As radios libres galegas exixen espazo

Galiza conta con seis emisoras que manteñen unha programación con vontade non comercial de servizo á cidadanía.

akalimera
photo_camera Foto: A Kalimera

A resolución do concurso de licenzas radiofónicas que se deu a coñecer hai unhas semanas confirmou o interese do goberno galego por deixar sen espazo as outras voces da comunicación. Entre as candidatas á obtención dunha frecuencia de FM estaba CUAC FM, unha emisora comunitaria da Coruña que quixo deixar en evidencia as contradicións e irregularidades do sistema que regula a legalización de emisoras no noso país.

"A diferenza das emisoras comerciais que dominan o espectro radiofónico galego, as radios libres manteñen vivo o emprego do noso idioma na FM"

“A Lei xeral de comunicación audiovisual vixente obriga a que existan licenzas para as radios comunitarias, mais o goberno non as contemplou até agora, polo que seguimos funcionando de xeito alegal”, asegura a Sermos Galiza Mariano Fernández, membro de CUAC FM, a emisora comunitaria da Coruña. Perder a batalla non significa perder a guerra, e a decisión da Xunta impugnouna a Rede de Medios Comunitarios diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “O seu ditame podería obrigar a cumprir o Art. 4 da Lei xeral de comunicación audiovisual, que di  que somos un dereito da cidadanía”.

Mapa das radios libres

Con máis ou menos actividade na Galiza emiten no día de hoxe seis emisoras que forman parte, desde 2006, da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (ReGaRLiC). A máis veterana é a Radio Piratona de Vigo, que agora non emite, por estar de traslado a un local novo. Erasmo, un dos seus membros actuais, comenta que continúan coa mesma idea asemblearia e de programación que tiñan nos seus inicios en 1988. “Realizamos contrainformativos semanais e damos prioridade á música baixo licenza Creative Commons”. 

“A radio que sae de aquí, sen ánimo de lucro, é unha radio pura, seguiremos loitando para que se nos recoñeza”.

En Compostela traballa Radio Kalimera, “a irmá pequena da Piratona”, como gusta de dicir Ara. “Sempre houbo moita relación entre nós, por compañeir@s de Vigo que viñan estudar acó e xente de acó que marchou traballar aló”. Admite que calquera pode facer un programa na Kalimera “sempre que respecte as premisas de ser en lingua galega, nunha linguaxe que non sexa sexista nin discriminadora e que non difunda actividades de partidos políticos”. 

Do mesmo xeito funcionan en Lugo Radio Clavi, a partir da Asociacións polo Movemento Radiofónico Lucense (Amoral), Radio Filispim, en Ferrol, CUAC FM, na Coruña, e Radio Roncudo, en Corme. “Nós fundamos CUAC FM en xuño de 1995”, conta Mariano, “a idea non era crear unha radio institucional universitaria senón abrir crear unha canle de comunicación coa cidade posto que daquela a universidade comezaba e estaba moi á marxe”. 

En Ferrol a iniciativa xurdiu de varios amantes das ondas que tiveron o apoio do Ateneo Ferrolán. “Tamén sacabamos un fanzine como Colectivo OPAII (Ondas Para Activación Información Independente) sobre a base dun obradoiro de radio”, lembra Cholo. A máis nova -naceu en 2003- é Radio Roncudo. “Montar unha radio é caro, pero nós conseguímolo após obter financiamento da asociación suíza Galiza-Prestige para para proxectos socioculturais na Costa da Morte”, explica Óscar, e engade que agora contan “cunha programación realizada por persoas da bisbarra e doutras que non están fisicamente en Corme”.

Defensa da lingua

A diferenza das emisoras comerciais que dominan o espectro radiofónico galego, as radios libres manteñen vivo o emprego do noso idioma na FM. “Para nós é un orgullo ser en Vigo a única que emite en galego xunto coa Radio Galega”, explica Erasmo, de Radio Piratona, “e estivemos abertos sempre ao galego, independentemente da normativa que empregue cada programa”. Na Radio Kalimera é unha das premisas para entrar, e en Radio Roncudo e CUAC FM domina o noso idioma na grella de programación. “Somos os únicos que cumprimos coa lexislación do 50 % na nosa bisbarra para logo dar licenzas a emisoras que non emiten nin un minuto en galego”, sinala Mariano, de CUAC FM. 

Coas novas licenzas cada vez hai menos oco para estas emisoras e para o noso idioma, mais ningunha delas pensa deixar de loitar.  Óscar, desde a Costa da Morte, expresa moi ben o sentimento  e a razón de ser destas emisoras. “A radio que sae de aquí, sen ánimo de lucro, é unha radio pura, seguiremos loitando para que se nos recoñeza”.

Coa nova adxudicación de licenzas de FM cada vez hai menos oco para estas emisoras e para o noso idioma, mais ningunha delas pensa deixar de loitar, malia as dificultades económicas e a difícil dependencia do voluntarismo.

Publicado no Sermos Galiza nº59

Máis en OPINIÓN
Comentarios