmiera e a comarca de Oca”. Na mesma dirección, Anselmo López Carreira apunta que “en puridade o Reino de Castela só inicia a súa andaina en 1157, tras a morte de Afonso VII”.

Malia que as circunstancias da batalla foron recollidas en diversas crónicas, as razóns concretas deste choque entre galegos e casteláns fican por precisar

Francisco Rodríguez explica que “na realidade, un reino de Castela con entidade política, definido como tal, aparece co Afonso que a historiografía española chama VIII”. Na mesma orientación, defende que até 1157 “fora só un ou varios condados dependentes vasalaticamente do rei da Galiza e León ou de Nafarroa-Aragón. Certo que Fernando I comezou a considerar que era unha das entidades territoriais que, en calquera división feudal, habería que contemplar como outro reino, aínda que de rango menor, como así fixo, entregándollo ao seu fillo Sancho, que non deixou de sentirse marxinado”.

Vermudo III morreu o 20 de agosto de 1037 en Tamarón (Burgos) loitando contra unha alianza das tropas castelás e navarras. Malia que as circunstancias da batalla foron recollidas en diversas crónicas, a maioría delas con versións contraditorias, as razóns concretas deste choque entre galegos e casteláns fican por precisar. Neste sentido, todo apunta a un novo conflito entre o partido galego e o castelán-navarro pola hexemonía no espazo cristián peninsular, na liña do acontecido ao longo do século X e nas seguintes centurias.

A morte deste monarca situouse tradicionalmente como a fin dun ciclo político e o comezo doutro. Neste argumento, caeu o propio Benito Vicetto, quen afirmou que co falecemento de Vermudo III rematou a dinastía galega, sendo esta tese sustentada polo groso da historiografía. Sen ir máis lonxe, Sánchez Albornoz considerou que coa batalla de Tamarón “inaugurouse en verdade unha nova etapa na historia de España”, pronunciándose nunha orientación semellante o seu par Americo Castro.

Anselmo López Carreira afirma que “foi no final do reinado de Vermudo III onde tradicionalmente se colocou a bisagra entre dúas épocas. Isto viña desde logo xustificado pola conclusión violenta -mesmo épica- da súa vida e reinado mais tamén en moi boa medida porque entón se quixo ver o remate dunha dinastía (galego-leonesa) e o inicio doutra entendida como castelá e, por ende, do propio reino de Castela. Mais estes supostos sepáranse por completo da realidade: Tamarón foi un suceso brusco e provocou cambios, mais nin se extinguiu a dinastía galega nin se impuxo outra castelá”.

Ulf, un viquingo ao servizo de Vermudo III

As relacións entre os galegos e os nórdicos precisan de novas focaxes e liñas de interpretación. Até agora a maior parte das investigacións e publicacións teñen posto o acento nas expedicións de saqueo levadas adiante polas xentes do norte, esquecendo o marco de relacións que se puidera ter estabelecido entre un e outro pobo e mesmo o asentamento, durante períodos máis ou menos longos, dos viquingos na Galiza, cuestión que ofrece poucas dúbidas.

Ulf apoiou a Vermudo III na súa loita contra o partido castelán e navarro

Un caso paradigmático disto dáse con Jarl Galizu-Úlfr, Ulv Galiciefarer ou Galicieulf, 'O galego' ou 'O lobo galego'. Segundo anota para 1028 a famosa Knytlinga Saga, “… marchou nunha expedición viquinga a Occidente e conquistou Galiza, que arrasou e saqueou conseguindo un gran botín; e por iso era chamado Ulf 'O Galego'. Neste sentido, a documentación coñecida sobre Ulf situouno como un membro dunha familia nobre, probabelmente fillo de Ulf Thorgilsson, un sueco que casou coa filla do rei danés Svend I. Na mesma dirección, a saga de Santo Olaf referiuse a Ulf como un lugartenente de Canuto O Mozo.

Ulf apoiou a Vermudo III na súa loita contra o partido castelán e navarro. A este respecto, un documento galego de 1032, recollido por Flórez na España Sagrada, certificou o asalto, por parte dun exército galego e viquingo mandado polo conde Rodrigo Romariz, un dos nobres do núcleo duro de Vermudo III, do Castro Labio, unha fortificación situada perto da igrexa lucense de Santa Mariña, onde se refuxiaban “tropas vascas” enviadas polo rei navarro, enfrontado na altura os galegos. Precisamente, as fontes contemporáneas árabes, europeas e peninsulares adoitan referirse os habitantes do reino de Nafarroa como vascóns.

A batalla de Castro Labio enmárcase na loita entre Sancho Garcés III de Navarra e o partido castelán contra os galegos encabezados por Vermudo. Nesta dirección, o combate sitúase historicamente no momento en que o rei navarro asinaba diplomas como monarca de León ou de Astorga. Nesa liña, o referido combate en terras luguesas non foi o único rexistrado neste período entre os seguidores de Vermudo e as tropas de Sancho Garcés III de Navarra, documentándose numerosas choques en diversos puntos do reino, como o Bierzo, Astorga ou Saldaña.

A súa presenza na Galiza alongouse arredor de vinte anos

A marcha de Ulf do Reino da Galiza asóciase maioritariamente á súa derrota a finais da década de 1040 polos exércitos do bispo compostelán Cresconio, nun contexto que lle sería desfavorábel polo acceso ao trono galego do seu antigo inimigo Fernando I. A esta opinión téñense sumado autores como González López, pero tamén en épocas recentes Vicente Almazán, ou Sánchez Pardo, manifestándose máis escéptico Helio Pires, ao negar a existencia de documentos que confirmen a data ou a propia batalla. Sexa como for, a súa presenza na Galiza alongouse arredor de vinte anos.

A redescuberta da tumba de Ulf en Dinamarca a finais de 2016, atopada inicialmente á volta de 1951 con motivo das obras dunha estrada, espertou de novo a atención sobre o personaxe. Neste sentido, recentes investigacións indican que unha neta del, Ulf Bothild Thorgunnsdatter, casou co rei danés Eurico I, morrendo nunha viaxe a Xerusalén. Desa relación naceu Canuto Lavard, santo da Igrexa católica, cuxo fillo Valdemar, tataraneto de Ulf, reinou co sobrenome do 'Grande', vinculando a súa estirpe, por medio dunha activa política matrimonial, coas familias reais suecas, francesas ou saxoas.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios