Afonso II. Un reino na escena europea

Após os efémeros reinados dos mal chamados “reis usurpadores”, o longo reinado de Afonso II (719-842) supuxo un paso definitivo na consolidación dun novo poder monárquico na Gallaecia. Nacido cara o ano 762, Afonso accedeu o trono por ser fillo do rei Froila I, quen gobernara un importante señorío do norte da Gallaecia entre os anos 757 e 768. Malia que non existe consenso arredor das orixes da súa nai, Munia, todo indica que esta puido ser orixinaria do extremo leste do reino, no territorio cántabro-vasco. Con todo, o asasinato de Froila I en terras asturianas axiña apartou a Afonso, entón apenas un infante, do emerxente Estado que estaba a xurdir na Gallaecia. 
Afonso II nunha miniatura do Libro dos Testamentos da catedral de Oviedo.
photo_camera Afonso II nunha miniatura do Libro dos Testamentos da catedral de Oviedo.

Como fillo natural de Froila I, a propia existencia de Afonso supoñía un perigo para o resto de candidatos ao trono e, xa que logo, unha ameaza evidente para os seus rivais. Foi por esta razón que Afonso II foi enviado a un lugar máis seguro, en terras galegas: o vello mosteiro de Sámanos (actual Samos), onde moi posibelmente o infante mantiña fortes  vínculos familiares.

Afonso II nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Santiago de Compostela)
Afonso II nunha miniatura do Tombo A da catedral de Compostela. (Foto: Catedral de Santiago de Compostela)

Educado desde a infancia en terras galegas, Afonso II adquiriu a súa formación intelectual e relixiosa no ambiente culto e monacal de Samos. Unha moral cristiá que para parte da historiografía tradicional resultou crucial na vida do soberano, ao que a tradición alcumou como “casto” por non contraer matrimonio nin posuír descendencia: toda unha rareza na monarquía europea da altura. Após o seu exilio en Samos, Afonso II regresou á vida de palacio baixo o apoio do rei Silo, quen segundo a Crónica Rotense este asociou a Afonso como sucesor. Unha responsabilidade que o infante non chegou a asumir pois se viu desprazado polas sucesivas entronizacións doutros nobres (Aurelio, Silo, Mauregato e Vermudo I) durante máis de dúas décadas. Finalmente, Afonso chegou ao poder o 14 de setembro do ano 791, uns 23 anos despois da morte de seu pai.

A chegada ao poder

Como coñecedor de primeira man da fraxilidade do Estado e da debilidade da propia monarquía nun momento en que a institución rexia aínda non estaba plenamente asentada, axiña Afonso II procurou unha sé rexia afastada de Pravia. Por este motivo, o novo rei decidiu retomar o antigo asentamento de Ovetao, unha humilde poboación asturiana onde seu pai, o rei Froila I, dispuña de terras. Neste pequeno enclave situou Afonso o novo centro político da monarquía galaica. Alén das súas condicións defensivas, enclavada entre as montañas, a poboación de Ovetao tamén estaba próxima ás vías romanas que unían Gigia (actual Xixón) con Lugo e Astorga, ambas as dúas, sedes episcopais desde tempos da monarquía sueva. Con todo, para expertos como Anselmo López Carreira, a elección deste enclave como sede rexia respondeu a causas propiamente políticas, pois no antigo Ovetao, a diferenza de Lugo ou Astorga, non existía outro poder local, nin episcopal nin nobiliario, que estorbase ao soberano.

Educado desde a infancia en terras galegas, Afonso II adquiriu a súa formación cultural e relixiosa no ambiente culto do mosteiro 
de Samos

Con escasos 30 anos, forxado na política e aínda tamén no eido militar, Afonso II afrontou numerosos problemas derivados da hostilidade con Hispania (Al-Ándalus). A subida ao trono hispano-musulmán do emir Hisham I, fillo de Abderramán I, o mesmo que lograra facer de Córdoba unha emirato independente, supuxo o comezo dun tempo de maior conflitividade co veciño Estado musulmán. Transcorridos apenas tres anos da chegada de Afonso II ao trono, o estabelecemento da corte galaica en Oviedo foi visto como un momento de debilidade do novo reino. Unha oportunidade que o entón emir cordobés, Hisham I, non deixou pasar, ordenando ataques a Oviedo nos anos 794 e 795, que destruíron parcialmente a cidade. Porén, o enfrontamento máis grave aconteceu nas montañas de Babia, onde Afonso II sufriu unha dura derrota da que apenas puido escapar con vida. A propia ameaza do Emirato cordobés e o desequilibro de forzas axiña puxo de manifesto a necesidade de estreitar vínculos alén dos Pireneos, coa monarquía carolinxia, a primeira potencia militar europea da época. Unha manobra de achegamento ao poderío franco que non facía senón retomar a liña xeopolítica que a propia monarquía sueva, da man  de Miro, desenvolvera  séculos antes contra os reis hispano-visigodos.

A axenda internacional de Afonso II

Así, no ano 795, mentres lideraba a defensa militar do reino, Afonso II enviou unha embaixada á Francia de Carlomagno, onde o monarca era coñecido como Galletiarum principis (“príncipe das Galizas”). Na cidade de Tolouse a delegación galaica encontrouse coas autoridades francas. Con este achegamento Afonso II sentou as bases dunha futura alianza, así como a definitiva implicación de Carlomagno nos asuntos ibéricos. Con todo, cunha operación política destas dimensións, Afonso II precisaba unha demostración de forza ante o seu homólogo franco. Esta levouse a cabo no ano 797, cando tras reunir un gran exército, Afonso II atacou Lisboa por sorpresa mediante unha fugaz ofensiva; un movemento que recorda ás constantes incursións bélicas dos reis da Gallaecia nesta cidade desde tempos da monarquía sueva. Para alén de prestixio e reputación militar, o ataque permitiu a Afonso II capturar un botín de guerra que o rei non dubidou en partillar con Carlomagno, a fin de gañar o seu favor. Apenas dous anos máis tarde, o 25 de xullo do ano 800, Carlomagno sería coroado emperador en Roma, de mans do Papa León III. 

Máis para alén destes movementos, o certo é que o achegamento entre as monarquías galaica e franca se viu especialmente favorecido polo factor relixioso e, en concreto, pola polémica relixiosa que sacudía a Península ibérica desde o reinado do rei galaico Mauregato (anos 783-789): o adopcionismo. Chamado tamén como o “erro hispánico”, a doutrina adopcionista defendida por Elipando, arcebispo de Toledo, entroncaba coas teses relixiosas de tradición visigoda ao considerar Cristo como fillo adoptivo, mais non natural, de Deus. Malia que a doutrina adopcionista non preocupaba ás autoridades do Emirato cordobés −do que dependía politicamente Toledo−, a influencia que Elipando puidese ter sobre a xeografía ibérica −e aínda fóra dela− si resultaba ameazante para a Igrexa romana, pois poñía en cuestión a unidade do dogma trinitario. Non só iso, a propia consideración de Cristo como fillo adoptivo de Deus reducía o seu carácter divino e achegaba posturas co Islam, para o que Cristo non deixaba de ser un profeta de Deus. 

Un signo da influencia de Elipando, mais tamén da tradición visigoda foi, sen dúbida, a adhesión de numerosos eclesiásticos entre os que destacou Félix, bispo de Urgell. Cunha tradición católica moito máis longa que a de Hispania, na Gallaecia o adopcionismo non logrou enraizar. Fronte a este xurdiron nela numerosas voces eclesiásticas na defensa do carácter divino de Cristo. Entre elas destacou a dun monxe cántabro, Beato de Liébana, autor dunha inxente obra erudita e defensor dunha Igrexa nacional propiamente galaica que puidera romper a súa submisión á antiga Igrexa hispano-visigoda con sede en Toledo. A el élle atribuído o primeiro himno na honra do apóstolo Santiago.   

Así e todo, a conquista das terras de Urgell a mans dos exércitos de Carlomagno no 785, acabou por converter o adopcionismo nun problema tamén dentro das fronteiras francas. Así, apenas uns anos máis tarde, no ano 792 celebraríase en Ratisbona (actual Regensburg, Baviera) un sínodo no que se condenou, entre outros, o adopcionismo, considerado unha herexía por Roma. En realidade, esta doutrina hispánica tamén sería combatida noutros concilios posteriores, entre os que sobresaíu o de Frankfort, no 794. Presidido polo propio Carlomagno e avalado por grandes teólogos europeos como Alcuíno de York, sen dúbida a Cristiandade europea e o Papado viron preciso contar dun contrapeso cristián en chan ibérico, libre da tutela toledana/islámica. Con este obxectivo, o reino da Gallaecia e o seu monarca, Afonso II, convertéronse no aliado necesario para Carlomagno. Mais na propia Gallaecia tamén resultaba imprescindíbel un factor de cohesión interna, un elemento espiritual, vertebrador e inspirado, talvez, nun sincretismo relixioso de orixe ancestral. A manobra, como recorda López Teixeira, non era, nin moito menos, novidosa e xa viña dando os seus primeiros pasos décadas atrás co himno atribuído a Beato de Liébana.

A descuberta da tumba do Apóstolo

Para o mundo investigador, non resulta casual, xa que logo, que no mesmo reinado de Afonso II, e poucos anos despois da alianza galaico-franca −e aínda  a controversia adopcionista− fosen descubertos os restos atribuídos ao apóstolo Santiago. Nin o momento, por volta do ano 812 nin o lugar, o territorio da diocese galega de Iria, o bispado menos afectado pola intervención islámica resultaron casuais. Alí sitúa a tradición a aparición dos restos apostólicos atopados por un ermitán chamado Paio. Este, alarmado pola presenza dunha estrela sobre un túmulo tería informado deste milagre ao bispo da diocese de Iria, Teodomiro. Chegado ao Campo da Estrela (Campus Stellae ou Compostela), o bispo iriense identificou os tres sarcófagos tumulares como os do apóstolo Santiago o Maior e dous dos seus discípulos.

Mosteiro de Samos, onde foi educado e pasou a infancia Afonso II. (Foto: Nós Diario)
Mosteiro de Samos, onde foi educado e pasou a infancia Afonso II. (Foto: Nós Diario)

Milagre apostólico ou operación política de primeira magnitude, após recibir a noticia, Afonso II partiu de Oviedo rumbo ao lugar do descubrimento  a través do que hoxe vén en denominarse “Camiño Primitivo”. Arredor da tumba apostólica, un mausoleo pagán de época romana coñecido como “arca marmorica”, Afonso II ordenou construír unha edificación relixiosa de planta rectangular e tellado de madeira. Unha construción que malia as súas humildes dimensións estaría chamada a se converter, co tempo, no gran centro espiritual da Europa atlántica e destino, aínda hoxe, de millóns de peregrinos. Así e todo, os restos arqueolóxicos levados a cabo arredor da “arca” revelaron un pasado ben distinto ao da tradición oficial; a dun lugar de veneración con séculos de historia. Isto levou unha parte da crítica revisionista a atribuír o mausoleo á figura de Prisciliano, o célebre mártir galego executado en Tréveris no ano 350. Mais fosen −sexan− ou non os restos deste venerado bispo galaico, o certo é que o corpo da “arca marmorica” foi atribuído a Santiago o Maior, un dos doce apóstolos de Cristo segundo a tradición bíblica. Esta identificación permitiu ao emerxente reino da Gallaecia contar cun patrón nacional, unha figura cuxo prestixio o situaría no mundo cristián como todo un referente espiritual, mais, especialmente, fronte a Hispania musulmá e o Toledo mozárabe.

No terreo estritamente político, Afonso II xogou habilmente coa xeopolítica do seu tempo, estabelecendo pactos cos francos e poñendo a Igrexa galaica no mapa de Occidente. Con estes movementos o rei procuraba fortalecer a súa posición á vez que procuraba debilitar o Emirato de Córdoba nun momento en que este se facía especialmente poderoso e ameazante para os intereses de Afonso II.

O goberno de Afonso II supuxo a consolidación política do reino da Gallaecia, especialmente fronte Á Hispania musulmá

A subida ao trono do emir cordobés Abderramán II no ano 822 constituíu un período de gran dinamismo económico e cultural en Al-Ándalus. Xunto a esta, desenvolveuse un auténtico reforzamento da autoridade do emir que non foi ben recibida polos seus funcionarios e xefes militares até derivar en numerosas insurreccións. Foron os casos da rebelión de Musa ibn Musa, pertencente á familia Banu Qasi, unha antiga familia visigoda convertida ao Islam, e aínda de Mahamut, un líder militar orixinario de Mérida. Desde último caudillo, conta a crónica Rotense, que tras ofrecer batalla aos exércitos do propio Abderramán II, finalmente Mahamut tivo que marchar de Al-Ándalus para salvar a vida. Procedente de Hispania, tal e como precisa a crónica Albeldense, o líder musulmán buscou amparo político na corte de Afonso II; un chamamento de auxilio que o monarca atendeu e co que lle permitiu estabelecerse no castro de Santa Cristina en terras galegas. Aínda así axiña apareceron as desavinzas entre Mahamut e Afonso II, sen que as crónicas precisen as súas causas e por volta do ano 840 o hispano-musulmán atacou os territorios galaicos máis próximos ao seu señorío. O atrevemento obrigou ao propio Afonso II a situarse á fronte dun exército e marchar contra o rebelde ao que finalmente venceu.

Mais para alén dos problemas externos, tamén Afonso II tivo que loitar contra a oposición dentro da súa propia corte até o punto de ser destronado, no 802, por un grupo de nobres dos que as crónicas non precisaron o seu nome. Descoñécese o tempo que o rei se viu privado do goberno mais é a Crónica Albeldense a que nos precisa que o rei, tal e como estivera refuxiado en Samos, tamén procurou asilo nun cenobio, no mosteiro de Abelania (actual Ablaña, Asturias). Finalmente o golpe de Estado fracasaría grazas a un grupo de leais encabezado por un nobre chamado Teudano.

De gran duración (51 anos), o goberno de Afonso II supuxo a consolidación política do reino da Gallaecia, especialmente fronte a Hispania musulmá. Tal e como sinala Anselmo López Carreira, con el instaurouse unha organización bicéfala do Estado plasmada no xurdimento dunha capitalidade espiritual sobre Compostela e a diocese de Iria, e unha corte estábel en Oviedo. Sen fillos nin cónxuxe coñecidos, as crónicas coinciden en sinalar a súa morte no ano 842, sendo considerado tradicionalmente como un monarca piadoso, austero e memorábel polos seus actos.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios