Editorial Sermos313: Un novo curso sen lei galega de educación

vuelta al cole ceip ludy

Inauguramos curso e continuamos cos mesmos recortes e coa comunidade educativa disposta, mais unha vez, a se mobilizar en defensa dun servizo público esencial para garantir non só a formación das novas xeracións, mais tamén a igualdade de oportunidades. Continuamos tamén sen a menor esperanza de que vaiamos contar no curto prazo cunha lei galega de educación. Sen ela non é posíbel adecuar os currículos ás necesidades de formación do alumnado. Sen ela non é posíbel combater a cada vez maior minorización da lingua galega nas aulas do país, preterida non só polo castellano, mais tamén polo inglés. En poucas materias o goberno galego do PP é tan irresponsábel como na súa política educativa, tan anti-social (por favorecedora do ensino privado) como centralista (por uniformizadora e negadora das realidades específicas da Galiza).

Se baixamos ao concreto, o balanzo é tamén desolador. Nos últimos anos o ensino na Galiza perdeu por volta de 3.000 profisionais, arredor do duplo das prazas que a Consellaría afirma estar agora en condicións de criar. Sen profesorado suficiente non é verosímil que se produza unha mellora sustancial da calidade do ensino público. Só se darán pasos adiante con máis recursos —ou sexa, con outro sistema de financiamento— e con vontade política. Precisamente aquilo do que esta Xunta carece.

Máis en OPINIÓN
Comentarios