Editorial Sermos275: o noso 6-D, algo que celebrar e que reivindicar

Constitución española

Que o do 78 é un réxime esgotado e fracasado está fóra de toda dúbida, ao igual que o feito de ser a Constitución española antinacionalista, antisocial e antidemocrática, que segue sen dar resposta ás necesidades das nacións sen Estado e que está máis desfasada que nunca. Unha constitución que representa a monarquía herdeira do franquismo, o militarismo e a oligarquía e que nega o dereito a decidir e a capacidade dos pobos de se desenvolver por si mesmos. Mais o 6 de decembro, as galegas e galegos temos algo que celebrar. E é que o 6 de decembro de 1931, hai 86 anos, fundábase o Partido Galeguista. Unha forza política da que farían parte toda unha xeración de nacionalistas, formados ao abeiro das Irmandades da Fala, e que por vez primeira reclamaba o dereito de autodeterminación para Galiza. Un dereito básico que, malia estar recoñecido pola Carta de Dereitos das Nacións Unidas para que os pobos poidan decidir sobre a súa soberanía, segue a ser negado no Estado español.

O autonomismo é xa pasado, está superado e o deseño unitario do Estado español, caduco. Cada 6 de decembro, amais de lembrar o Partido Galeguista, cómpre reivindicar un outro modelo que nos permita avanzar sen lastres co obxectivo de dotarmos Galiza de oportunidades de desenvolvemento para mellorarmos a vida de todas e todos, para termos un futuro de máis prosperidade.

Este editorial aparece no Sermos275, disponíbel aquí na nosa loxa.

Máis en OPINIÓN
Comentarios