Editorial Sermos293: un 1 de Maio vixente

Manifestación 1 de Maio Vigo
photo_camera Marcha da CIG en Vigo

Pende sobre este 1 de Maio a chamada da CIG a encetar o camiño cara a unha folga xeral. Motivos hainos, como os hai para saírmos á rúa nun contexto de empobrecemento xeneralizado e de desmantelamento dos servizos públicos. Precariedade, temporalidade, salarios baixos, pensións de miseria, emigración… e a escravitude 2.0: falsas e falsos autónomos; contratos por horas, días ou semanas; contratos a tempo parcial; subcontracións de subcontratacións; empresas multiservizos… ter hoxe un emprego non é garantía de chegarmos a fin de mes. A solución pasa, entre outras cuestións, por derrogar decontado as reformas laborais aprobadas primeiro polo PSOE e despois polo PP e a reforma das pensións (a de 2011 contou co visto e prace de UXT e CCOO).

Nos últimos tempos a clase traballadora galega é exemplo da intensificación da mobilización social. Á folga masiva das mulleres, o 8 de marzo, e ás protestas das persoas pensionistas únese a greve das traballadoras e traballadores da xustiza, que xa supera os 80 días. Mais tamén está a loita do persoal de Servicarne en Frigolouro-Coren; a das traballadoras de Bershka, que puxeron en xaque o xigante téxtil Inditex; a do persoal do 112 ou a dos traballadores de Ferroatlántica. E é que non hai represión posíbel que poida coa dignidade da clase obreira galega.

Máis en OPINIÓN
Comentarios