Paio, Fávila, Afonso e Froila. A nova monarquía galaica de 711 até 768

Marcado por unha grande inestabilidade, o Estado visigodo formado polos territorios de Hispania, Gallaecia e Septimania (sur da Galia) entrou nunha guerra civil no ano 710. O motivo fora a morte −ou asasinato− do rei Vitiza, quen gobernara a Gallaecia anos atrás, e que finalmente herdara o trono toledano de seu pai. Tras a fin do reinado de Vitiza atópase o golpe de Estado perpetrado por un sector da aristocracia e clero visigodo. O líder desta facción, un nobre chamado Rodrigo, usurpou violentamente o trono mais non conseguiu ser recoñecido como rei por boa parte da aristocracia visigoda. Esta última mantívose fiel á liñaxe de Vitiza, considerándoos herdeiros naturais do rei.
Imaxe de Fafila e Froiliuba no mosteiro de San Pedro de Villanueva, en Cangas de Onís (Asturias). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de Fafila e Froiliuba no mosteiro de San Pedro de Villanueva, en Cangas de Onís (Asturias). (Foto: Nós Diario)

Os líderes militares visigodos recoñeceron no norte e leste peninsular a autoridade de Akhila, fillo de Vitiza segundo parte da literatura medieval. Porén, as rivalidades internas entre uns e outros candidatos abriron as portas á intervención da gran potencia mediterránea da época: o califato omeia de Damasco que finalmente conseguiu impor a súa autoridade na Hispania visigoda.

Na Gallaecia, o colapso de Toledo fronte as autoridades do califato supuxo unha ruptura na estrutura de vasalaxe instaurada pola propia monarquía visigoda. Unha ruptura que na Gallaecia posibelmente xa se iniciara co golpe de Estado contra Vitiza, o que permite supor un desafecto da nobreza galaico-visigoda cara a Rodrigo. Porén, a caída e definitiva desaparición da monarquía visigoda supuxo un escenario de grande incerteza, seguido de campañas de sometemento das elites hispano-visigodas, tanto a través de acordos como mediante as armas.

O episodio acontecido en Lugo, de ser real, puido responder ao feito de a urbe acoller o dux provinciae consignado á Gallaecia durante o dominio visigodo

Non hai ningunha información sobre a entrada das tropas islámicas nas sés eclesiásticas galegas a excepción de Lugo, do que unha crónica árabe tardía afirma que foi asaltado polo exército de Musa. Porén, para investigadores como Martín Rodríguez Calo, o episodio acontecido en Lugo, de ser real, puido responder ao feito de a urbe acoller o dux provinciae consignado á Gallaecia durante o dominio visigodo; unha circunstancia que a convertería nun obxectivo militar. Demostración de forza ou tentativa de pacto, Fernández Calo apunta a posibilidade da aristocracia galega chegar a un acordo mutuo de non agresión coas novas autoridades musulmás.

O reino cristián peninsular

Libre da autoridade islámica mais tamén da hispano-visigoda, a Gallaecia de comezos do século VIII configurouse como a principal área cristiá do ámbito ibérico. Un territorio que abranguía todo o noroeste peninsular e ao que o mundo islámico se referirá, en lingua árabe, baixo o nome de Yilliqiya (“Galiza”), diferenciado, con plena claridade, da veciña Hispania. En realidade, este esquema territorial apenas seguía o modelo visigodo que distinguía tres entidades administrativas: Hispania, Gallaecia e Septimania; tal e como se observa en numerosos documentos de época visigoda.

A propia caída da monarquía visigoda supuxo un baleiro na produción documental e, xa que logo, na redacción de crónicas sobre o territorio galaico da altura. Se ben desde disciplinas como a lingüística ou a arqueoloxía é posíbel reconstruír certos aspectos do pasado da Gallaecia altomedieval, resulta moito máis complexo un achegamento á historia política desta. Para salvar a ausencia de escritos e crónicas históricas desta época, a historiografía utilizou tradicionalmente crónicas posteriores, redactadas a finais do século IX, as máis delas con marcada influencia política. Destinadas a ser un instrumento político, a memoria histórica que estas crónicas nos transmitiron está altamente adulterada e o seu contido é obxecto, aínda hoxe, de importantes debates historiográficos arredor das figuras, reais ou fantasiosas, que alí aparecen.

Paio

Paio e a batalla de Covadonga no 'Corpus Pelagianum' do século XII. (Fonte: BNE)
Paio e a batalla de Covadonga no 'Corpus Pelagianum' do século XII. (Fonte: BNE)

Entre estas figuras históricas, ou pseudohistóricas sobresae o nome dun nobre chamado Paio (Pelagius). Arredor desta figura de características míticas, asociouse a batalla de Covadonga como mito fundacional da mal chamada “Reconquista”; un termo practicamente desbotado do mundo investigador actual mais que segue a ter gran vixencia no currículo escolar no Estado español. Acontecida entre os anos 718 e 722, o certo é que a súa existencia, como a de Paio, é aínda hoxe seriamente discutida. Talvez un dos feitos que máis dúbidas suscite na comunidade académica sobre o verismo destes acontecementos sexa, precisamente, a súa ausencia nas únicas dúas crónicas ibéricas escritas nese momento: a Crónica Arábigo-Bizantina, escrita no ano 741 e a Crónica Mozárabe, do 754, as cales ignoran por completo a existencia da batalla como do propio Paio. Un descoñecemento que para autores como Xosé Antonio López Teixeira, obriga a relativizar toda a importancia que se lles quixo conceder e mesmo a cuestionar a súa existencia.

En realidade, tal e como apunta o mesmo autor, practicamente todo o que se sabe −ou se cre saber− sobre Paio procede de crónicas escritas nas proximidades de Oviedo por volta do ano 880, é dicir, máis de 160 anos despois dos supostos acontecementos de Covadonga. Coñecidas como crónicas de Afonso III, pois foi este rei da Gallaecia quen as mandou escribir durante o seu reinado, estas son, en realidade, tres versións de orixe compartida: a Rotense, a Albeldense e a Sebastianense. Coincidentes nalgúns puntos e discordantes noutros, todas elas procuran presentar a Paio como descendente dos últimos reis visigodos. Unha idea coa que Afonso III procuraba ser presentado como o lexítimo herdeiro dos reis visigodos de Toledo o que, en última instancia, lle permitiría reclamar o dominio peninsular.

A Chronica Sebastianense afirma que Paio era fillo dun nobre visigodo chamado Fafila

Porén, as crónicas discrepan á hora de estabelecer a orixe de Paio. Así, a versión revisada polo bispo Sebastián, a Chronica Sebastianense, afirma que Paio era fillo dun nobre visigodo chamado Fafila. Este sería un dos duces que formaban parte da corte galega de Vitiza en Tui. Un aristócrata, Fafila, ao que as crónicas atribúen “sangue real” visigoda. Pola súa parte, a versión Albeldense da crónica procurou identificar a Paio como neto de Rodrigo, considerando a este −erroneamente− como o último rei hispano-visigodo.

A posíbel orixe galega de Paio

Orixinario, quer de Tui, quer de Toledo, segundo as crónicas Afonso III, Paio tería loitado contra as autoridades musulmás instaladas en territorio ástur, derrotándoas con axuda divina en Covadonga. Un triunfo que sería especialmente popular nos vales do oriente asturiano onde os seus o proclamarían como o seu líder. No entanto, para gran parte do mundo académico actual, resulta escasamente críbel que Paio fose descendente de visigodos. A este respecto, sen dúbida o trazo máis significativo sexa que, a diferenza dos reis de Toledo, de nomes xermanos, o de Paio sexa un nome de orixe latina (Pelagius), o que delataría a orixe autóctona desta figura. En calquera caso, semella que o señorío de Paio apenas se limitou aos vales próximos a Cangues d'Onís.

A influencia das crónicas cristiás medievais tamén se fixo sentir no relato historiográfico do mundo islámico. Deste xeito, tal e como apunta López Teixeira, non resultan estrañas as referencias a Paio en obras árabes, tales como o Ajbar Machmúa, obra do século XI onde se fala de como “os galegos se sublevaron contra os musulmáns, e medrando o poder do cristián chamado Paio [...] saíu das montañas e se fixo dono do distrito de Asturias”. Unha idea que aínda recuperará Al-Maqqari no século XVII ao sinalar a “Paio, natural de Asturias en Galiza”, en referencia á Yilliqiya dos textos árabes.

Tanto a figura de Paio como os feitos que puideron acontecer en Covadonga tenden a ser explicados desde unha óptica local

Revestido de ficción, para autores como Anselmo López Carreira, é posíbel que a enxalzada batalla de Covadonga non fose, en realidade, máis que unha escaramuza militar. Isto explicaría o feito de que ningunha crónica do momento aluda a ela nin ao propio Paio. Na actualidade, tanto a figura de Paio como os feitos que puideron acontecer en Covadonga tenden a ser explicados desde unha óptica local. Deste xeito, o Pelagius das crónicas podería identificarse como un dos numerosos líderes territoriais que existiron na Gallaecia post-visigoda.

Unha realidade política marcada pola caída da monarquía visigoda e o rexurdimento dunha aristocracia que, libre de lazos de vasalaxe con Toledo, adquiriu funcións de Estado nos seus respectivos señoríos. Porén, a memoria, real ou imaxinada, que as crónicas de Afonso III quixeron transmitir centrouse na Gallaecia cantábrica, no territorio ástur-cántabro, pois era alí onde estas foron escritas por volta do ano 880, incorporando, talvez, relatos da tradición oral.

Os sucesores de Paio

A pesar das súas diferenzas e contradicións, as crónicas elaboradas durante o longo reinado de Afonso III (866-910) coinciden en que, após a morte de Paio, no ano 737, este foi sucedido polo seu fillo Fávila. De nome xermánico, a diferenza do anterior, nada se sabe con certeza de Fávila, nin do nome de súa nai. Si se coñece, malia todo, o nome da súa esposa: Froiliuba. Onde conflúen as informacións cronísticas é en que o reinado de Fávila resultou completamente efémero, durando apenas dous anos. O final deste curto reinado chegaría coa morte do rei a causa do ataque dun oso. Morto no ano 739, o goberno do señorío asturiano de Fávila pasou á súa irmá, Ermesinda, casada con Afonso, un señor da guerra orixinario de Cantabria e figura especialmente controvertida. En virtude, xa que logo, do seu casamento coa filla de Paio, este nobre espallaría a súa influencia na zona ástur-cántabra e pasaría á historia como Afonso I.

Ermesinda e Afonso I na 'Genealogia dos reis de Portugal' do século XVI.
Ermesinda e Afonso I na 'Genealogia dos reis de Portugal' do século XVI.

A pesar da súa presenza nas crónicas, é posíbel que Afonso I nunca chegase a existir ou, polo menos, non na forma en que se presenta nas crónicas de Afonso III. Os propios documentos discrepan entre si á hora de falar das orixes de Afonso I, presentándoo unhas veces como un líder local, outras como descendente de reis e aínda dun suposto dux cántabro-visigodo chamado Pedro. Con isto procurábase dotar a este nobre dun pasado glorioso á vez que permitía ao rei Afonso III trazar unha liña hereditaria coa desaparecida monarquía toledana. Mais para alén dunhas orixes discutíbeis, tampouco o ciclo cronístico de Afonso III amosa especial realismo cando numera os triunfos militares do propio Afonso I, atribuíndolle, desde o seu pequeno señorío cántabro-asturiano, a fantasiosa conquista das grandes cidades da Gallaecia, tales como Astorga, Porto, Lugo, Tui ou Segovia, entre outras.

Cheo de grandes lagoas de información, cando non falsidades, é posíbel atopar certo verismo na figura de Afonso I. Baixo esta perspectiva, é posíbel que Afonso I, como outros nobres da Gallaecia, levasen a cabo, xa a mediados do século VIII, numerosas campañas de saqueo sobre os territorios da meseta, tal e como era habitual desde antes da conquista romana. Uns ataques favorecidos polo repregamento que as gornicións musulmás, especialmente bérberes, iniciaron nesta época. Falecido de morte natural tras 19 anos de reinado, Afonso I sería sucedido no 757 por Froila, un dos seus fillos. Coñecido hoxe como Froila I, o novo rei non gozou de gran estima polas crónicas. Nelas destácase o escaso carisma de Froila, propiciado, en gran parte, por matar, coas súas propias mans, a seu irmán Vímara, rival seu polo trono paterno.

As relacións do rei co resto da aristocracia galaica resultan completamente descoñecidas mais permiten adiviñar a vía da guerra e do pacto

Ao igual que seu pai, Froila I destaca nas crónicas por desenvolver unha intensa actividade bélica. É durante o seu reinado (anos 757 ao 768) cando o territorio propiamente galego, e tamén o vasco, comecen a aparecer nas crónicas de Afonso III como lugares fronteirizos co señorío de Froila. As relacións do rei co resto da aristocracia galaica resultan completamente descoñecidas mais permiten adiviñar a vía da guerra e do pacto. Con todo, é a versión Rotense a única crónica que nos indica como Froila tivo que loitar contra algúns señoríos galegos e aínda tamén vascos.

Neste último territorio tamén entraría en xogo a vía matrimonial como método de alianza e que, finalmente, se traduciría no casamento de Froila cunha nobre vascona, Munia. A estes choques armados sumaríase outro, real ou fantasioso, no lugar de Pontubio, onde Froila I puido vencer un destacamento musulmán enviado desde Al-Ándalus. Outro dato no que concordan as crónicas é que o goberno de Froila I rematou violentamente no ano 768. Froila I foi asasinado, deixando a seu fillo Afonso como sucesor, coñecido posteriormente como Afonso II; este tardaría máis de vinte anos en se facer co trono de seu pai.

Se ben ningún destes nobres ostentou nunca o título de rex (“rei”), mais si o de princeps (“príncipe”), estes representan os únicos precedentes documentados dos inicios da posterior realeza galaica do século IX, o que non significa que fosen os únicos. Cabe, por tanto, considerar estes gobernantes máis como “señores ou reis na Gallaecia” que como “reis da Gallaecia”. Con todo, estes e os seus sucesores serán considerados nas crónicas europeas e hispano-musulmás como “reis da Gallaecia ou “reis de Galiza”. Un termo que a historiografía española evita desde o século XIX, cando Modesto Lafuente comece a denominar a estes gobernantes baixo o nome de “reis de Asturias”. Termo moderno que, malia gozar de gran difusión desde entón, nunca chegou a ser utilizado ao longo de toda a Idade Media.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios