Editorial do Sermos 299: As tarefas de Pedro Sánchez

Pedro Sánchez. Mitin en Pontevedra. Eleccións xerais 2016.
photo_camera Sánchez, nun mitin en Pontevedra nas eleccións xerais de xuño de 2016

Non son poucas as tarefas que Pedro Sánchez deberá impulsar se quere acabar co trato discriminatorio do PP para con Galiza nos últimos anos. Non só derrogar as reformas laborais –a do PP mais tamén a do seu partido–; a das pensións; a Lei Mordaza; a LOMCE… senón tamén as necesidades máis urxentes que ten Galiza, que, malia que o grupo parlamentar de Podemos non o considere así, tamén é unha nación, á altura de calquera outra do Estado ou de fóra del.

Alén do anotado, é fundamental acabar coa débeda que o Estado ten con Galiza en relación ao financiamento autonómico. Cun modelo de concerto económico, que sería o máis xusto, contaríamos con 3.500 millóns de euros máis para investir en benestar social.

Entre os deberes pendentes do Goberno de Sánchez atópanse a derrogación da prórroga de ENCE –logo de que o PP condenase a ría de Pontevedra a 60 anos máis de contaminación–; o veto á transferencia da AP9 –solicitada por unanimidade no Parlamento galego–; unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz por ser Galiza produtora excedentaria de enerxía; unha infraestrutura ferroviaria digna do século XXI cunha rede de proximidade e que contribúa á vertebración do país; unha dotación axeitada para loitar contra a violencia machista nos xulgados e a devolución do Pazo de Meirás e demais bens dos que se apropiou o franquismo.

Máis en OPINIÓN
Comentarios