O sector crítico pide a Toxo que cese o representante de CCOO que votou a reforma de pensións ou que demita

Miguel A. García Díaz, responsábel do gabinete de economía do sindicato, avalou a proposta de reforma pois entende que cómpre garantir unha “forte solidariedade” entre xeracións. A decisión xerou un gran malestar dentro mesmo de Comisións Obreiras, onde Agustín Moreno, un dos rostros máis coñecidos d@s crític@s, exixiu o cese do experto

Toxo, CCOO

Miguel A. García Díaz foi un dos 12 integrantes do comité de sabios e expertos convocado polo goberno Rajoy que deu o apoio a unha proposta sobre pensións que augura novos recortes. Mais non era 'un máis'. É o responsábel do gabinete económico de Comisións Obreiras. Se ben defendeu que o seu voto era individual, e que non estaba nesa comisión para votar polo sindicato, a súa decisión xerou malestar e indignación en partes moi amplas da cidadanía. E tamén do seu sindicato.

Neste sentido, Agustín Moreno, que leva anos facendo parte do sector crítico para co oficial en CCOO, xa falou claro e sen ambaxes en twitter: “Toxo debe dar explicacións inmediatas polo voto a prol de CCOO ao informe que recortarás pensións e cesar a MA García ou demitir el”.

Unha posición ou exixencia que é amplamente apoiada nas redes sociais por un sector da militancia en Comisións Obreiras.

Factor de solidariedade

Nun artigo publicado na rede de El País, 'Informe sobre o factor de sostibilidade das pensións', Miguel A. García xustifica o seu voto: “defendo un sistema público de pensións de reparto, é dicer, con forte solidariedade entre xeracións”. Defende un “equilibrio orzamentario a longo prazo” que garanta que se mantén o sistema. Incide en que o aumento da esperanza de vida e a queda demográfica obrigan a facer modificacións no sistema de pensións.

Argumentos estes (e máis expostos no seu artigo) que semellan non convencer nin a unha parte dos seus compañeiros e compañeiras de sindicato

Máis en OPINIÓN
Comentarios