Ramiro I e Ordoño I. Uns novos reis galaicos

Concluído o longo goberno de Afonso II no ano 842, após cinco décadas de reinado, a morte do monarca representou toda unha convulsión nun reino da Gallaecia que aínda estaba en proceso de consolidación. O feito de o rei morrer célibe e sen fillos, todo a causa da súa vocación relixiosa segundo crónicas posteriores, avivaba, desde había décadas, diversas intrigas cortesás por saber quen sería o sucesor do “príncipe das Galizas”, tal e como se coñecía a Afonso en Francia, e soberano de “Yilliquiya”, así coñecido na Hispania musulmá.
Ordoño e Munia nunha miniatura do Libro dos Testamentos da catedral de Oviedo.
photo_camera Ordoño e Munia nunha miniatura do Libro dos Testamentos da catedral de Oviedo.

primeiro en facer valer os seus dereitos ao trono tras o falecemento de Afonso II foi Nepociano, un aristócrata cuxas orixes se situaban na zona oriental do reino e que contaba co apoio de boa parte dos nobres asturianos e vascos. Se ben Nepociano foi tratado como un usurpador nas crónicas máis tardías, é na máis antiga delas, na crónica Albeldense, onde se afirma que Nepociano herdou o trono de Afonso II porque era o seu cuñado e porque o propio Afonso II carecía de descendencia. Se ben as orixes familiares de Nepociano resultan descoñecidas, o feito de o seu nome ser, máis unha vez, de orixe latina (“Nepotianus”), aviva a idea de que este gobernante de curto reinado pertencera a unha aristocracia local onde a influencia xermánica (sueva ou visigoda) foi escasa.

Miniatura de Ramiro I recollida no Compendio da crónica de reyes do século XIV. (Foto: Biblioteca Nacional de España)
Miniatura de Ramiro I recollida no Compendio da crónica de reyes do século XIV. (Foto: Biblioteca Nacional de España)

No que coinciden as diferentes crónicas é que, a proclamación de Nepociano como rei non agradou a todos. Con certeza, unha poderosa facción da nobreza galaica considerou o novo monarca como un atranco nos seus intereses. O líder deste partido foi un nobre chamado Ramiro. No Chronicon Albeldense non  se menciona a orixe deste mais si nos di que se fixo coa coroa real pola vía da forza, derrotando a Nepociano e facéndose deste xeito co reino (“et sic regnum accepit”). Con todo, os cronistas posteriores, elaboradas polos descendentes de Ramiro, necesitaban dotar a este nobre de sangue real. Isto explica que crónicas como a Rotense e a Sebastianense presentasen a Ramiro como fillo do rei Vermudo I (“filius Veremudi principis”) co obxecto de facelo parente, aínda que moi distante, de Afonso II.

As orixes galegas de Ramiro

Todo indica que Ramiro dispuña de gran influencia en territorio galego, de onde posibelmente era orixinaria a súa familia. Porén, son as crónicas as que precisan como Ramiro se atopaba no territorio vasco na procura dunha segunda esposa, o que permite supor un interese por estreitar lazos coas elites cántabro-vascas mais tamén a falta de control sobre estas. En territorio vasco, lonxe da sede rexia ovetense, contan as crónicas de Afonso III que precisamente se atopaba Ramiro procurando unha esposa cando soubo da coroación de Nepociano en Oviedo. O acontecemento resultou determinante para que Ramiro decidise retornar ás súas terras lucenses na zona occidental da Gallaecia. En Lugo lograría Ramiro congregar un gran exército propiamente galego co obxectivo claro de derrotar militarmente a Nepociano e facerse co trono estabelecido na corte de Oviedo.

Ramiro I pasou á historia por ser o primeiro soberano galaico en organizar a defensa do reino perante os ataques viquingos que asolaron as costas galaicas no ano 844

Foi dentro das murallas romanas de Lugo, daquela un auténtico bastión militar, onde Ramiro I recibiu o apoio dos seus aliados; os mesmos que o proclamarían rei en xaneiro de 843. Desde alí, contan as crónicas que o exército de Ramiro “partiu contra os ástures”, tomando rumbo cara a Oviedo a través da antiga vía romana que unía a urbe de Lucus Augusti coa setentrional mansio de Lucus Asturum. É a crónica do bispo Sebastián a que precisa que, como resposta, o rei Nepociano reuniu un importante exército formado por tropas maioritariamente ástures e vasconas, un sistema de alianzas que para o mundo académico podería confirmar a orixe galega do propio Ramiro I e da súa liñaxe.

No que coinciden os diferentes cronistas é que a comezos do ano 843, nas proximidades da ponte do río Narcea ao seu paso polo lugar de Corniana (Asturias), tivo lugar o encontro entre ambos exércitos. A superioridade do exército de Ramiro colleu por sorpresa ás tropas do rei Nepociano e este decidiu abandonar o campo de batalla perante a deserción masiva da súa hoste. Na súa fuxida, Nepociano decantouse novamente polas terras do leste, a antiga rexión de Primorias, próxima aos Picos de Europa e de onde probabelmente era orixinario este nobre. Até alí se desprazou un destacamento encabezado por dous dos homes de confianza de Ramiro, chamados Sonna e Scipio, onde capturaron finalmente a Nepociano. Apresado e entregado a Ramiro I, o novo rei perdoou a vida a Nepociano mais para evitar calquera posíbel conspiración futura, ordenou cegalo e confinalo nun mosteiro onde non supuxera ningunha ameaza para o seu reinado.

Os ataques viquingos 

No entanto, xa no trono ovetense, Ramiro I sufriu novos intentos de rebelión. O máis grave foi a conspiración dun dos seus cortesáns, de nome Aldroito, un conde palatino que planeaba derrocar o rei a través dun golpe de Estado. Unha conxura na que tamén estaría implicado outro magnate coñecido como Piniolo, tras o que a Crónica Albeldense aínda vía a influencia de Nepociano. Destapada a conxura, Ramiro ordenou executar a algúns dos conspiradores e cegar a outros; un procedemento habitual na época que se ben perdoaba a vida do rival político constituía un castigo exemplarizante que impedía futuros levantamentos. O feito de utilizar este tipo de accións firmes e rigorosas foi o motivo polo que Ramiro I acabaría sendo coñecido co alcume de “vara da xustiza”. Mais a pesar dos problemas internos que o soberano afrontou desde a súa subida ao trono, Ramiro I pasou á historia por ser o primeiro soberano galaico en organizar a defensa do reino perante os ataques viquingos que asolaron as costas galaicas no ano 844. 

En realidade, había anos que o ataque dos lordomanni ou nordmanni (“homes do norte”) representaban unha ameaza real. Os saqueadores escandinavos levaban décadas deixando ao seu paso un rastro de desolación no Occidente europeo, e a súa fama espertaba o terror entre calquera monarca da época. A propia Francia de Carlomagno xa sufrira os seus ataques no ano 799 e estes aínda se repetiron en anos sucesivos, entre os que destacan as incursións dos anos 820, 834 e aínda o do ano 842, cando chegarían a Nantes, capital da Bretaña. Desde esta perspectiva, como recordaba Vicente Almazán no seu libro Gallaecia scandinavica(1886), a chegada da ameaza viquinga á Gallaecia apenas era cuestión de tempo.

Así, son os Annales Bertiniani os que narran como, apenas dous anos despois do ataque a Nantes, no 844, varias decenas de naves viquingas chegaron ao Cantábrico e atacaron as proximidades da vila de Xixón. Este foi o primeiro ataque dos “nordomanni” sobre “Galizuland”, o nome con que os viquingos denominaban ao reino da Gallaecia. Asolada Xixón e outros puntos da costa asturiana, o continxente escandinavo proseguiu  o seu camiño até o Golfo Ártabro. Alí, nas inmediacións da Torre de Hércules, conta a crónica Rotense que no antigo Farum Brigantium, o rei Ramiro, xunto a alta nobreza galega, entrou en combate cos viquingos, onde estes perderon boa parte da súa frota e se viron obrigados a fuxir coas súas naves ao sur, ás terras 
de Hispania.

O apoio as artes

Mais o reinado de Ramiro I tamén pasou á historia como un tempo propicio para as artes, dando paso á unha maior preocupación da monarquía galaica por ostentar o seu poder. Esta estratexia de reafirmación tomaría forma, principalmente, na capital do reino, Oviedo, onde Ramiro I mandou construír numerosas obras arquitectónicas que combinaban a tradición autóctona, coa técnica franca e os gustos mediterráneos; esta pasaría á historia como a “arte ramirense”, que atopa os seus mellores exemplos no palacio real sito en Naranco, e a igrexa de San Miguel de Lillo. Obras, ambas as dúas, coas que se poñían as bases do prerrománico na Gallaecia, á vez que se incorporaban as técnicas arquitectónicas máis innovadoras de Europa; un feito que nos fala dun contexto conectado co mundo franco, o andalusí e aínda con numerosas influencias chegadas do Mediterráneo oriental.

É precisamente nun destes edificios, Santa María de Naranco, onde se atopa a única mención escrita á raíña Paterna, a muller coa que Ramiro I contraeu matrimonio en segundas nupcias e que posibelmente pertencía a unha influente familia da zona vasca. 

Após un reinado intenso, marcado polas convulsións internas, Ramiro I morreu o 1 de xaneiro do ano 850. 

O reinado de Ordoño I

O sucesor de Ramiro foi seu fillo primoxénito, Ordoño, o pimeiro do seu nome no trono da Gallaecia e fillo da súa primeira esposa. Malia que a súa sucesión ao trono non foi precedida de conflitividade, tal e como sucedera con seu pai, os primeiros anos de goberno de Ordoño I víronse marcados por numerosas rebelións no leste do reino, no territorio vascón. Precisamente alí fora o lugar onde Ramiro I mantivera unha posición máis feble e onde, pola contra, Nepociano contara con importantes aliados. Porén, a crónica Rotense fálanos de como esta insurrección en Vasconia contou coa axuda dun continxente hispano-musulmán, o que permite albiscar un interese andalusí por desestabilizar aquelas terras contra a autoridade de Ordoño I. Para boa parte do mundo investigador, é probábel que tras este apoio andalusí se atopase a figura de Musa ibn Musa, valí de Tudela e home pertencente á liñaxe dos Banu Qasi, a poderosa familia de orixe visigoda que dominaba o val do Ebro.

As murallas de Lugo, cidade considerada como o grande bastión de Ramiro I. (Foto: Nós Diario)
As murallas de Lugo, cidade considerada como o grande bastión de Ramiro I. (Foto: Nós Diario)

Esta conflitividade no extremo leste da Gallaecia axiña puxo de manifesto a necesidade dunha alianza con outro dos poderes políticos emerxentes nas proximidades do Ebro: o nacente reino vascón de Navarra, gobernado entón por García Íñiguez de Iruña. Non estraña, xa que logo, que durante a insurrección da poboación toledana contra o emir Mohamed I, esta dirixise as súas súplicas a ambos os dous monarcas, “o rei de Galiza e o rei dos vascos”, tal e como narra o historiador Ibn Khaldun no século XIV. Un chamamento ao que Ordoño I respondeu enviando un continxente armado no 854 mais que finalmente foi derrotado polas tropas hispano-musulmás na batalla de Guadalacete. Alén dos choques coa Hispania musulmá, outro dos focos de inestabilidade foi o curso alto do Ebro, a zona de expansión pola que Musa ibn Musa intensificou a súa influencia. A construción dunha estratéxica fortaleza nas proximidades de Albelda de Iregua (actual Rioxa) por parte do líder dos Banu Quasi alarmou a Ordoño I e ao seu homólogo navarro. Neste caso, a alianza galaico-navarra tivo éxito e os exércitos de ambos monarcas lograron tomar a fortaleza de Musa ibn Musa tras a batalla de Albelda, no ano 859.

As  terras navarras e alavesas eran consideradas en épocas de Ordoño I como “os confíns da Gallaecia”

Lonxe das terras navarras e alavesas, consideradas daquela como “os confíns da Gallaecia”, outra ameaza sacudiu o reinado de Ordoño I; foi a segunda vaga de ataques viquingos que no verán do ano 858 afectou a boa parte da costa galega. Esta tivo como escenario principal a ría de Arousa, desde onde os saqueadores dirixiron as súas expedicións polo territorio, tendo por obxectivo a rica Iria, capital dunha ampla diocese e principal sé relixiosa de toda a Gallaecia. É Vicente Almazán quen sinala como o ataque sobre esta poboación fixo fuxir aos eclesiásticos a un lugar amurallado e próximo: Compostela. Após devastar a comarca, os nórdicos chegaron até as murallas do santuario, onde exixiron un pago en troques de non arrasar o lugar. Finalmente, un enigmático aristócrata galego chamado Pedro, foi o responsábel de organizar un exército e expulsar aos lordomanni de Galiza, destruíndo varias ducias de naves. Unha información que permite supoñer a capacidade militar que, para alén dos monarcas, tiñan determinados nobres no territorio galego.

Consciente da vulnerabilidade de Iria fronte as incursións nórdicas, o rei atendeu aos feitos e solicitou ao Papa Nicolás I que permitise trasladar a capital da sé iriense a Compostela, un lugar máis facilmente defendíbel. Non sen reservas, o Papa aceptou a mudanza demandada e o rei encargouse de dotar a Compostela dun señorío maior no ano 858, doando, ademais, un importante patrimonio á Igrexa compostelá. Xunto a esta tamén cabe sinalar a doazón a outros importantes centros eclesiásticos como o mosteiro de Samos, que no ano 853 viu confirmados algúns privilexios, e no que xa se albisca a presenza da raíña Munia ou Muniadonna, con quen Ordoño I contraera matrimonio. Se ben non se dispoñen datos certos sobre a raíña, sen dúbida a súa orixe se situou na zona occidental da Gallaecia, sendo probabelmente o Bierzo ou o Courel. É, ademais, posíbel como apuntan algunhas informacións, que a raíña estivese emparentada coa poderosa liñaxe á que pertencía o conde Gatón do Bierzo, man dereita do rei Ordoño I. A este mesmo aristócrata encargaríalle Ordoño I o afianzamento da autoridade monárquica non só no Bierzo, senón especialmente en Astorga. En realidade, a estratexia de consolidación do poder rexio respondía a un proceso especialmente impulsado por Ordoño I, e co que conseguiu pór baixo o seu control un amplo territorio que xa englobaba urbes como a propia Astorga, Tui, León ou Amaia, esta última en Cantabria. As crónicas coinciden en sinalar o día 27 de maio do ano 866 como o día en que Ordoño I morreu de gota. O seu convulso pero sólido goberno puxo os alicerces do longo reinado de seu fillo primoxénito, o futuro Afonso III.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios