Editorial Sermos286: Mobilización social

manife
photo_camera Un aspecto da manifestación de Vigo desta terza feira

Hai momentos en que o corpo social expresa abertamente a súa irritación, organízase nos centros de traballo e toma as rúas. Este é un deses momentos. A greve do persoal funcionario da xustiza na Galiza, as marchas das persoas pensionistas desta terza feira, a campaña das mulleres por pararen o país o próximo 8 de marzo... Esta movimentación non é casual. A crise en absoluto está fechada. Os deseños do neoliberalismo non deron un paso atrás e, no caso da Galiza, as políticas de recentralización, pensadas para promover o desenvolvimento hipertrófico da capital do Estado, continúan no seu apoxeo, esporeadas por un PP que non quer perder o pé fronte á ofensiva dun Cs que basea todo o seu crecimento na gasolina do españolismo máis primario.

Esta movimentación non é casual. A crise en absoluto está fechada

A crise ten vítimas. Persoas concretas. Colectivos. E países. Galiza é unha desas vítimas. Aliás, os seus problemas son estruturais, van máis alá dunha conxuntura concreta. A mobilización é un síntoma de que a sociedade galega -que cada día se move máis en chave de país- está viva e non se conforma co que hai. Irá a máis perante a previsíbel oposición do PP a introducir variacións sustantivas nas súas políticas anti-sociais e anti-galegas.

Máis en OPINIÓN
Comentarios