Editorial Sermos310

Marisquiño: Unha investigación necesaria

o marisquiño vigo
photo_camera Imaxe tomada após o sinistro

Non hai ningunha razón obxectiva para se opor a que o Parlamento de Galiza analice a fondo as responsabilidades políticas —as xudiciais xa se depurarán nos tribunais- ás que houber lugar polo sinistro do festival musical O Marisquiño, cun balanzo de máis de 400 persoas feridas. Acertan pois BNG e En Marea ao promover a constitución dunha comisión na cámara galega e non se entende ben a negativa a respaldala dun PSdeG que actúa neste asunto movido exclusivamente por criterios partidistas de moi curto alcance. A pergunta é evidente: se Abel Caballero non ten nada que ocultar, daquela por que se opón o seu partido a que desde o Pazo do Hórreo se deite luz sobre as causas do accidente e sobre as eventuais responsabilidades das distintas administracións públicas implicadas (basicamente o concello e a Autoridade Portuaria de Vigo)?

A comisión só se poderá formar se contar co apoio do grupo maoritario da Cámara (o regulamento do Parlamento continúa a ser enormemente restritivo a respecto dos dereitos da oposición). Isto significa que a súa constitución depende da vontade política do PP. E aquí, non nos enganemos, o partido no goberno xogará exclusivamente en función dos seus intereses partidarios e electorais. Lamentabelmente igual do que o PSdeG.

Máis en OPINIÓN
Comentarios