Editorial Sermos290

Uns orzamentos que non son de recibo

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
photo_camera Rueda e Feijóo

En calquera país cun goberno minimamente normal os orzamentos do Estado que acaba de apresentar Montoro serían rexeitados por todas as forzas políticas, a que ocupa o poder executivo e as que fan oposición. Mais Galiza dista de ter un goberno minimamente normal. En puridade, carece de goberno, se por tal entendemos un ente con capacidade de deseñar estratexias propias. A Xunta non é tal cousa, apenas é un apéndice da Delegación do Goberno español na Galiza.

O vicepresidente Rueda dixo que estes orzamentos son históricos. Sono. Sono porque por segundo ano consecutivo as partidas que recebe o país están por debaixo dos mil millóns de euros. Sono porque mentres o incremento do investimento no conxunto do Estado é de 17 por cento, na Galiza só acada 1,2 por cento. E sono porque, alén de estaren hipotecados polo AVE como capítulo cuase monográfico, os orzamentos costuman a teren un moi baixo nível de execución, o que é tanto como dicer que o Estado se limita a desprazar créditos de exercicio en exercicio.

Non son de recibo estes orzamentos e moito menos é de recibo o impostado entusiasmo de Rueda, enviado por Feijóo a defender o indefendíbel.
 

Máis en OPINIÓN
Comentarios