Uxía," Eternamente grat@s"

O ano 2012 rematou cunha moi triste nova. O corazón esgotóuselle a Raúl Piñeiro en Alongos (Toén), o lugar onde nacera a súa nai, un asentamento estratéxico na época castrexa. Quizais por iso foi quen de afondar na nosa historia musical e ir ás orixes como pesquisador e promotor incansábel. Un home a quen temos tanto que agradecer os galegos e galegas amantes da música folk. Grazas a el descubrimos auténticas alfaias da nosa música e da música bretoa e celta en xeral. Lembro perfectamente cando nos presentou aos irmáns Molard, Patrick e Jackie, daquela presenza constante nos nosos festivais, ou o grupo DEN, unha delicatessen que degustamos e marcou a tanta xente do folk galego. A miña amiga Guadi sempre di que é o seu disco de cabeceira. Foi produtor tamén de Budiño, gaiteiro e músico amigo que bebeu das fontes e das augas que Raúl ía adiviñando. Aínda non me sae da retina o día que fixemos que o Liceum abrise as súas vetustas portas para escoitarmos a Four Men & a Dog, grupo enerxético e brillante co que pasamos unha noite feliz no Porriño. 

"Non poderei esquecer eses momentos e todo canto nos ensinou da vida e da música".

Non poderei esquecer eses momentos e todo canto nos ensinou da vida e da música. No medio do seu caos e da xa súa coñecida desorganización era sensíbel e xeneroso. E arriscou moito cando ninguén o facía, a súa casa era a nosa casa e a dos músicos que nos visitaban. Alí contounos moitas cousas, moitos segredos, e abriunos ese corazón xeneroso que ágora se esgotou, quizais de dar tanto…

Perdinlle a pista algúns anos e atopeino na época efervescente de Nunca Máis, en Vigo, axudando a organizar 'manis' e xornadas de debate. Á súa faceta de activista cultural sumouse a de grande amante da súa terra e activista militante nacionalista. 

Debémoslle unha merecida homenaxe, para lle dicirmos con música, a linguaxe que mellor entendía, que sentimos moito a súa perda e  facérmosllo saber tamén ao seu fillo Artai, ao que transmitiu moita da súa sabedoría. E farémolo para lle achegar o noso cariño, a nosa alegría, a nosa admiración e para lle render o noso tributo por tantas xornadas de gloria musical. 

De momento vaian estas palabras de conforto para os seus e para que saiban que o mundiño 'folqui' quere recoñecelo porque é de ben nacidos ser agradecidos, porque nada daquilo caeu en saco roto, porque en moitas das melodías e ritmos que hoxe soan aquí e acolá nos festivais da nosa terra e do mundo resoa a aprendizaxe daqueles anos de beleza e excelencia musical.  Eternamente grat@s!

Uxía.

Máis en OPINIÓN
Comentarios