Galiza na monarquía visigoda. Un reino plurinacional formado por Hispania, Gallaecia e Septimania

Após seren derrotados polos francos na batalla de Vogladum (ano 507), os visigodos apenas lograron conservar os seus dominios no sur da Galia, na rexión de Septimania, e na antiga Hispania. Nesta última, a monarquía visigoda fundaría na meseta un novo reino: o Regnum Gothorum, que posteriormente recibiría o nome de Regnum Hispaniae. Un novo Estado que acabaría fixando a súa metrópole na antiga cidade romana de Toletum (actual Toledo).
O concilio de Toledo nunha miniatura do Codex Vigilianus. (Foto: Biblioteca do mosteiro do Escorial)
photo_camera O concilio de Toledo nunha miniatura do Codex Vigilianus. (Foto: Biblioteca do mosteiro do Escorial)

Desde o fracaso de Vogladum até o ano 549, os visigodos careceron dunha política plenamente autónoma, supeditados a outro pobo xermánico, os ostrogodos, inimigos tamén dos francos e de Bizancio. Baixo a rexencia da corte itálica do rei ostrogodo Teodorico “o Amalo”, os visigodos iniciaron entón a súa expansión polo sur da Lusitania e da Bética, aínda en mans de líderes hispano-romanos. Con todo, coa morte do último gobernador ostrogodo, Teudiselo, o emerxente reino de Toledo comezou a desenvolver unha política libre de inxerencias e marcadamente expansionista. Co reino da Gallaecia no noroeste e os dominios bizantinos ao sur, a monarquía visigoda tamén tivo que facer fronte ás incursións francas sobre a Septimania. Un complexo crebacabezas xeopolítico ao que cabe sumar aqueles espazos, especialmente o pirenaico e o cantábrico, onde as elites autóctonas mantiñan o control efectivo do territorio practicamente desde a caída de Roma.

Dadas as circunstancias internacionais, a fráxil convivencia entre os monarcas de Galiza e o emerxente reino visigodo de Hispania axiña desapareceu. A hostilidade entre ambas as dúas monarquías coincidiu co reinado de Miro na Gallaecia (570-583) e o ascenso, en Hispania, do novo rei visigodo, Leovixildo, iniciador dunha política profundamente belicista. Neste choque armado entre monarcas tamén pesaban as razóns de índole relixiosa, pois a diferenza da monarquía sueva, católica entón, o Estado visigodo profesaba o arianismo, unha doutrina cristiá que negaba o carácter divino de Cristo −non así o de Deus− e que era considerada unha herexía por Roma.

O fin do reino galego dos suevos

A revolta de Hermenexildo, fillo de Leovixildo, así como o auxilio militar de Miro acabaron debilitando politicamente a Gallaecia e provocando a entrada final dos exércitos visigodos na Galiza no ano 585. Con todo, a ofensiva dos exércitos visigodos revelouse, nesta ocasión, moito máis eficaz que o ataque que un século atrás dirixira o tamén visigodo Teodorico contra o rei galaico Requiario. Se naquela ocasión, o reino, malia ser executado o seu soberano, recuperou a súa independencia nun curto espazo de tempo, neste caso a irrupción visigoda tivo como resultado a definitiva desaparición da monarquía sueva e o inicio do control de Toledo sobre o reino de Galiza durante máis dun século. Consumábase así a substitución definitiva dunha monarquía sueva que durante case douscentos anos fixera da Gallaecia un reino independente. Se ben o novo escenario político permitiu aos visigodos estender o seu dominio sobre o territorio galego, a Gallaecia continuou a ser unha terra afastada de Toledo, o que dificultou seriamente o control total desta por parte da monarquía visigoda.

Confiado, nalgúns casos, a membros da propia familia real, o dux provinciae ostentaba amplísimos poderes e actuaba en nome do rei de Toledo no territorio sometido

Conscientes deste afastamento, mais tamén da escasa presenza visigoda no reino, Leovixildo e os seus sucesores no trono toledano decidiron encomendar o goberno da Gallaecia a un delegado rexio, un maxistrado co cargo de dux provinciae (literalmente, “duque de provincia”). Así o sinalan investigadores como Martín Fernández Calo, quen recorda como esta institución xa aparece na documentación visigoda a pouco de ser anexionado o reino galaico-suevo. Confiado, nalgúns casos, a membros da propia familia real, o dux provinciae ostentaba amplísimos poderes e actuaba en nome do rei de Toledo no territorio sometido.

A revolta de Malarico

Con todo, o sometemento da Galiza iniciado por Leovixildo representou un proceso lento e non exento de conflitos. Así o sinalou un autor coetáneo aos acontecementos, o bispo e cronista Xoán Biclarense, quen no seu Chronicon, escrito por volta do ano 589, lembraba a revolta dun nobre suevo chamado Malarico. Se ben Xoán Biclarense, visigodo, non dubidou en cualificar a sublevación de Malarico como un acto de tiranía, o propio cronista afirmaba que a magnitude desta fora tal que o propio Malarico estivera a piques de acabar co dominio visigodo na Gallaecia só un ano antes da morte de Leovixildo.

Igrexa de Santa Comba de Bande (comarca da Baixa Limia), construída entre os séculos VI e VII. (Foto: Nós Diario)
Igrexa de Santa Comba de Bande (comarca da Baixa Limia), construída entre os séculos VI e VII. (Foto: Nós Diario)

A pesar de que as crónicas coetáneas evitaron explicar quen era Malarico, a súa influencia e accións permiten situalo na máis alta aristocracia sueva e talvez próximo á realeza galaica. Unha posición, política e militar, que lle permitiu situarse como aspirante ao trono galego e encabezar unha revolta na que posibelmente estiveron implicadas as esferas máis elevadas de Galiza ou, cando menos, unha facción destas; a mesma, talvez, que situou a Audeca no trono de Braga e que se mostrou contraria á submisión que adoptara Eborico fronte Leovixildo. A pesar do fracaso da súa tentativa política, non cabe dúbida de que a sublevación de Malarico revela a vontade das elites galaico-suevas por recuperar un Estado soberano, libre da tutelas estranxeiras, e por restituír así unha institución rexia propia.

Cabe pensar que para asentar o seu dominio plenamente en territorio galego, o poder visigodo necesitou contar cunha parte da aristocracia autóctona

Próxima á vitoria, a rebelión de Malarico puxo de manifesto o feble dominio da monarquía visigoda na Gallaecia. A este respecto, cabe pensar que para asentar o seu dominio plenamente en territorio galego, o poder visigodo necesitou contar cunha parte da aristocracia autóctona, talvez a mesma que fora fiel a Eborico e que confiaba en Leovixildo para restituír o rei suevo no trono de Braga. Así o cren os autores e autoras de Gallaecia Gothica (Madrid, 2015) ao sinalar como os primeiros “duques” situados á fronte de Galiza puideron pertencer á antiga aristocracia sueva aliada de Leovixildo, e mesmo ser os responsábeis de frustrar a revolta de Malarico e capturalo antes de se converter en rei da Galiza.

Arxemundo, o galego

No entanto, sabemos que algúns dos duques do Estado visigodo tamén se sublevaron finalmente contra os monarcas toledanos. Foi o caso de Arxemundo (“Argimundus”), un aristócrata ao que Xoán Biclarense presenta como un insurrecto ao rei Recaredo, fillo de Leovixildo. Segundo os mesmos investigadores, a propia natureza do nome, Arxemundo, permite identificar a este nobre como suevo e, xa que logo, orixinario da Gallaecia. Desde este punto de vista, Arxemundo tería utilizado o seu cargo para iniciar unha sublevación militar na Gallaecia contra o poder toledano no ano 589. Unha revolta que os exércitos de Recaredo sufocaron e cuxo triunfo foi conmemorado finalmente nas moedas visigodas da época, tal e como se aprecia en numerosos exemplares aparecidos en diferentes puntos da Gallaecia coa lenda “VITOR / VITORIA”. O modelo numismático perdurou durante décadas, talvez sinalando as diferentes vitorias que os exércitos visigodos colleitaron na Gallaecia e que parecen chegar ao seu fin no reinado de Suintila. A pesar da súa magnitude, a sublevación de Arxemundo foi atallada e o propio rebelde foi levado á capital da Hispania visigoda, Toledo, onde foi obxecto de tortura e vexacións polo seu levantamento en contra do poder real.

Se cadra, a capital histórica da Gallaecia e da monarquía sueva resultaba potencialmente perigosa ante as novas autoridades toledanas

Mais para alén das revoltas de Malarico e Arxemundo na Gallaecia, o territorio galego continuou a ser un foco de inestabilidade política dentro do Estado visigodo do mesmo xeito que o foi a Septimania gala. Así o evidencian as sucesivas campañas militares que diferentes reis visigodos, tales como Sisebuto (612-621) e Suintila (621-631) levaron a cabo no centro e norte desta, coa conseguinte emisión de moedas conmemorativas das súas vitorias en territorio galaico, proba de que o dominio visigodo non estaba consolidado. Tras esta conflitividade talvez se atope, como apunta o investigador Pablo Poveda Arias, a perda de protagonismo político de Braga. Se cadra, a capital histórica da Gallaecia e da monarquía sueva resultaba potencialmente perigosa ante as novas autoridades toledanas, o que explica a decisión de situar en Lugo ou Tui a residencia dos “duques” visigodos, tal e como recollen algunhas crónicas medievais posteriores.

Sen dúbida, as revoltas no reino de Galiza, como parte integrante manu militari da monarquía visigoda, gardaron unha relación directa co tratamento que se dispensou ás elites galaicas e suevas no propio Estado. Non en van, a aristocracia local irá vendo reducida a súa influencia en detrimento da instauración de nobres visigodos, introducidos desde Toledo a fin de asegurar o dominio directo sobre Galiza. Así, se nos inicios o cargo de dux puido recaer en líderes galegos como puido ser Arxemundo, de nome suevo, avanzado o século VII este cargo recaeu en nobres propiamente visigodos.

O novo status da Galiza

integración progresiva −e as mais das veces violenta− da Gallaecia dentro Estado visigodo tamén tivo un eco na propia Igrexa galega. Así o pon de manifesto o propio ascenso de Froitoso, de familia visigoda, ao cargo de bispo de Braga con motivo do X Concilio de Toledo no ano 656. Con todo, tal e como sinala Anselmo López Carreira, o dominio visigodo da Gallaecia non representou un cataclismo cultural nin económico, mais si o avance das institucións visigodas no territorio galego que nalgúns casos espertou un forte rexeitamento. Unha presenza visigoda que se observa cedo, nas actas do III Concilio de Toledo, celebrado no ano 589, onde xa se albiscan diferentes bispos visigodos na Galiza en substitución de antigos bispos autóctonos de confesión católica.

Relevo visigótico da igrexa de Santiago de Saamasas en Lugo.
Relevo visigótico da igrexa de Santiago de Saamasas en Lugo.

Foi precisamente nese concilio convocado polo fillo de Leovixildo, Recaredo, cando a monarquía visigoda oficializaría definitivamente o catolicismo, chamando a acudir a todos os bispos de España, Galiza e a Galia visigoda (“episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae”). Se ben que a oficialización do catolicismo avivou numerosas conspiracións por parte da Igrexa ariana visigoda, a mudanza confesional permitiu eliminar boa parte das diferencias entre hispano-romanos, visigodos, suevos e galaico-romanos. Oficialmente católico desde mediados do século VI, os eclesiásticos galegos axiña se integraron na administración visigoda e participaron nos concilios toledanos, non sen conflitos. Así o recollen as numerosas disposicións destinadas a impoñer os modelos hispano-visigodos, censurando e prohibindo os ritos propios da Igrexa galega. Neste sentido, resulta especialmente significativa a disposición do IV Concilio de Toledo (ano 633), no que se prohibía aos eclesiásticos facer a tonsura galega, que consistía en deixar o cabelo longo e rapar un pequeno círculo na parte superior da cabeza.

Mais para alén do proceso de uniformización litúrxica, a asimilación da Igrexa galega e o seu sometemento á Igrexa toledana tamén tivo fortes repercusións na propia organización territorial da mesma. Así,  foi no ano 666 cando as autoridades visigodas amputaron á Igrexa galega as diferentes dioceses lusitanas que desde o século V estaban baixo a soberanía dos reis da Gallaecia. Unha redución que acabaría adxudicando a Mérida numerosas sés de bispados ao sur do río Douro, tales como Coimbra, Lamego, Idaña ou Viseu.

No terreo relixioso, destacou na Gallaecia o bispo Froitoso (†665), fillo dun nobre e dux visigodo que acabou ostentando, sucesivamente, os cargos episcopais de Dume e de Braga, aínda metrópole eclesiástica da Galiza. Posteriormente beatificado e coñecido como San Froitoso de Braga, Froitoso destacou pola creación de cenobios tanto no Bierzo, a súa terra natal, como noutros lugares da fachada occidental entre os que destaca o edificio de Montélios, perto de Braga. Neste labor tamén destacou a figura de Valerio do Bierzo, discípulo de Froitoso e autor da obra titulada Vita Fructuosi, dedicada ao seu mestre.

A Gallaecia dominada por Toledo sufriu escasas mudanzas na súa organización territorial ao norte do río Douro

Para alén da memoria histórica que se conservou de tempos pasados, a Gallaecia dominada por Toledo sufriu escasas mudanzas na súa organización territorial ao norte do río Douro, conservando a súa tradicional vinculación á Francia merovinxia. En opinión de Anselmo López Carreira, esta forte conexión entre ambos países explica a presenza de comerciantes e peregrinos francos na Gallaecia por volta dos anos 650 e 652, durante o reinado do visigodo Recesvinto.

Sometida progresivamente á monarquía visigoda desde o ano 585, malia perder a súa soberanía, a Gallaecia nunca deixou de representar, para Toledo, un espazo anexionado e diferenciábel do resto dos seus dominios. Unha realidade política que non pasou inadvertida na lexislación visigoda conservada, onde se diferencian, con plena nitidez, os tres espazos rexidos polos monarcas visigodos: Hispania, Gallaecia e Septimania. Esta concepción tripartita foi a que se transmitiu non só nos sínodos toledanos senón tamén en documentos como a Lex Wamba Regis (Lei do rei Wamba). Da mesma maneira, López Carreira recorda como, aínda que sen monarcas propios no período de dominación visigoda, a Gallaecia mantivo certa consideración de reino anexionado, motivo polo que o papa Gregorio Magno aludía ao visigodo Recaredo (586-601) como “rei dos godos e dos suevos”; unha diferenciación que tamén se observa, séculos despois, cando as crónicas cristiás recorden como o rei visigodo Vitiza foi o encargado de gobernar o reino dos suevos.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios