García I e Afonso VI. Un reino entre dous irmáns

García I (1042-1090) apareceu á vida pública moi novo, seguindo o camiño marcado pola nai, Sancha I, e do seu preceptor, o arcebispo compostelán Cresconio, con quen residiu desde 1053. Antes de ser proclamado monarca na Catedral de Santiago de Compostela, atopámolo trazando alianzas coa nobreza laica e eclesiástica do reino, recibindo peregrinas e peregrinos de Liexa, a quen agasallou con reliquias do apóstolo ou fechando acordos coas potencias europeas. Sinalouse polos lazos estabelecidos co rei normando Guillerme, cabeza da máis importante potencia rexional europea do momento.
Afonso VI, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. / Catedral de Compostela
photo_camera Afonso VI, nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Compostela)

*Escoita aquí o capítulo de hoxe do podcast de Nós Diario no marco do coleccionábel Os reis e as raíñas da Galiza

O reinado de García foi moi breve e estivo suxeito a unha grande inestabilidade interna e externa. Segundo confirmaron a práctica totalidade das investigacións, mantívose no trono exclusivamente entre 1067, ano da morte do seu proxenitor, e 1071, momento da súa derrota a mans do seu irmán Sancho. Ao tempo, debeu facer fronte a diversas revoltas de sectores da nobreza, significándose, entre elas, a liderada polo conde de Portugal, Nuno Mendes, neto de Mendo Gonzales, derrotado finalmente polo rei galego na batalla de Pedroso, entre Braga e o río Cádavo, o 18 de xaneiro de 1071.

Reliquia do apóstolo Santiago entregada por García e conservada na cidade belga 
de Liexa. / Nós Diario
Reliquia do apóstolo Santiago entregada por García e conservada na cidade belga de Liexa. (Foto: Nós Diario)

A acción de Goberno de García respondeu a un programa político coherente. A súa actuación buscaba a implicación dos prelados na xestión do reino, exemplificada no pacto de mutua fidelidade con Vistruario de Lugo, tentaba puntos de encontro coa nobreza laica, acreditado polo seu papel como mediador nos litixios entre estes, e apostaba polo impulso á articulación administrativa da monarquía coa fundación de novas dioceses, onde logrou particular significación a restauración da sé de Braga.

O historiador Xosé Antonio López Teixeira sinalou como “algo transcendental” a restauración da sé de Braga, porque “como vella metrópole da provincia romana e da monarquía sueva, revelaba unha indubidábel vontade de afirmación dun reino de seu que, ampliado coa recuperación recente de Coimbra, tiña o centro de gravidade no espazo situado entre os ríos Douro e Miño”. Noutra liña, mereceu unha consideración especial a vontade imperial presente no seu programa político, até o punto de ser o primeiro monarca cristián peninsular en empregar esa denominación, que recuperou, posteriormente, o seu irmán Afonso VI e o seu sobriño neto Afonso VII.

O reino galego na época de García chegaba ao mar Cantábrico polo norte e ao río Mondego polo sur, sendo considerado o máis grande dos Estados cristiáns ibéricos

O ensaísta Francisco Rodríguez recomenda “cautela” á hora de xulgar o efémero reinado de García na Galiza nuclear, tanto do punto de vista da súa actuación persoal como do punto de vista dos intereses que representaba. “Hai algúns indicios que non fan ver a súa eliminación do trono como unha ruptura ou substitución, cos poderes que o sustentaran. Tampouco, malia a súa reclusión, parece que existise unha hostilidade familiar capaz de chegar ao asasinato”, explicou.

A política internacional

A privilexiada situación xeográfica da Galiza no centro das máis importantes rutas marítimas e, posteriormente, a descuberta da tumba do apóstolo Santiago favoreceron as relacións internacionais da monarquía galega, moi intensas en todo o período medieval. As fontes contemporáneas, tan pobres nas referencias a García, deixan, neste caso, varias referencias sobre os seus contactos no ámbito continental.

As crónicas normandas recolleron testemuños das relacións de García con Guillerme O Conquistador, o máis poderoso monarca europeo do momento. Así, Guillerme de Potiers (Potiers 1071, Potiers 1126), duque de Aquitania, un dos primeiros trobadores europeos e gran cronista da época, sinalou na súa Gesta Guillelmi, Ducis Normannorum et Regis Angliae, que o cabalo de Guillerme O Conquistador na batalla de Hastings de 1066 era un agasallo dos “reis galegos ao seu amigo”.

García e a clase dirixente galega buscaron un matrimonio cunha filla de Guillerme O Conquistador, formulándose a proposta en dúas ocasións. A segunda tentativa foi impulsada polo arcebispo compostelán Diego Pais, que tentou á volta de 1086 concertar unha voda entre o rei García I —nesa altura preso— e unha filla do monarca normando, a fin de restaurar este no trono de Galiza. Normandía vivía o seu momento de máximo apoxeo, após a conquista de Inglaterra, operando como auténtica potencia rexional do espazo atlántico europeo.

As fontes galegas e europeas non aforraron información sobre esta relación. Así, a Historia Compostelá explicou o cese de Pais como arcebispo de Compostela en 1088 por tentar entregar o Reino de Galiza “aos ingleses e normandos”.

O reino galego en tempos de García

O reino galego na época de García chegaba ao mar Cantábrico polo norte e ao río Mondego polo sur, sendo considerado o máis grande dos Estados cristiáns ibéricos. O maior peso territorial da Galiza era recoñecido, mesmamente, no cantar de xesta do seu irmán Sancho, onde se afirmaba que García fora mellorado no reparto, após a conquista de Coimbra e a fixación da fronteira ao sur do Mondego. Ao tempo, dependían da Galiza as taifas de Sevilla e Badaxoz, escenario dalgunha das accións militares máis importantes de Afonso VI contra García. Sexa como for, o centro de gravidade do poder situábase na Galiza nuclear, concretamente arredor de Braga e Compostela. 

García foi apartado da coroa após a derrota militar a mans dos seus irmáns, nun conflito que unha parte da historiografía galega cualificou de civil. Á volta da primavera de 1071, foi detido en Santarém polas tropas de Sancho, sendo posteriormente trasladado a Burgos até a súa marcha ao exilio sevillano. A escolla deste emprazamento emparella coa histórica relación de Sevilla co Reino da Galiza, do que a taifa era tributaria e que se vai manter até o século XIV. A fins de 1072 ou comezos de 1073, volveu ser apresado, neste caso polo seu irmán Afonso VI, permanecendo confinando até a súa morte no castelo de Luna.

Francisco Rodríguez considera que “non cabe a menor dúbida da deposición de García derivar dun conflito interno no Reino da Galiza, que se foi dirimindo coa entronización de tres reis da mesma dinastía”. Neste sentido, aclara que “non se tratou dun conflito entre reinos, senón dunha convulsión das clases dirixentes que acabou nunha saída monárquica partillada, común, cun só rei, nun espazo xeográfico e político, o noroccidental, desenvolvido a partir dun núcleo orixinario desde o século IX, Galiza, con claras relacións e interdependencias das súas clases dirixentes”.

O 22 de marzo de 1090 morría o rei García da Galiza no castelo de Luna, unha fortaleza situada nas terras da montaña leonesa de Babia, onde permaneceu encarcerado por orde do seu irmán. Seguindo a versión tradicional, enterrárono cos pés amarrados aos mesmos grillóns de ferro que o acompañaron nos seus 18 anos de cativerio. A lápida da súa tumba, no panteón rexio da Catedral de León, non deixaba dúbida: “Aquí xace o rei García de Portugal e Galiza, fillo do gran rei Fernando, que foi capturado polo seu irmán con engano. Morreu preso o 22 de marzo de 1090”.

O monarca deixou após a súa morte descendencia. Malia o interese dunha parte da historiografía en negar a existencia de fillos de García, os xenealoxistas máis reputados e fiábeis do Estado sitúan como herdeiro do monarca galego a Fernán García, iniciador da liñaxe dos Castro, que marcaron a vida do país nos séculos XIII e XIV. Nese sentido, téñense manifestado investigadores como Reilly, Crespo del Pozo, Sánchez-Pagín ou a leonesa Margarita Torres Sevilla, que non dubida en afirmar que “mantemos como proxenitor da liñaxe obxecto do estudo [Os Castro] a Fernando, fillo do rei da Galiza Don García, primo irmán polo tanto, de Dona Urraca”.

O partido de García

O derrocamento e prisión de García veu seguido de diversas iniciativas para restauralo no trono. As sublevacións dos galegos a favor deste monarca estiveron lideradas polos máis importantes representantes da nobreza laica e eclesiástica, destacando entre eles Froila Bermúdez, o conde Rodrigo Ovéquiz e o arcebispo compostelán Diego Pais.

Froila Bermúdez, membro da influínte familia dos Froilaz Traba, acompañou a García ao seu exilio na taifa de Sevilla e após a súa detención negouse a someterse a Afonso VI, aceptándoo só como rexente. Segundo se recolleu no nobiliario do Conde de Barcelos, foi o principal valedor e conselleiro de García, debendo entregar como refén o seu fillo Pedro a Afonso VI. Precisamente, Pedro Froilaz, o primeiro conde de Traba, xogou un papel chave na proclamación como rei da Galiza de Afonso VII, continuador, para unha parte da historiografía, do proxecto político de García.

Rodrigo Ovéquiz foi un dos máis poderosos nobres galegos, neto de Rodrigo Romaes e Milia de Wessex e, polo tanto, emparentado directamente coa casa real da Galiza e de Wessex (Illas Británicas). Á volta de 1073, canda os seus irmáns Vermudo e Vela, ergueuse nas súas extensas posesións do norte e do centro do país, sumando á súa causa boa parte do territorio e chegando a proclamarse conde da Galiza.

A derrota da revolta levouno a exiliarse na taifa de Zaragoza, onde Al-Mutaman, “o rei sabio”, deu refuxio a unha cumprida relación de seguidores de García. Porén, a chegada á península dos almorábides en 1086 creou unha nova conxuntura para Rodrigo Ovéquiz, que abandonou o desterro zaragozano e puxo rumbo á Galiza para erguer a bandeira do rei lexítimo.

Rodrigo Ovéquiz rematou finalmente derrotado en 1088, séndolle requisados os bens por Afonso VI e entregados ao bispado de Lugo. Malia todo, a revolta de Rodrigo Ovéquiz obrigou o monarca a abrir unha nova liña de acción na Galiza, concretada na nova posición da súa filla Urraca e do seu xenro Raimundo de Borgoña.

Afonso VI, outro rei galego

García I foi sucedido no trono galego polo seu irmán Afonso (1040-1109). Malia as diverxencias existentes entre os dous irmáns, a entronización de Afonso non implicou mudanzas na orientación da política do reino, significándose no mesmo sentido os apoios desde novo monarca entre a clase dirixente da Galiza nuclear. Neste sentido, Francisco Rodríguez sinala que “é inconcibíbel a monarquía que representa Afonso VI, sen a súa base política, económica e social na Galiza, o referente central do poder no que se apoiaba”. Nesta dirección, apunta que “de forma sucesiva, os tres irmán, García Sancho e Afonso foron opcións que contaron co servizo de moitos cabaleiros galegos, isto é foron alternativas apoiadas internamente”.

A política internacional é un exemplo paradigmático das coincidencias entre o programa político de García e Afonso, continuadores neste caso da liña marcada polos seus pais Fernando e Sancha. Nesta dirección, primou a relación coa poderosa abadía francesa de Cluny e estreitou lazos co reino viquingo de Normandía, naquela altura primeira potencia do continente europeo, dirixido polo rei Guillerme o Conquistador. Un bo exemplo disto foi o frustrado matrimonio cunha das cinco fillas do monarca normando, Ágata, morta en 1080, quen segundo o cronista británico do século XII, William de Malmesbury, “foi prometida a través de mensaxeiros, a Afonso, rei da Galiza, pero obtivo de Deus o don de morrer virxe”.

Afonso VI foi recoñecido polos seus contemporáneos como un rei galego 

Afonso foi e actuou como un rei galego e así o recoñeceron os seus contemporáneos. Á marxe da xa referida filiación territorial de William de Malmesbury, outro cronista británico a medio camiño entre o século XI e XII, Orderico Vital, un monxe bieito autor da Historia Ecclesiastica, refírese, tamén a Afonso como “rei da Galiza”. Outro caso análogo acontece con Simon de Crepy, o célebre conde Valois, educado na corte de Guillerme de Normandia e enfrontado ao rei de Francia Felipe I, ou con Sigeberto de Gembloux, monxe no mosteiro belga de Gembloux quen no seu Chronicon sive Chronographia chámalle Afonso “rex Gallicae”. A mesma denominación de rei da Galiza empregou para Afonso VI o propio papa Urbano II.

A propia Crónica Silense, un relato sobre o reinado deste monarca escrito após a súa morte, non dubida a referise a el como rei da Galiza. Francisco Rodríguez lembra como o propio Lucas de Tui, un dos autores chave do relato historiográfico castelanista, na súa Crónica de España pon en boca de Rodrigo Díaz “O Cid” unhas palabras dirixidas ao rei Sancho III, tras ser derrotados os casteláns por Afonso VI, afirmando “ai están eses galegos co teu irmán Afonso descansando tras a vitoria descoidadamente nos seus reais”.

O galego foi o idioma de Afonso VI. Así, o bispo de Tui e cronista de Felipe III, Prudencio de Sandoval anota na súa Historia dos reis de Castela e León do século XVII que tras saber Afonso da morte do seu fillo Sancho na batalla de Uclés de 1108 e na lingua que usaba dixo con dor e bágoas que crebaba o corazón “ai meu fillo, alegría do meu corazón, lume dos meus ollos, solaz da miña vellez”. A este respecto, débese ter en conta que o galego era lingua habitual de uso no reino, chegando afirmar un estudoso como Ramón Menénez Pidal no seu volume Origenes del español que “o idioma falado en León era máis semellante ao galego que o castelán”, significando que “Galiza inflúeo moito na lingua leonesa entre os séculos IX e X; Castela inflúeo máis ben despois xa que a súa hexemonía política non comezou senón a partir do último terzo do século XI”.

Moeda acuñada por Afonso VI.
/ Nós Diario
Moeda acuñada por Afonso VI. (Foto: Nós Diario)

Afonso significouse polo seu grande apoio a Compostela, segundo Manuel Murguía a súa cidade de nacemento. Nesta liña, promoveu decididamente unha nova basílica para Compostela, que substituíra o vello edifico dos tempos de Afonso III, non regateando medios para as obras pospostas polo mestre Bernando. Precisamente, esta axuda indispúxoo co papado, preocupado que unha vez recoñecida a condición de Compostela como sé apostólica promovese canda o bispo Cresconio II un cisma na igrexa semellante ao producido en 1054. A este respecto, a Crónica Compostelá recolle “a igrexa romana, temía, en efecto que a igrexa compostelá apoiada en tan grande apóstolo e tras obter os dereitos de dignidade eclesiástica, asumira o cumio e o privilexio das igrexas occidentais”.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios