Pescanova prepara a venda da 'gafada' planta acuícola de Mira (Portugal)

Fernández de Sousa levantou estas instalacións en Mira despois de fracasar as 'presións' ao bipartito para que lla deixasen erguer nun espazo protexido en Galiza. Desde a súa posta en andamento en 2009 deu perdas e moitos sinálana como inicio da crise da pesqueira.

Fernández de Sousa
photo_camera Sousa

O consello de administración de Pescanova analizou durante máis de sete horas o plan de viabilidade da compañía, elaborado por PricewaterhouseCooper, informa Economía Digital. Un plan no que se recolle medidas e actuacións que debe adoptar a pesqueira para manter a actividade, “tendo en conta que nestes momentos ten cun buraco patrimonial que excede os 1.600 millóns de euros”.

A auditora PWC sostén que a compañía non debe “trocearse nin venderse”. Mais si contemplaría “desinvestimentos puntuais de activos”. Entre eles, segundo puido saber Economía Digital, está a 'gafada' planta de rodaballo de Mira, en Portugal, coa que Fernández de Sousa, como presidente de Pescanova, quixo imporse e doblegar ao goberno galego, daquela en mans da coalición PsdeG/BNG.

A historia da que foi a planta de rodaballo de Mira comeza en 2004, lembra ED: Manuel Fraga, “antes de perder as autonómicas, aprobou a instalación na Costa dá Morte dunha enorme planta de acuicultura por parte de Pescanova”. Daquela falábase que ía crear 200 postos de traballo e un investimento de 140 millóns de euros. Mais a derrota do PP e a formación dun goberno de coaligación entre socialistas e nacionalistas “trastornou os plans de Manuel Fernández de Sousa-Faro. O terreo era intocable ao estar dentro de rede natura”. Os emprazamentos alternativos ofrecidos polo goberno galego foron desbotados, con desprezo, por Fernández de Sousa, encaprichado en que esa planta tiña que ir no lugar por el sinalado, en plena rede natura.

Ao non poder ser alí, levouna para Portugal, a Mira. Mais alí, desde o inicio, tivo problemas. Sinistros, mortandade de peixes, ... que fixeron unha ruína do proxecto.

Máis en OPINIÓN
Comentarios