Patrick Molard: "Raúl Alberto Pinheiro Vidal, meu irmán galego"

Raúl era moito máis ca un amigo para min, era o meu irmán da Galiza, ese país que el amaba tanto e que me fixo descubrir até nos seus máis pequenos recunchos. Aínda na última vez, en abril de 2012, ensinoume o Castro de San Cibrao de Las, e o seu soño era organizar un concerto de gaita só acústico nese lugar grandioso.

Raúl levoume por todas partes, norte, sur, leste, oeste, a lugares cada un máis extraordinario, como a Costa da Morte (Carballo, Laxe), os montes de Balboa e o castiñeiro milenario de Manzaneda. Xa non vou falar das múltiples voltas por Asturias e Cantabria grazas aos numerosos concertos que organizou para min.

Coñecín a Raúl nos anos oitenta, creo que foi co grupo Gwerz no festival de Ortigueira, e desde entón, durante este tempo mantivemos unha sólida amizade. Non podo dar conta de todos os concertos, estadías, clases maxistrais, festivais, entrevistas que Raúl argallou para e por min, é imposíbel. Isto representa máis de vinte anos dunha vida.

Para Raúl eu era o seu irmán gaiteiro bretón. A Bretaña, a que el amaba case tanto como a Galiza: Douarnenez, Locronan, Huelgoat e Kermain, a miña aldea perto de Carhaix. É máis el sempre dicía « a miña familia de Kermain », en falando de nós.

Os músicos bretóns querían moito a Raúl e estábanlle moi agradecidos por ter invitado a grupos bretóns aos festivais de Galiza, contribuíndo así a un achegamento entre os dous países, con poucos contactos, antes da acción impulsada por Raúl.

E por suposto, teño que falar da formidábel aventura dos Mestres Solistas de Gaita, ideada por Raúl, con gaiteiros de todos os países : 
Nós percorremos toda a Galiza, mais tamén Asturias, Salamanca, Madrid, Zaragoza, e tamén a Bretaña polas terras de Brest e polos montes d’Arrée.

Como poder esquecer eses anos de música, de viaxes, de amizade profunda, todo iso grazas a Raúl.

Raúl, irmán meu, ti eras unha boa persoa, son feliz de te ter coñecido. O mundo fíxoseme máis pequeno agora, ti eras o noso rei. Nunca esquecerei a túa xenerosidade, a túa abnegación, as túas ganas de xustiza, a túa gran cultura, o teu humor, a túa tenrura e a túa profunda honestidade.

Raúl, nós non te esqueceremos nunca.

Ton frère breton ,
Patrick Molard

Máis en OPINIÓN