Acusán á Xunta de ‘’escatimar’’ axudas ás vítimas da violencia de xénero

A deputada socialista Carmen Acuña acusa o goberno galego de deixar ‘’sen axudas específicas” das mulleres que as solicitan.

A voceira de Igualdade do PSdeG no parlamento galego, Carmen Acuña, denunciou que a Xunta tan só concede axudas económicas específicas “ao 30 por cento das mulleres que as solicitan, deixando desamparadas a un total de 720 mulleres no ano 2013”. Así o manifestou durante a comparecencia do director xeral de Orzamentos na Comisión de Igualdade do Parlamento. Acuña afirmou que, “segundo o informe de impacto de xénero enviado pola Xunta ao Parlamento, no ano 2013 foron concedidas un total de 1.067 solicitudes de protección de mulleres vítimas de violencia de xénero. Destas, só 61 obtiveron axudas a través dun pagamento único, e outras 287 axudas periódicas, deixando ao 70 por cento das mulleres coa protección aprobada quedaron sen axuda específica”.

A parlamentar afirma que as mulleres que non percibiron estas axudas “ou non recibiron nada ou recibiron a Renda de Integración Social de Galicia –Risga-”, que conta cun apartado específico para as vítimas de violencia de xénero. Mesmo neste último caso, advertiu, as beneficiarias viron cómo o goberno “incumpriu o prazo legal dun mes para efectuar o pagamento”. Carmen Acuña sinalou que “as mulleres nesta situación límite ven cómo teñen que agardar mais de medio ano, pero a realidade é que non poden agardar porque morren, as matan os seus maltratadores”.

Exixíu ao goberno galego que habilite medidas específicas para estas mulleres que poidan percibir en prazo dada a situación extrema que están a vivir.

Máis en OPINIÓN
Comentarios