Nova campaña para pedir a liberdade do preso político máis antigo de EUA, Leonard Peltier

Leonard Peltier, activista nativo americano da tribu anishinable-lakota, leva 38 anos preso. Organizacións indias e de DDHH como Amnistía Internacional demandan a súa liberación, unha petición que no seu día fixo Nelson Mandela.

leonard peltier

Leonard Peltier está condenado a dúas cadeas perpetuas pola morte de 2 axentes do FBI en 1975 en Pine Ridge, unha reserva india. Este activista nativo-americano leva entre reixas 38 anos e movementos de dereitos humanos dos Estados Unidos volveron insistir este ano nas peticións e demandas para que sexa posto en liberdade. Argumentan que o seu encarceramento fíxose sen haber probas concluíntes na súa contra, nun proceso baixo sospeita e nun momento (década dos 70) nos que dese FBI, servizos de intelixencia e Policía había programas específicos de criminalización dos movementos afroamericanos e nativoamericanos. Peltier era militante do AIM (Movemento Indio Americano)

Peltier é “un símbolo dos pobos orixinarios” de América, sosteñen estes colectivos e movementos. Amnistía Internacional reitera que debe ser liberado. Columnistas de xornais como o NYT avogan por unha revisión do proceso. Xa Nelson Mandela `pedira a súa liberación a Bill Clinton no ano 2000. O daquela presidente de EUA aceptou estudar a demanda mais a marcha-protesta de 500 axentes de FBI até a Casa Branca fixo que Clinton optase por dar carpetazo ao asunto.

Por que?

Leonard Peltier ten graves problemas de saúde. Está encarcerado en Florida, a 3.200 kilómetros dos seus familiares (que viven en Dakota do Norte). Sufriu agresións e maos tratos, denuncian desde as plataformas a prol da súa liberación.

Como acabou este indio sioux-chippewa en prisión, condenado a 2 cadeas perpetuas? A raíz dun tiroteo nunha 'reserva indíxena' en xuño de 1975. O 26 dese mes axentes entraban nun rancho da reserva de Pine Ridge para deter a un mozo que presuntamente roubara unhas botas de montar. Pine Ridge estaba, ao igual que outras moitas comunidades indias, baixo investigación e vixiancia do FBI polas actividades do movemento nativo-americano.

Nas semanas anteriores varios indios foran asasinados por homes brancos, polo que a tensión en Pine Ridge era moi alta. A irrupción dos axentes levou a anciáns desta comunidade a pedir protección ao Movemento Indio Americano (AIM). Varios activistas responderon a esa chamada e acamparon no rancho, entre eles Peltier.

''Montaxe''

A resultas do titoreo morreron 2 axentes do FBI e un indio. Peltier e dous compañeiros seus do AIM foron xulgados polos feitos, mais estes dous nunha causa separada. Ficaron libres por entender que actuaran en defensa propia. Mais Leonard non.

Porén, testemuñas recoñeceron sufrir presións do FBIpara acusar a Peltier e mesmo, anos despois, a Corte de Apelación recoñecía que “hai probas de condutas indebidas” no proceso e mesmo a comisión afirmaba textualmente: “A Fiscalía admitiu a falla de evidencia en que Peltier participase persoalmente na execución de 2 axentes do FBI”.

Máis en OPINIÓN
Comentarios