Putin: ''Por que Occidente fixo un experimento en Ucraína sen pensar nas consecuencias?''

O presidente ruso nega que vaia atacar Ucraína mais advirte que se a poboación do leste dese país lle pide axuda “defenderíaos”. Afirmou que “non hai presidente lexítimo en Ucraína até as novas eleccións” e criticou o papel de EUA e UE: ''O derrocamento (de Yanukovich) foi moi ben orquestrado”.

Putin
photo_camera Putin

Vladimir Putin compareceu ante a imprensa internacional para falar da crise de Ucraína. Unha comparecencia na que defendeu que o seu país está a actuar “de maneira lexítima” en contraposición ao que aconteceu en Kiev: “O derrocamento do goberno ucraíno de Ianukovich) foi moi ben orquestrado”. Foi, insistiu, “un golpe de estado anti-constitucional, unha toma armada do poder”. E foi algo no que Occidente, ao seu xuízo, tivo moito a ver. “''Por que Occidente fixo un experimento en Ucraína sen pensar nas consecuencias?'', preguntou.

“Creo que EUA ten un departamento onde idea experimentos sobre os ucraínos como se fosen ratas"

“Estados Unidos fórmase obxectivos xeo-políticos e despois arrastra a todo o mundo tras deles”, manifestou, engadindo que os “EUA trata de fundir a quen non siga as súas regras”. E, contundente, o presidente de Rusia manifestou a súa crenza de que “EUA ten un departamento onde idea experimentos sobre os ucraínos como se fosen ratas" .

Mensaxe de tranquilidade, mais tamén de firmeza

Vladimir Putin dirixiuse aos e ás ucraínas para transmitirlles que teñen “todo o dereito a decidir o seu propio destino”, apuntando a que “a anexión de Crimea a Rusia non está contemplada” e que Rusia “non vai combater o pobo ucraíno”. Como mostra, lembrou que en Crimea “non houbo nin un só disparo, nin unha vítima”.

Putin afirmou que @s ucraín@s estaban lexitimados para protestar contra Ianukovich. Mais o derrocamento do goberno foi ilexítimo e pon en risco a estabilidade do país

Mais ao mesmo tempo o presidente ruso tamén mandou unha mensaxe clara a 'bos entendedores': “Se a poboación do leste de Ucraína pedise axuda, poderiamos usar recursos para defendelos”. Recoñeceu que se reforzaran efectivos nos cuarteis militares “tras aparecer combatentes neo-nazis” e sinalou: “Non hai necesidade de usar tropas en Ucraína polo de agora”.

Máis en OPINIÓN
Comentarios